Un curso da trama Zeta: "Asinar para non facer nada"

Presentación de Crespo na web de Azetanet, agora non operativa CC-BY-SA Praza Pública

Manuel (nome figurado) levaba algo máis dun ano no paro cando, a comezos de 2012, recibiu unha chamada do Servizo Público de Emprego, dependente da Consellería de Traballo, para presentarse a unha acción formativa concedida pola Xunta a Azetanet, a empresa de Gerardo Crespo que, segundo a Policía, era o centro da presunta trama corrupta de "caza de cartos públicos" apoiada en falsos cursos de formación. El, "que xa fixera un curso" a través dun sindicato, achegouse coa esperanza de que esta nova oportunidade formativa podería servir para abrirlle novos camiños laborais, pero realmente tratábase de "asinar por non facer nada". Ademais de indignarse, denunciouno, aínda que mesmo o suposto líder da trama tentou frealo.

En conversa con Praza Pública este traballador explica que Azetanet reuniu a todas as persoas convocadas dende a oficina de emprego. Nesa primeira xuntanza "parecía que todo estaba moi ben". "Vendíano moi ben", resalta: tratábase, explicábanlles, de que Azenanet realizaría "unha especie de prospección" do mercado laboral para cada alumno, un "seguimento persoal" que implicaba a "oferta de cursos de formación" e o contacto con diferentes empresas, todo isto adaptado a cada un dos seus perfís profesionais. Tras a primeira toma de contacto Manuel non soubo nada de Azetanet "durante dous ou tres meses".

Pasado este tempo, a empresa, que xa estaba sendo investigada pola presunta fraude, volveu chamar o seu alumnado. Onde había un amplo abano de posibilidades formativas había agora "unha folla" que lle foi entregada a cada persoa. Tratábase de que asinasen, "baixo xuramento", que "nos ofertaran unha serie de cursos" como "inglés básico" ou "manexo de Office básico". Eran cursos que "para nada estaban orientados ao que nos venderan na primeira reunión", a "inserción laboral" e que, sobre todo, non existiran. "Eu díxenlles que non estaba de acordo, que non estaba indo a nada disto e que non ía asinar", lembra. Ademais, agregou, "a declaración xurada xa non existe e non ten peso oficial ningún".

Crespo atribuíu o acontecido a "un malentendido"; "a ver, que curso queres facer?", lembra o alumno que lle dixo cando anunciou que ía reclamar

Ademais de expresar o seu rexeitamento de palabra, este traballador quixo que constase oficialmente. "Pedín unha folla de reclamacións, inicialmente dixéronme que non ma daban e díxenlles que ía chamar á Policía", porque "sabía que estaban cobrando por cada un de nós e o que estaban a facer non me parecía ben". Esta advertencia causou "certo nerviosismo" nos responsables da empresa e, neste punto, irrompeu na escena o propuio Gerardo Crespo. "Eu non o coñecía de nada", salienta, o que non impediu que o abordase para preguntarme "que  me pasara" e atribuír o acontecido a "un malentendido". "A ver, que curso queres facer?", recorda que lle preguntou. "Eu vin que aquilo tampouco era normal", evidencia.

O alumno foi informado en Traballo de que Azetanet "tiña máis denuncias" polos cursos de formación presuntamente falsos

Nestas circunstancias, e mentres os responsables de Azetanet evitaban aclarar se rexeitar a sinatura do seu documento podía ter consecuencias negativas como a perda da prestación por desemprego -"non o aclaraban, deixaban sempre a dúbida"-, Manuel dirixiuse coa súa reclamación ao Instituto Galego de Consumo e á Consellería de Traballo. Foi en Traballo onde o informaron de que "tiñan máis denuncias" a respecto das entidades de Crespo e, pouco despois, detalláronlle tamén que "xa lles quitaran unha subvencións". Asemade, preguntáronlle se "tería algún problema en declarar" o que lle sucedera, algo que tamén lle preguntaron a máis participantes nos cursos, algúns dos cales declinaron o ofrecemento porque "non querían líos" que implicasen, por exemplo, a perda dun subsidio. "Eu non tiña prestación nin nada que perder" e ademais, "estaba queimado". Chegado a ese punto "quería estar no paro", porque "levaba case un ano sen facer nada" e, ao estar inscrito no inexistente curso, "non constaba que non estaba traballando".

 

 

 

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.