As voces do 9-N: cinco razóns para cinco opcións

Bandeiras independentistas nun balcón en Cataluña CC-BY-SA Núria_nur

Todo apunta a que a xornada de participación cidadá deste domingo, o tan esperado 9-N, converterase nunha nova mobilización independentista. Pero... só independentista? Hai quen, convencido do dereito a decidir e malia a degradación da consulta, acudirá aos locais de votación para expresar un non ou un si-non; como os hai tamén partidarios do dereito a decidir que agora se resisten a tomar parte do que xa non consideran unha consulta.

A última enquisa do Centre d'Estudis d'Opinió da Generalitat prognosticou un 49,4% de apoios ao si, un 19,7 ao non e un 12,6% ao si-non, ademais dun 7% de indecisos. Pero estas cifras, segundo xa deixou claro o director do CEO, non son extrapolables ao proceso participativo, así que aínda se manteñen as incógnitas.

Esta reportaxe recolle as opinións de cidadáns que irán votar distintas opcións neste proceso participativo, desde o rexeitamento a que Catalunya sexa un Estado até o si á independencia, todo iso cos matices derivados dunha decisión transcendental para cada un e condicionada polos últimos movementos dos Executivos central e catalán, pero sobre todo pola recondución do que debía ser unha consulta nun proceso participativo sen consecuencias xurídicas.

Votar 'non' e logo "ao importante"

Jorge expúxose non participar na xornada do 9-N. "Sei que non servirá de nada", reflexiona, "pero considero que até os que queremos votar non temos que ir, porque é un proceso participativo que se abriu a todos os cataláns". Este técnico de son barcelonés de 39 anos non é independentista, pero ante todo cre "nas votacións e no que queiran as maiorías". Ademais, está convencido de que pasará o 9-N, "pero o problema permanecerá e a única maneira de solucionalo é votando, preguntando ao pobo". "É o talante democrático", solta.

"Até os que queremos votar 'non' temos que ir, porque é un proceso participativo que se abriu a todos os cataláns"

De feito, a Jorge gustaríalle que este proceso se dirimise nun referendo vinculante, como sucedeu en Escocia: "teño a certeza de que gañaría o non", asegura. Pero sabe que isto non é posible actualmente, e non lle parece ben que o Goberno do PP e logo o Tribunal Constitucional soterrasen non só a consulta senón tamén a súa alternativa. "Evidentemente que non. É que así incluso a min me dan ganas de marchar deste país ás veces, é patético que suspendan unha cousa ludicofestiva", di.

O outro motivo que leva a Jorge a votar o domingo é que quere superar o debate soberanista canto antes, e que a axenda mediática e política se centre "no importante, os problemas reais de Catalunya", que para el teñen que ver máis coas políticas sociais e económicas. "Non son independentista porque para min isto vai moi ligado á identidade: eu son catalán e español e, dun día para outro, non podo sentirme fóra de España", opina.

Voluntaria para facer que o proceso sexa de todos

"Claro que non estou satisfeita de entrada co novo 9-N; gustaríame que fose vinculante, pero polo menos poderemos celebrar un proceso participativo", consólase Rosa Fernández, fisioterapeuta de 24 anos. Ela é unha dos 40.000 voluntarios que farán posible este proceso participativo. Vogal de mesa no instituto Puig i Cadafalch de Mataró, Rosa tómase a xornada "como unha maneira de axudar no proceso". "Todos temos que formar parte diso se queremos chegar lonxe, temos que facer noso o 9-N", opina Rosa.

"Gustaríame que fose vinculante, pero polo menos podemos celebrar un proceso participativo"

Ela sempre se sentiu desconectada de España, e está convencida de que se unha maioría de cataláns aposta pola independencia non debería haber ningún impedimento para que se consome a vontade popular. "É cuestión de exercer a soberanía", declara. Na súa opinión a independencia de Catalunya solucionaría parte dos problemas sociais que padece o país, sobre todo porque está segura de que coa eliminación do déficit fiscal na Administración habería máis diñeiro para políticas sociais. Tamén máis marxe para xestionar as súas políticas educativas ou culturais.

O único reproche que Rosa traslada ao Govern ante este proceso participativo é que como voluntaria cre que non ten demasiada información sobre o seu papel durante a xornada. "Quizais nos atopamos un pouco que non sabemos que facer, porque só me enviaron un correo dicindo que son vogal", lamenta.

