Galiza Nova reelixe a Alberte Mera como secretario xeral

Un momento da asemblea de Galiza Nova Dominio Público @galizanova

O portavoz nacional, Xavier Vence, clausurou este domingo a XIII Asemblea Nacional de Galiza Nova que reelixiu a Alberte Mera como secretario xeral dentro dunha candidatura única integrada por medio cento de mozos e mozas elaborada desde a base da militancia da organización xuvenil do Bloque.

Alberte Mera foi reelixido como secretario xeral de Galiza Nova

O dirixente nacionalista instou a mocidade “a defender unha Galiza con futuro, sendo protagonistas na loita contra as políticas do PP que os condena á emigración, que recorta dereitos e liberdades e enloda de corrupción as institucións nas que goberna de costas a maioría social”.

Vence cualificou de “crucial” o papel da xuventude “activa e comprometida” por considerar que é “motor e esperanza do país”, e convidou a xente nova a “pelexar” por unha sociedade máis xusta e igualitaria que avance no recoñecemento dos dereitos individuais e colectivos. En concreto, puxo o foco no dereito a unha vida digna e con traballo na propia terra, o dereito a decidir sobre a propia sexualidade, en particular nas mulleres e o dereito a decidir dos pobos que hoxe percorre Europa.

Vence instou a Galiza Nova a ampliar e seguir co seu "traballo ilusionante" para incorporar máis xuventude ao nacionalismo

O portavoz nacional animou a militancia de Galiza Nova a ampliar a seguir co seu “traballo ilusionante” para incorporar máis xuventude ao proxecto nacionalista. “Nada vai ser regalado, pero todo é posible se hai vontade de conquistalo”, concluíu.

Pola súa banda, o reelixido secretario xeral afirmou que Galiza Nova “representa o proxecto do nacionalismo xuvenil para a mocidade galega de hoxe”, como alternativa “ao réxime español que conduce á maioría da xente nova ao paro, á emigración ou a sobrevivir na miseria”.

Mera márcase como reto facer "máis dinámica, máis activista e máis ilusionante" a organización

Mera marcouse como reto facer de Galiza Nova unha organización “máis dinámica, máis activista, máis ilusionante, capaz de achegar máis mocidade ao proxecto do nacionalista que representa o BNG”. “Temos a certeza de que hai futuro desde o nacionalismo e a esquerda, por iso queremos chamar ás mozas e mozos da Galiza para construír un país con futuro, con traballo, onde non nos obriguen a emigrar e no que teñamos unha vida digna para a todas e todos”, salientou.

Un momento da asemblea de Galiza Nova Dominio Público @galizanova
Alberte Mera García Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.