Os eurodeputados galegos, entre os máis activos da cámara

Vista dun pleno do Parlamento Europeo. CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

Non son moitos, pero fanse notar. A importancia, cando menos cuantitativa, do traballo dos eurodeputados e eurodeputadas galegas é innegable á vista das estatísticas públicas da cámara europea. José Blanco (Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas), Javier Couso e Lidia Senra (ambos os dous do grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica) figuran entre os e as parlamentarias con máis preguntas, intervencións e propostas de resolución nestes primeiros meses de lexislatura, moi por riba do popular Francisco Millán Mon, que en calquera caso é un dos parlamentarios máis activos do Partido Popular. Ana Miranda e Paulo Carlos López desenvolven igualmente un intenso traballo a través dos seus grupos, presentando preguntas e propostas a través de Josu Juaristi (no caso de Miranda) e de Izaskun Bilbao (no caso de López).

O socialista José Blanco é o que realiza máis preguntas, un total de 79 polo de agora, o que o converte no eurodeputado español máis activo neste apartado e o sétimo de toda a cámara

O socialista José Blanco é o que realiza máis preguntas, un total de 79 polo de agora, o que o converte no eurodeputado español máis activo neste apartado e o sétimo de toda a cámara. Entre os representantes con máis preguntas presentadas figuran tamén Lidia Senra (28 preguntas) e Javier Couso (27 preguntas). Millán Mon formulou 6 preguntas, e así ocupa o posto 34 entre os eurodeputados elixidos en España. A media dos eurodeputados e eurodeputadas españolas é de 16,4 preguntas.

En canto ás propostas de resolución, Javier Couso presentou 13, o que o coloca como o sétimo eurodeputado do Estado con máis actividade, e entre os cen primeiros de todo o parlamento. Franciso Millán Mon presentou 8 (undécimo posto entre os eurodeputados españois), mentres que Lidia Senra chegou a 7, e José Blanco realizou 5 propostas de resolución. Todos, agás Blanco, están por riba da media dos eurodeputados e eurodeputadas españolas, que é de 5,4 mocións.

Lidia Senra e Javier Couso son os eurodeputados do Estado con máis intervencións na cámara en forma de speech, achegas aos debates ben por escrito ou de palabra

Lidia Senra e Javier Couso son os eurodeputados do Estado con máis intervencións na cámara en forma de speech, achegas aos debates ben por escrito ou de palabra, por exemplo baixo a fórmula de one-minute-speech, intervencións orais dun minuto. Ambos os dous fixérono en 50 ocasións, polo que figuran entre os sete europarlamentarios e europarlamentarias de toda a cámara que empregan este instrumento de forma máis habitual. José Blanco interveu en 27 ocasións. E Francisco Millán Mon en 8. Todos, agás o popular, están por riba da media dos eurodeputados e eurodeputadas españolas, que é de 11,4 intervencións.

 

Temas

José Blanco, membro da comisión de Desenvolvemento Rexional ou da Comisión Parlamentaria Mixta UE-México, centrou boa parte do seu traballo en asuntos económicos, dende a política de cohesión, os dereitos dos consumidores, o prezo do leite, as axudas da PAC, a reforma enerxética en España, a pobreza enerxética ou o desemprego xuvenil. Estas cuestións tiñan unha maior ou menor relación con Galicia, pero Blanco tamén fomulou numerosas preguntas e propostas con temáticas especificamente galegas. Por exemplo, en relación á liña de alta tensión en Catasós, a fraude investigada na Operación Zeta, a mina de Corcoesto, a problemática do sector do xeito, a contaminación nas rías galegas, a liña de alta velocidade Vigo-Porto, o dique flotante de Ferrol, a problemática dos emigrantes retornados ou as cotas pesqueiras.

Lidia Senra, elixida na lista de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, forma parte da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural. Entre as súas propostas de resolución destacan as referidas á desparaición dos estudante mexicanos, á situación da muller en Irak ou a Palestina. Nas súas preguntas atopamos denuncias dos problemas que os mariñeiros galegos que traballaron en Noruega sofren para cobrar a súa pensión, o uso do cianuro na industria mineira, o conflito de Lantero, o uso de fondos da PAC para subvencionar elementos da tauromaquia, a ameaza da avespa asiática, a prohibición do xeito, a aplicación da PAC ou a incorporación de nanomateriais artificiais en alimentos.

