Ducias de motivos para "encher o Obradoiro o 29N"

Representantes das 'Marchas da Dignidade' presentaron a mobilización este xoves no Parlamento Dominio Público Anova

Ducias de motivos para "encher o Obradoiro o vindeiro 29 de novembro". A plataforma galega das Marchas da Dignidade vén de sacar á luz un vídeo promocional para promover a participación na manifestación que pretende ocupar a praza compostelá baixo o lema de Pan, traballo e teito. Nas imaxes, elaboradas polo Sindicato de Xornalistas, persoas anónimas, pero tamén representantes da política, da cultura ou de movementos sociais, expoñen as múltiples razóns polas que acudirán a unha protesta apoiada por todos os movementos que forman parte do 22M galego e tamén por AGE e polo BNG.

"O pobo galego e as clases populares imos estar no Obradoiro porque é a nosa obriga ética e a nosa necesidade"

"O pobo galego, os traballadores e as clases populares imos estar no Obradoiro porque é a nosa obriga ética e a nosa necesidade. Non podemos cambiar o estado das cousas se non é pola vía da mobilización", resume Manuel Camaño, líder da CUT, un dos sindicatos que apoia a manifestación e voceiro das Marchas da Dignidade en Galicia. É tan só unha das múltiples voces que explican as razóns polas que acudirán o 29 de novembro a Compostela nun vídeo que se mestura con imaxes da manifestación de Madrid do pasado 22 de marzo ou da acción que rodeou o Parlamento o pasado mes de xuño.

"Estou farta de mentiras e non quero máis roubos". "Estou a piques de ser desafiuzado e xa teño no xulgado a execución hipotecaria que pode chegar en calquera momento". "Levo no paro desde 2009 e obríganme a elixir entre isto ou a escravitude". "Son emigrante retornado e síntome estafado por Facenda". Son algunhas das frases que se poden escoitar nun vídeo no que se resumen tamén as reivindicacións de Stop Desafiuzamentos, dos parados ou dos pensionistas aos que a Axencia Tributaria sanciona agora por non ter declarado uns ingresos dos que nunca lles requiriron declaración.

"Estou farto de que Juan Pueblo pague as facturas dun poder financeiro que non pasa polas urnas. O 29N vou por diginidade, porque si, porque me sae do peito", di Martiño Noriega, coordinador nacional de Anova, que é unha das claras visíbeis da política que dá a cara no vídeo, xunto a outros como Rubén Pérez, de EU, que aposta pola "loita unitaria".

Varios cidadáns denuncian os efectos das políticas do Goberno central e do PP e explican as súas razóns para mobilizarse o 29N

Nas imaxes tamén se reivindica "unha auditoría da débeda" ou o traballo "polos dereitos polos que loitaron os nosos pais" e que agora, din os protagonistas, nos foron roubados. Denúnciase tamén unha "negociación colectiva que se converteu nunha imposición partidista", o acoso laboral ou a "represión" sufrida polos movementos sociais. Pero ademais, apóstase por saír á rúa "contra o desmantelamento da sanidade pública, contra a Lomce, contra as privatizacións, contra o recorte nas bolsas e a suba de taxas ou por un ensino público e de calidade".

Case todas as reivindicacións e case todos os sectores afectados polos recortes, a crise e as políticas de austeridade están presentes, tamén as de aqueles que reivindican os dereitos das persoas con discapacidade, da muller ou a igualdade para o colectivo LGTB e as dos que pelexan contra a violencia machista e contra as intencións de reformar a lei do aborto.

UGT e CCOO, que convocan marchas o mesmo día no Estado, non se mobilizarán en Galicia o 29N

"Pola dignidade da cultura e do precario teatro galego e por mil primaveras máis para a nosa lingua, a nosa razón de ser", din tamén ante as cámaras representantes do mundo da cultura ou dos medios, que piden unha radio e televisión públicas "ao servizo dos galegos". Tamén teñen cabida as protestas contra a política industrial levada a cabo polos gobernos do PP no Goberno central e na Xunta. "Trinta anos no naval teñen que valer para algo, pero o PP apostou por liquidar a industria", di un operario ferrolán, ao tempo que mariñeiros apostan por que "non sigan destruíndo a economía pesqueira" ou que bombeiros como Roberto Rivas, o home que se negou a desafiuzar unha anciá na Coruña, reclama un servizo de emerxencias de calidade en Galicia.

Reivindícase tamén a "dignificación da política apoiando a ecoloxía" ou o "desmantelamento da actividade de Reganosa e o remate da impunidade en todo este proceso". Outras dos motivos que os protagonistas citan para reunirse en Compostela o vindeiro 29 de novembro. "Sóbrannos razóns; non podemos soportar máis esta política capitalista". "É unha cuestión de xustiza", remata un vídeo que anima a participar nunha marcha que coincidirá cunha convocatoria de CCOO e UGT noutros lugares do Estado, pero non en Galicia.

Malia que UGT e Comisións convocaron unha xornada de mobilizacións a nivel estatal tamén para o día 29 de novembro "fronte as políticas económicas e sociais do Goberno" e co propósito de influír no diálogo social, en Galicia as dúas centrais non se mobilizarán ese domingo, aínda que si o farán o 23 coa Alianza Social Galega contra a reforma da Lei de Seguridade Cidadá. A CUT, un dos sindicatos que participa nas Marchas da Dignidade, acusara os dous sindicatos de "contraprogramar" o acto do Obradoiro.

Faixa das 'Marchas da Dignidade', ás portas do Parlamento Dominio Público AGE
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.