A oposición acurrala a Feijóo pola corrupción que asola o PPdeG

Feijóo, xunto a Baltar en Verín Dominio Público @PPdeOu

A operación Zeta, as sospeitas que arrodean todo o partido a nivel estatal e agora o presunto financiamento irregular do PP de Ourense e as duras acusacións do ex xerente no testemuño á xuíza Pilar de Lara pola operación Pokémon. Os populares galegos non dan aturado os golpes que en forma de corrupción lles chegan de todos lados. E Feijóo intenta taparse ata que escampe, pero non deixa de chover.

Ao tempo, o número dous de Feijóo no PPdeG e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, trata de desvincularse tamén das contas postas en cuestión e asegura en declaracións a Radio Galicia-Cadena SER que a dirección galega do partido "non fiscaliza nada". "Pedir explicacións si, xulgalos non", dixo en referencia ás polémicas arredor dos populares ourensáns. "Se hai que aplicar os estatutos, aplícanse, pero non hai fiscalización sobre o que fai cada dirección provincial", insistiu.

O PSdeG presentará unha moción no pleno do Parlamento para que compareza Feijóo

Toda a oposición lánzase agora a polo PP e o seu presidente para pedirlle explicacións por este presunto financiamento ilegal da súa formación en Ourense e fano ante a reiterada negativa do xefe do Executivo galego a comparecer. O PSdeG vén de anunciar que a deputada Marisol Soneira presentará unha moción no pleno do Parlamento que comeza este martes para pedir a comparecencia do líder do PPdeG para que "dea conta dos múltiples escándalos nos que se ve involucrado o Goberno galego e o propio presidente". Farao a parlamentaria a través desta moción "tras o rexeitamento sistemático ás peticións de comparecencia na xunta de portavoces".

A responsable socialista sinala que a implicación do PP galego é "a constante que enlaza os casos Gürtel, Bárcenas, operación Púnica, operación Zeta, financiamento ou sobresoldos ilegais, sen que a día de hoxe teñan comparecido para dar conta dunha auténtica marea corrupta que taladra o PP en todas as súas estruturas”, apuntando a que a corrupción é unha práctica “institucionalizada dentro daquel partido”.

Ademais, Soneira lembrou que o presidente da Xunta debe dar conta tamén das súas “amizades perigosas”, logo de lembrar a súa relación con Pachi Lucas, presunto “conseguidor” da trama investigada pola operación Zeta para captar fondos irregulares e “provedor na campaña electoral do PP de 2009 e de varios concellos gobernados por este partido”.

Beiras cre que Galicia "está en mans de delincuentes" e Vence fala dunha "xestión corrupta baseada no amiguismo"

Tan só un día antes, o voceiro na Cámara dos socialistas galegos, José Luis Méndez Romeu, asegurou que os galegos "levan moito tempo agardando as explicacións" do presidente da Xunta porque as acusacións contra o PPdeG "son serias e polo menos debería desmentir o que se di documentalmente". "Agora hai unha evidencia de que hai un mecanismo de financiamento ilegal da súa organización e a cidadanía ten dereito a recibir algo máis que titulares", insistiu.

O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, coincidindo coa súa participación nunha marcha polos montes comunais, asegurou que Galicia "está en mans de delincuentes" e que é necesario "que haxa un cambio de réxime, que é o que fai falta". "Empeza a saír a podremia do PPdeG, que xa se financiaba co diñeiro dos contrabandistas nos anos 80; isto sae agora porque hai un réxime político en descomposición", advertiu.

Pola súa banda, Xavier Vence, voceiro nacional do BNG, cre que o que se destapa "é unha forma de gobernar e unha xestión corrupta na que ten un gran papel o amiguismo". "O que estamos a ver, aos ollos de todo o mundo, é como esa estratexia de dominio corrupto segue en marcha neste momento", rematou.

Mentres, Núñez Feijóo deféndese descargando as explicacións sobre o último escándalo en Ourense no fillo de José Luis Baltar e actual presidente da Deputación ou pedindo explicacións ao PSdeG polo rexistro que a xuíza Pilar de Lara levou a cabo na Deputación de Lugo.

Feijóo, xunto a Baltar en Verín Dominio Público @PPdeOu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.