Os grupos do 'novo proxecto común' danse ata o 15 de maio para pechar un acordo

Noriega, Bascuas, Cuiña e Hermida, nun coloquio en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O 15 de maio ou, en todo caso, o entorno de mediados deste mes. É o prazo que Máis Galiza, o Encontro Irmandiño, Acción Galega e o Espazo Ecogaleguista se autoimpuxeron para tratar de pechar un acordo de cara á conformación do que se vén dando en chamar "novo proxecto común". Dende que, o pasado 21 de abril, os catro colectivos anunciaran a apertura de conversas formais para tentaren conformar unha "nova organización política" os contactos non deixaron de producirse e, se ben dende os grupos se recoñece un grao de acordo notable en aspectos concretos tanto de organización como de propostas, as interrogantes sobre o xeito en que podería culminar o proceso son aínda moitas.

Tal e como adiantara Praza Pública a negociación aséntanse en dúas comisións, dous "obradoiros de ideas" nos que se "exploran" as posibles "coincidencias", por unha banda na forma que podería adoptar a nova forza e, por outra, no seu programa político. Con representantes de todos os colectivos como Xulia Guntín (+G), Rafa Cuiña (AGA), Luís Eyré (EI) ou Xoán Hermida (EcoGal) as comisións traballan mentres seguen as xuntanzas dos denominados "grupos de base", propiciados esencialmente polos irmandiños. Mentres, tamén existen visións distintas polo grao de premura que se lle debe imprimir aos acordos pola posibilidade de que as eleccións autonómicas se celebren neste mesmo ano.

O EI aposta por maior flexibilidade nos prazos e por darlle entrada a novos interlocutores no proceso cando se acaden os primeiros acordos

Dende o inicio do proceso dende os diferentes grupos se ten asegurado que as eleccións non deberían "condicionar" as conversas, pero que o seu ritmo si se debera adaptar a elas, unha adaptación da que son especialmente partidarios dende +G. "Só temos unha oportunidade", reiteran dende o partido que dirixe Xoán Bascuas. Pola contra, o colectivo que menos concorda na necesidade de acelerar para chegar ás urnas é o Encontro Irmandiño. Non en van, dende a organización encabezada por Xosé Manuel Beiras tampouco se aposta por que a data do 15 de maio sexa definitiva. Ben ao contrario, a súa opción é que sexa unha referencia flexible para chegar a un pacto tras o cal, na súa opinión, mesmo podería haber lugar para a incorporación formal doutros grupos políticos como novos interlocutores -caso por exemplo da FPG-. Tampouco as fontes consultadas en +G lle dan carácter "definitivo" á data pero si admiten que será "importante". 

Do mesmo xeito, e aínda que dende todas as latitudes das negociacións se insiste que é un asunto que non está sobre a mesa, outros dos aspectos a conciliar semella ser o relacionado cos nomes das persoas que poderían encabezar a oferta electoral desa eventual alianza, xa fose xa como nova organización formalmente constituída ou como unha unión dos catro grupos de cara aos comicios, con independencia de que a constitución da nova organización continúe alén da cita coas urnas. Neste sentido, as fontes consultadas coinciden en que un dos primeiros asuntos a dilucidar será o labor que desempeñe Beiras. Mentres que algúns dos participantes no proceso apostan por que o histórico nacionalista non teña un protagonismo primordial, outros, caso do propio EI pero tamén de +G, manteñen que debe ter "o papel que queira ter". O campo negociador aínda está, en todo caso, moi aberto.

Noriega, Bascuas, Cuiña e Hermida, nun coloquio en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.