"Metinme en Podemos porque estaba farto de criticar desde o twitter ou o sofá"

Pancho Casal, na foto da súa candidatura © ClaroquePodemos A Coruña

Pancho Casal (A Coruña, 1955), director xeral de Continental, foi produtor de filmes como Sempre Xonxa, Heroína, Los lunes al Sol ou De Profundis, entre moitas outras películas, series de televisión, documentais e anuncios publicitarios. Hai case dous anos, a súa produtora suspendeu pagos afectada, entre outros motivos, polo atraso no cobro de axudas públicas. Farto da situación actual, a súa é unha das candidaturas que a lista Claro que Podemos presenta ao consello cidadán na Coruña da formación que lidera Pablo Iglesias. Pretende, como explica no seu documento político, "colaborar a crear un tecido empresarial, enfocado á pequena e mediana empresa, e máis competitivo" e "tratar de proxectar unha cidade enfocada cara a nova economía tanto laboral como empresarialmente que posibilite unha sociedade máis democrática, igualitaria e feliz". Nesta entrevista, explica por que decidiu dar o paso.

Por que se presenta?

Durante moitos anos colaborei en diferentes proxectos asociativos e sempre pensei que a forma de conseguir cousas era de maneira colaborativa. Estiven en moitas asociacións e colaborei en movementos sociais, pero desde hai un tempo, e tamén debido a que a miña empresa pode pechar e teño máis disponibilidade, decateime de que só con esta actividade persoal non chegaba. Estamos nun momento de urxencia, onde a cidadanía debe comprometerse. Sempre tratei de non levar unha vida cómoda e xa cando traballaba de enxeñeiro decidín deixar Fenosa e apostar por unha actividade industrial baseada no audiovisual en Galicia, malia que moitos o crían utópico. Digamos que agora actuei do mesmo xeito.

"Tiña que implicarme; estaba farto de facer crítica desde twitter ou desde o sofá"

Arriscou?

Decateime de que, malia non ser cómodo, había que implicarse. Estaba farto de facer crítica desde twitter ou desde o sofá. Empecei a ver alternativas e achegueime a Equo, pero hai un mes decidín que había que facer algo a curto prazo porque a situación é insostible. Ademais, decidinme a facelo a nivel local porque era o que máis me importaba, e achegando os coñecementos que teño no desenvolvemento de alternativas económicas. Por iso decidín presentarme como independente ao consello cidadán de Podemos. Unha das candidaturas púxose en contacto comigo para que me unise á súa lista, que é moi variada e coa que coincidía nos seus obxectivos. Por iso acabei en Claro que Podemos.

E por que Podemos e non outras forzas políticas?

Son unha persoa moi incontrolable e moi crítica, pero sempre dou a cara. Iso tamén provoca que en certos tipos de estruturas quizais eu non fose comprendido. O mesmo estou facendo en Podemos, pero Podemos non é un, senón moitas persoas pensando cousas diferentes para apoiar aquelas que a maioría da poboación reclame. Probablemente eu non estea totalmente de acordo con todas as cousas, pero a situación é a que é. Contactei con Equo, aos que respecto e admiro moito, pero o que si considero é que nun momento de emerxencia coma este, os temas de ecoloxía quizais non son prioritarios para a cidadanía e enténdoo. Para min, a pesar de pasar agora por unha situación complicada, a ecoloxía é moi importante, pero entendo que para quen non ten que darlles de comer aos fillos, este tema pase a un segundo plano.

"En Podemos vin unha alternativa e a curto praza; a situación é de tal emerxencia que temos que proactivar a xente"

Que lle ofreceu Podemos?

Vin que a través de Podemos podía ter unha alternativa e a curto prazo. A xente ten que darse de conta por si mesma da situación insoportable na que estamos, da desigualdade que sufrimos. A xente acabará decatándose de que non é posible e que isto ten que cambiar. A situación é de tal emerxencia que temos que proactivar a xente para que se dea conta a curto prazo de que isto non pode seguir así. Pódese ser moi activista e militante, pero sempre respectando o que a xente decida.