"Quería absterme como forma de rebeldía"

Joanjo Bosk colleu tal enfado cando viu no que quedara a consulta -o actual proceso participativo- que, malia ser un fervente partidario do si-si, decidiu absterse "como forma de protesta". "Había que manter o pulso co Estado para garantir a consulta que se acordou", considera Bosk, que se viu decepcionado polo xiro proposto polo Govern en canto chegou a suspensión do Constitucional. "Deberiamos exercer a soberanía como pobo, pero xa vemos até onde chega o compromíso de CiU", apunta. Á fin, engade, "é un goberno de orde, autonomista".

O cantautor Joanjo Bosk cede a súa papeleta a un escritor de Perpiñán para que poda votar a prol da independencia

Non participar foi entón a decisión deste cantautor de Figueres (Girona), aínda que logo pensou: "Pero tampouco quero que me conten con quen me van contar". É dicir, partidos e colectivos dos que se sente moi lonxe. Así que finalmente optou por unha solución simbólica: ceder o seu voto ao escritor de Perpiñán Joan Lluís Lluís, partidario da independencia de Catalunya pero á marxe deste proceso pola súa condición de francés.

Bosk considérase confederalista "no sentido clásico, partindo da liberdade e a autonomía dos pobos para confederarse", algo que pensa que só se pode conseguir en Catalunya desde unha independencia previa. Así pois, tomará parte finalmente do 9-N e vaino tomar "como unha reivindicación máis, aínda que levemos xa demasiadas".

"Farta" do proceso decide non participar

Non hai palabra que defina mellor o sentimento de Antonia Sánchez cara ao 9-N que fastío. "Se houbese garantías democráticas e legais, unha pregunta binaria, unha campaña equilibrada e plural polo si e polo non..." di, quizais entón Antonia acudiría coa súa papeleta ao momento de votación. Pero non o fará, porque segundo constata, "o proceso non ten amparo legal nin consecuencias", e ademais está cansada da intensidade da campaña proconsulta.

Antonia Sánchez aceptaría un referendo, pero que siga o camiño previsto pola lei e tras a reforma da Constitución

"Irrítame a mobilización mediática, mesmo en medios públicos, para defender unha posición; é un bombardeo absoluto que me ten farta", confesa Antonia, que cre que se cruzaron "demasiadas liñas" en materia de tendenciosidade. Aínda así aceptaría un referendo sobre a independencia, asegura, pero sempre que se siga o camiño previsto pola a lei. É dicir, unha reforma da Constitución que o permita.

Antonia non é independentista entre outras cousas porque "a min ninguén en España me fixo nada como para que queira separarme". E rexeita os argumentos de que España abusou dos cidadáns cataláns. "Por exemplo, o discurso de que España nos rouba. Vivimos 23 anos de gobernos de CiU nos que se negociaba cada certo tempo un novo sistema fiscal co Estado... agora resulta que nos rouban?", pregúntase. "É un discurso simple", conclúe.

"Os do 'si-non' estamos bastante abandonados"

Votarás o 9-N? "De entrada non sei se son votante, son participante, entendo que isto non é unha votación porque non están todas as opcións ben representadas". Así arrinca Jordi Tort, que di que "o máis probable" é que vote si á primeira pregunta e non á segunda, é dicir, si a que Catalunya sexa un Estado pero non independente. A súa razón para encher as urnas o domingo é facer un xesto para dicir que "queremos votar o que queremos ser de maiores como cataláns". Con todo, é consciente de que o 9-N "non cambiará nada". Ve ben que o Goberno catalán "respecte as normas" neste sentido, pero á vez cre que se enganou á xente" porque se sabía de antemán que se chegaría a esta situación.

Jordi Tort aposta polo 'si-non como a demanda "dun cambio na relación entre Catalunya e España para que sexa case bilateral"

Tort entende o si-non como a demanda "dun cambio na relación entre Catalunya e España para que sexa case bilateral; federal ou confederal". "Vivimos unha situación inxusta no económico e cultural, e queremos un modelo de relación máis xusta", razoa. Aínda así é plenamente consciente de que esta proposta non está sobre a mesa por agora. "Os si-non estamos bastante abandonados, porque os partidos cataláns partidarios non participan e o Goberno tampouco o propón"

Tort é consultor de empresas e vive en Gavà. Non acudiu as últimas mobilizacións porque considera que os convocantes, a ANC, son independentistas, a diferenza del. Isto non quita que vexa "a situación entre Catalunya e Espanya é insustentable". Ante isto, só espera que "a solución chegue cun entendemento entre as dúas partes", e non cunha declaración de independencia, para a que non ve garantías.

Joanjo Bosk pensou en non votar, pero cederá a súa papeleta © CatalunyaPlural.cat
Rosa Fernández, unha das 40.000 voluntarias para o 9-N © CatalunyaPlural.cat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.