A denuncia da trama dos cursos falsos á que ninguén fixo caso en 2010

Novas de 'Xornal' denunciando a trama de cursos falsos Dominio Público Praza Pública

Nin na UE, nin na Fiscalía, nin no Ministerio de Traballo nin, por suposto, na Consellería. Todos pasaron por alto as denuncias que o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, fixera en 2010 sobre as irregularidades na concesión de subvencións públicas para cursos destinados a desempregados que acababan por cantidades millonarias en "empresas amigas do PP" e, nomeadamente, nas do principal imputado na operación Zeta, Gerardo Crespo.

O alcalde de Oleiros xa denunciara en 2010 a "escandalosa montaxe" que supoñían a adxudicación de cursos a Crespo

O rexedor oleirense denunciaba daquela que, mentres concellos como o seu, recibían ridículas cantidades ou quedaban excluídos dos cursos a parados que sempre realizaban, a Xunta concedía "a dedo" un millón de euros a empresas "afíns aos populares". Ás de Gerardo Crespo e por cursos "de dubidosa efectividade ou que directamente non se realizaban". García Seoane di sentirse agora "frustrado" polo feito de que daquela "ninguén dixese nada sobre esta escandalosa montaxe", pero "satisfeito tamén" por comprobar que aquilo que el denunciaba está sendo agora investigado e en mans da xustiza.

A pelexa de García Seoane era que mentres ao Concello de Oleiros tan só lle concederan aquel ano 114.000 euros e dous cursos, as empresas de Gerardo Crespo recibían máis dun millón de euros para un total de 24 cursos. O alcalde denunciou á Fiscalía, que arquivou o caso, e acudiu logo á UE e ao Ministerio de Traballo, que tamén dera axudas ao empresario agora imputado, que ameazou incluso con denunciar ao rexedor oleirense, "algo que non se atreveu a facer".

A Fiscalía, a UE e o Ministerio de Traballo arquivaron as denuncias ao "non producirse malas prácticas nin fraude ningunha"

Daquela, o diario Xornal de Galicia fixérase eco das denuncias que implicaban tamén un suposto financiamento ilegal do PP, e ás que Gerardo Crespo respondía cualificando de "ignorante" o rexedor de Oleiros, anunciando que iría "a por todas" contra el e acusándoo de "manchar a honorabilidade dos técnicos da Administración autonómica". Incluso atacou o periódico, culpándoo de "non ter máis cousas que publicar".

Ás poucas semanas, tamén o BNG, a través de Carlos Aymerich, denunciaba "cousas sospeitosas" arredor das adxudicacións da Xunta ás empresas de Gerardo Crespo, apuntando incluso ao "financiamento da campaña do PP na Coruña".

"Estou convencido de que esta operación Zeta xorde da miña denuncia daquela", explica agora o alcalde, que lembra como hai catro anos varios empresarios de hostelería lle confesaran que asinaban en nome de camareiros que non tiñan para xustificar cursos que nunca recibiran ou como denunciou "un curso de sumilleres nunha parroquia de Zas". "Todo era unha montaxe", lembra García Seoane, a quen o daquela líder da oposición na Coruña, Carlos Negreira, o acusara de facer electoralismo, mentres o rexedor coruñés, Javier Losada, obviaba responderlle.

Especialmente doído quedou coa resposta que lle chegou do Ministerio de Traballo en xullo de 2011 e na que se advirte de que unha auditoría de PWC encargada pola Consellería de Traballo, así como as conclusións da Fiscalía, "entenden que non se produciron malas prácticas nin fraude ningunha no reparto das subvencións". "É alarmante que se nos contestara aquilo e que non observasen nada estraño; intentouse tapar o que denunciamos e está claro que a xustiza funciona dependendo nas mans de onde caía cada tema. O que si está claro é que se o auditor non apreciou nada raro, a quen  había que prender tamén era a este auditor", asegura agora.

"Intentouse tapar o que denunciamos; se o auditor non viu nad raro, a el tamén había que prendelo", di García Seoane

A raíz daquela denuncia, continúa o alcalde, foron varios os traballadores de diferentes empresas as que acudiron ao seu despacho para "denunciar as irregularidades nos cursos". "Moitos viñan porque tiñan medo a verse involucrados tamén na trama e o único que lles pedín e que denunciasen os casos", explica quen tamén di saber dos "conflitos" que houbo na Consellería de Traballo entre funcionarios dispostos a levar os casos ante a xustiza por temor a unha investigación posterior e os que preferiron calar.

Varios traballadores e empresarios acudiran ao despacho do alcalde a confesar a fraude nos cursos de formación

"A xente empezou a denunciar por medo a verse involucrada tamén; foron varios os que me confesaron que asinaban por cursos que non recibían ou que directamente non existían", engade García Seoane, que lembra como despois daquela denuncia e das negativas de calquera irregularidade por parte de Crespo, o PP e a Xunta -o empresario chegou a pactar co alcalde da Coruña, Carlos Negreira, a resposta a dar ante aquelas sospeitas que chegaban á prensa- o trato da Consellería de Traballo "cambiou". "Sexa polo que for, o trato que era moi malo pasou a ser algo mellor; eu só pedía que se nos desen as subvencións que nos correspondían, nada máis", aclara.

O rexedor oleirense cre que a trama 'Zeta' é tan só a punta do iceberg da corrupción

A policía rexistrou as empreas de Crespo en xuño de 2012, coa investigación xa en marcha, e a Xunta denunciou ante a Fiscalía as irregularidades tan só uns meses antes, pero desvinculándoa dunhas denuncias de García Seoane que se demostraron ben fiadas.

O que si ten claro o alcalde de Oleiros é que a trama descuberta coa operación Zeta é tan só a punta do iceberg. "Había máis empresarios amigos favorecidos e tan só hai que ver as fotografías que sacaban as revistas dos hostaleiros para decatarse; eu desde logo non saía en imaxe ningunha", di con ironía quen cre que "non é a política a que está podre, senón todo o país".

"Isto que sae agora non é nada comparado co que pode haber por todo o país, porque hai moita merda no PP, no PSOE e en moitos outros lugares. Hai poucos honrados", remata

Ángel García Seoane © Concello de Oleiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.