Javier Couso, elixido na lista de Izquierda Unida, incorporouse á cámara o 15 de xullo en substitución de Willy Meyer. Ademais de participar na Comisión de Asuntos Exteriores, na Delegación para as Relacións con Irak, na Subcomisión de Seguridade e Defensa e na Delegación para as Relacións coa Asemblea Parlamentaria da OTAN, ten centrado a súa actividade en cuestións internacionais, de Chipre a Libia, pasando por Sudán do Sur, México, Colombia, Cuba, Siria ou Palestina, sobre todo no que respecta ás súas propostas de resolución. Porén, nas súas preguntas á Comisión e nas súas intervencións na cámara interesouse por outros temas, coma as negociacións do TTIP, a venda a fondos voitre de vivendas sociais construídas con financiamento europeo, a limitación a nivel europeo dos salarios e os privilexios dos directivos e consejeros de entidades financeiras. Nos últimos meses, Javier Couso afondo igualmente na situación do sector naval da Ría de Ferrol ou nas probas de avións non tripulados no aeródromo de Rozas.

Ana Miranda presentou iniciativas a través ou en colaboración con Bildu, SNP e Bloco de Esquerda

Francisco Millán Mon, do Partido Popular, é membro da Comisión de Asuntos Exteriores e da Delegación para as Relacións cos Estados Unidos, polo que unha boa parte da súa actividade xira ao redor de temas internacionais, coma os conflitos en Siria, Irak, Palestina, Libia ou Ucraína. Nas súas preguntas, Millán Mon tamén afondou en asuntos pesqueiros, coma os recentes acordos de pesca entre a UE e Mauritania e a UE e Cabo Verde, ou a pesca ilegal en Filipinas.

Ana Miranda, do BNG, ocupará un escano do europarlamento no final da lexislatura, en virtude do acordo con Bildu. Porén, xa está traballando e presentando preguntas e inciativas a través, sobre todo, de Josu Juaristi, representante desta formación. Porén, o BNG tamén realizou unha intervención sobre asuntos galegos na Comisión de Pesca a través do SNP escocés. E, igualmente, presentou unha denuncia da Liña de Alta Tensión de Arbo coa colaboración dunha deputada do Bloco de Esquerda portugués. Ademais, Miranda tratou o uso de cianuro na minaría, presentou unha iniciativa sobre o Plan Director da Rede Natura da Xunta, ocupouse da situación dos emigrantes retornados e demandou un fondo lácteo para poder facer a transición cara ao novo sistema de sen cotas, que entrará en vigor en 2015. Miranda destaca que a limitación de cinco preguntas mensuais por parlamentario fai que varias das cuestións presentadas polo Bloque aínda non foran presentadas. Ademais, o BNG impulsou un Grupo Traballo sobre Renda Mínima, no que participan 16 forzas políticas e que se reunirá por terceira vez a vindeira semana.

Paulo Carlos López realiza o seu traballo a través da eurodeputada do PNV Izaskun Bilbao

Paulo Carlos López, de Compromiso por Galicia, concorreu ás eleccións na Coalición por Europa, que compartía con CDC. UDC, PNV ou CC. Está realizando o seu traballo a través da eurodeputada do PNV Izaskun Bilbao, que tamén figura entre as máis activas da cámara. A través de Bilbao, Compromiso presentou varias iniciativas e preguntas relacionadas especificamente con Galicia e co-participou noutras, comúns a todo o grupo. Así, por exemplo, a primeira proposta coparticipada por CxG estivo referida ao uso do euskera, catalán e galego nos plenos do Parlamento Europeo. Ademais, a formación galeguista formulou preguntas sobre as peaxes e o cumprimento por parte de Audasa das normativas europeas, a permanencia de simboloxía franquista en Vigo (a Cruz do Castro), a protección das marismas do río Baxoi, a participación cidadá e de entidades sociais na planificacion de fondos estructurais en Galicia ou a liña de alta tensión en Catasós.

Pleno en Estrasburgo CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo
Pleno da Comisión de Peticións da Eurocámara © Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.