Contas constata o descontrol nas subvencións da Xunta a entes da trama Zeta

Entrevista á directora xeral de Formación e artigo de Crespo nunha revista de FEAGA CC-BY-SA Praza Pública

Máis madeira para o lume do escándalo da trama Zeta. A combinación da axenda parlamentaria e do feito de que, hai case dous anos, se incluíse no plan de traballo do Consello de Contas a análise dos programas de formación para o emprego sufragados pola Xunta no ano 2010, provocou este luns que o ente fiscalizador sacase á luz novas dúbidas sobre os cursos de formación que subsidia a Consellería de Traballo en xeral e, en particular, sobre os outorgados a entidades da rede presuntamente corrupta dirixida polo empresario coruñés Gerardo Crespo. O organismo fiscalizador entregou no Parlamento un informe no que, como a Unidade de Delincuencia Económica e Financeira (UDEF) da Policía, certifica supostas irregularidades e un manto de opacidade en torno a estas accións formativas amparado, en boa medida, pola falta de ontrol da Administración.

O organismo que dirixe en funcións o ex conselleiro Xesús Palmou comeza o seu informe advertindo de que a análise destes cursos, impartidos por múltiples organizacións sociais, sindicais, empresariais e pola propia Xunta, está "limitada pola ausencia de instrumentos de planificación con obxectivos e indicadores válidos que permitan valorar o seu cumprimento". Partindo da base da imposibilidade de "realizar unha valoración global da actividade de formación" e mesmo da dificultade de "determinar con precisión o gasto" do Goberno galego neste ámbito, Contas salienta prácticas reiteradas nas diversas organizacións, tanto nos cursos para persoas desempregadas como nos destinados a ocupadas, como reiteradas subcontratacións con entidades afíns ou o pagamento de gastos ordinarios de funcionamento con cartos destinados aos cursos.

Contas ratifica as dúbidas sobre as entidades de Crespo e esténdeas a outras organizacións empresariais e sindicais

Así, no que atinxe ás subcontratacións, Contas sinala que "de forma destacada, en torno a algúns beneficiarios dáse un elevado elenco de entidades vinculadas que absorben a totalidade das súas contratacións externas", unhas subcontratas que, ao seu xuízo, están fóra da norma. Deste xeito, subliña que "na contorna de Gecreri", unha das empresas de Crespo, "aparecen outras seis entidades: Fundefo, Gecan, Propuestas Empresariales, Mavilga, Edicións Transfontao e Acada Innovación", moitas delas investigadas no marco da trama Zeta. Do mesmo xeito, por exemplo Fundefo e Gecreri mércanlle o material didático a Propuestas Empresariales e, asemade, Fundefo aluga locais de Gecreri. Alén da suposta trama corrupta Contas tamén detecta este tipo de prácticas "en torno ao grupo Academia Postal" e "na Fundación Paideia", no que atinxe ás subcontratas e nos sindicatos IGT e CIG, nos alugueiros de locais.

Para o Consello de Contas a subcontratación "con centros de formación a impartición de parte dos cursos" non só infrinxe a norma autonómica -a estatal é máis laxa neste ámbito-, senón que tamén implica que entidades que non "imparten propiamente as accións formativas" poidan "facturar e percibir gastos indirectos de xestión" que "encarecen o custo das accións formativas sen achegar valor engadido". A este factor engádese o feito de que "en numerosos expedientes existen gastos que, por responder aos ordinarios de funcionamento das entidades ou non ter ningún compoñente que poida relacionarse co desenvolvemento do proceso de formación ou non corresponder ao período de impartición das accións formativas, non deberían considerarse financiables".

Sen comprobacións da Consellería

Unha das críticas máis recorrentes do Consello de Contas é a ausencia de comprobacións por parte da Consellería de Traballo a respecto da correcta realización dos cursos. Así, as máis das veces abonda coa memoria que presentan as entidades -as da suposta trama e as demais- para xustificar diversos aspectos da suposta impartición. Deste xeito non constan, por exemplo, partes de asistencia que teñan que ser asinados polo alumnado, unha documentación que, "independentemente de que a súa ausencia non comporte incumprimento normativo", "parece unha esixencia mínima", di o Consello.

Nesta liña, o informe de Contas achega exemplos de como, por exemplo, nun curso impartido por Gecreri en Viana do Bolo "non consta a realización de visitas de comprobación" por parte da Xunta, o mesmo que aconteceu noutro curso da mesma entidade en Arteixo. Mentres, nunha acción formativa de Fundefo na Cañiza o Consello de Contas detecta que "a contratación realízase con empresa vinculada", Gecam Formación, que "ten o mesmo administrados que Gecreri", empresa que á súa vez é "administradora de Acada Innovación", entidade cuxo domicilio "coincide co de Gerardo Crespo".

A Xunta non comprobou se FEAGA realizou cursos que subvencionou por máis de 200.000 euros

Tampouco houbo control da Xunta nas accións formativas organizadas por outra das entidades presuntamente integrada na trama Zeta, a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), que no caso analizado recibiu fondos por importe de máis de 200.000 euros. Para a realización de cursos como Intelixencia emocional, Photoshop ou Coaching and mentoring, FEAGA contratou a "realización da totalidade das accións formativas" con FEMXA formación, que facturou "o 100% do custo de cada acción formativa". A subcontratación "realízase en termos tan amplos" que "é dificilmente xustificable", "o número de alumnos que participan superan os autorizados" e, ademais, non existen "xustificantes de gasto" que "permitan o control". En calquera caso, non houbo control de asistencia de alumnado nin "comprobación in situ" por parte da Xunta "da realización do curso".

Palmou entrégalle os informes á presidenta do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.