0 Gardados para despois

Inédita unidade de PSdeG e BNG no Parlamento para esixir que Feijóo explique os recortes

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Son momentos de empezar a traballar unidos". O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, resumía deste xeito o inédito "xesto de unidade" vivido este mércores no Parlamento. Tras tres anos de oposición socialistas e nacionalistas uníronse nunha acción que ten moito de simbólico, especialmente a poucos meses das eleccións e no final dunha lexislatura que comezaba con distanciamento, cando non hostilidade, entre as dúas formacións. PSdeG e BNG reclamaron conxuntamente que o presidente da Xunta acuda á Cámara para explicar os efectos en Galicia dos recortes sanitarios e educativos que está a aplicar o Goberno central e, aínda que a iniciativa foi tombada polo PP apenas media hora despois de saír á luz pública, pode ter maior percorrido político nas accións de rexeitamento ante o que a voceira do Bloque, Ana Pontón, define como un "ataque sen precedentes" á sanidade pública.

Ambas forzas presentaron esta solicitude na Xunta de Portavoces, o órgano reitor da Cámara, e o seu simbolismo acrecéntase polo feito de que só o PSdeG ten deputados dabondo para solicitar comparecencias. Asegura Vázquez que esta reclamación non é un feito puntual, senón "un punto de inflexión". "Os que representamos a 5.000 persoas máis das que representa o PP en voto directo en urna estámoslle pedindo" a Alberto Núñez Feijóo "que diga alto e claro cales son os recortes" e, nesa mesma sesión, "explicar nós que hai outro modelo económico para sacar adiante este país". "Das tres forzas políticas, hai dúas que cren que outro modelo de Galicia é posible" e, por iso, subliña, "sempre que o BNG e nós o vexamos necesario, estarei disposto a buscar acordos" para que "o presidente diga a verdade".

"Os que representamos a 5.000 persoas máis das que representa o PP queremos explicar que hai outro modelo económico", di Vázquez

Pero a petición conxunta bateu coa maioría absoluta que os conservadores teñen na Xunta de Portavoces, igual que no pleno. O PP "lamentablemente" propicia que o presidente "fuxa e ningunee o Parlamento", censura Pontón, que é tanto como "fuxir" da "realidade de Galiza". "Por humanidade", dado que o cerne da cuestión son a sanidade e a educación, debera comparecer. "O mínimo en democracia é que o presidente da Xunta explique en sede parlamentar uns feitos tan graves", sinala. Este impedimento, engade o voceiro socialista, Abel Losada, tenta tamén bloquear que se "visibilice que hai formulacións alternativas a un Goberno moi conservador de dereitas", que "aplica o rodete" á esixencia da oposición. 

Xustificación do PP

Pero, cal é a xustificación dos populares para o veto? Esencialmente técnica. Non a atenden, explica o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, porque é "moito mellor esperar" a que "se aprobe o plan de reequilibrio financeiro" no Consello de Política Fiscal e Financeira, isto é, agardar a que a Xunta lle detalle ao Ministerio de Economía por onde vai axustar as súas contas nos vindeiros meses, algo que acontecerá previsiblemente no entorno da vindeira semana. En todo caso, Puy non garante que quen fale sexa o presidente. "Se queremos que o Goberno compareza, farao a través do membro que estime oportuno; o único que me atrevo a afirmar" é que, se esa comparecencia chega, "vai ser oportuna e ben levada".

Puy atribúelle á oposición ánimo de incitar a "axitación social" coas súas solicitudes

En calquera caso, para o deputado conservador a unidade dos grupos da oposición non é, como destacan socialistas e nacionalistas, froito da "inquietude social" causada polos recortes. Esa inquietude social, que o popular "comprende", cómpre "distinguila da axitación social que pretenden facer os grupos da oposición". Neste contexto, Puy esfórzase en xustificar a inconveniencia da comparecencia reclamada por PSdeG e BNG mentres avala as que si foron tramitadas a petición do Goberno e que se realizarán no pleno da vindeira semana: o conselleiro da Presidencia explicará de novo o plan de reestruturación da Administración paralela e o de Infraestruturas, os seus plans en materia de rehabilitación de vivendas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Fin a dez anos de autovías libres de peaxe en Galicia?

A unidade de PSdeG e BNG na petición de comparecencia ao presidente da Xunta repetiuse no rexeitamento dos voceiros socialista e nacionalista á posibilidade de que o Goberno central aposte por impoñer peaxes nas autovías ou, o que é o mesmo, pór fin aos escasos dez anos durante os que Galicia veu disfrutando das súas dúas únicas autovías estatais polas que se pode transitar sen pasar por caixa, a Autovía do Noroeste e a Autovía das Rías Baixas, que suman 465 quilómetros. Lonxe de desmentir esta posibilidade o voceiro do PP, Pedro Puy, apostou por matizala e negar só que a Xunta teña "previsións de aplicar peaxes nas autovías de titularidade autonómica". No que atinxe ás estatais é algo "que se está a considerar".

Neste contexto, Puy "quere salientar" que esa nova taxa "estaría vinculada ao mantemento das propias autovías" e non a "obter rendementos". Trataríase, di, de que "o usuario contribúa a financiar o mantemento das autovías" non só a través dos impostos, senón tamén cunha taxa cada vez que circule por elas. Neste sentido, o conservador asegura que co actual sistema existen "problemas redistributivos" sobre os que "cabería pensar". Así, exemplifica que "un cidadán de Lalín se vai cara a Ourense" pola A-53 "non paga, pero se vén a Santiago, si". "Nun caso pagamos a través dos impostos e iso xera efectos na poboación", abonda. O treito con peaxe -estatal- foi construído durante o Goberno de Manuel Fraga e o libre de peaxe directo -ten peaxe na sombra, que o Goberno galego abona directamente á concesionaria- foi posto en servizo polo bipartito.

Fronte ás explicacións do popular, dende o PSdeG Abel Losada lembra que estas infraestruturas viarias "construíronse cos impostos de todos os cidadáns", "moitas delas con fondos europeos", polo que, de aplicarse, trataríase dun "novo repagamento despois de cobrar impostos". "Se o Estado precisa fondos, o que ten que facer é unha reforma fiscal progresiva, equitativa e xusta", xa que "calquera outra alternativa" non supón outra cousa que "abrir a porta ao negocio privado". Na mesma liña, a nacionalista Ana Pontón advirte de que, de concretarse, este sería "un novo imposto regresivo" para os cidadáns, como xa o é o IVE, que ademais "suporía un problema para a reactivación da economía" e non suporía solución ningunha para a crise económica.

 

Puy evita pechar a porta ao repagamento nas autovías

CC BY-SA Praza Pública