Influíu a súa situación persoal e empresarial para dar o paso?

Claro que inflúe, por suposto, pero na nosa candidatura só hai dous ou tres parados. Hai moita xente que aínda que teña a súa vida profesional resolta, son solidarios e se decatan de todo o que está pasando. Hai profesores que ven que hai nenos que dormen a media mañá porque non almorzaron dabondo ou persoal sanitario que atende todos os días casos gravísimos de precarias situacións persoais. Eu agora teño máis posibilidades de decicar tempo a isto e creo que é a miña obriga, e non tanto dedicarme á gran política, senón a cousas puntuais. 

Como cales?

Por exemplo, eu vivo no centro da Coruña e amólame ver como as grandes superficies comerciais seguen agromando e desenvolvéndose mentres o comercio local esmorece. E non hai estratexia ningunha para arranxar esta situación. Cada un debe achegar o seu gran de area, porque Podemos non son só esas catro ideas que sempre se repiten, senón que queremos ir á concreción. Iso é o que me motiva.

"As críticas á radicalidade de Podemos son propaganda e hai xente de boa fe que cre todas estas historias"

Que pensa cando escoita todas esas críticas constantes que apelan á suposta radicalidade de Podemos?

É propaganda. A min coñéceme todo o mundo no centro da Coruña e o 99% dos que me atopei pola rúa felicitoume por meterme neste marrón, porque é un certo marrón. Cando alguén me di que como me metín "con estes bolivarianos", sempre lles digo que se me ven cara de algo diso, máis aínda tendo en conta que algúns me coñecen desde que era un cativo. Hai xente que cre todas estas historias, persoas de boa fe ás que lles repiten constantemente unha cousa e acaban crendo nela. Tamén considero que non hai que ocultar nada.

A que se refire?

Pablo Iglesias asesorou ao Goberno de Venezuela como a tantos outros, pero o que debería preguntar a xente é en que o asesorou. Non é o mesmo asesorar sobre unha educación inclusiva, que facer como Aznar, que se reuniu con Hugo Chávez para venderlle armas por 1.000 millóns de euros. Tamén critican a Vicenç Navarro por ter asesorado ao Goberno de Cuba, cando o que fixo foi axudar a implantar un sistema sanitario público que permite que aquel país teña unha das mellores sanidades. E antes asesorou a Clinton ou ao Executivo sueco.

Pero vostede sofre tamén esas críticas?

A nivel persoal non as noto, aínda que si polas redes sociais hai xente que te critica por apostar por Podemos. Eu o que lles diría é que vaian a un círculo da formación e verán que alí hai xente normal que decidiu que isto non pode seguir así e que non podemos continuar por este camiño.

"Vería ben que Podemos confluíse na Marea Atlántica; faremos todo para que haxa unha candidatura cidadá"

Na candidatura na que se inclúe apóstase claramente por unha candidatura cidadá e unitaria para as eleccións municipais...

Ese é un tema moi importante. A xente pregúntase por que hai varias candidaturas para o círculo cidadán da Coruña e eu creo que é bo que as haxa. Imaxinemos que se pactase unha lista de consenso unitaria... Pois iso sería unha cacicada. E lembremos que o consello cidadán elixirano os máis de 2.000 inscritos, non o círculo, no que particpamos activamente unhas cen persoas. Unha das razón polas que apostei pola lista de Claro que Podemos é que deixa claro que vai loitar e apostar para que se dea unha candidatura cidadá. Será a Marea Atlántica? Pois eu vería ben que así fose.

E iso cando se saberá?

Aínda non está decidido e decidirase cando os órganos estean constituídos, aínda que serán todos os inscritos os que elixan o que facer de cara ás eleccións municipais. Nós proporemos esa confluencia e eu sería partidario de confluír na Marea Atlántica sempre que se cumpran uns mínimos cos que creo que todos estamos de acordo. O maior problema para a Marea non vai ser con Podemos, senón cos outros partidos políticos, que deben decatarse de que hai que cambiar as cousas, que todo ten que ser aberto e que debe haber unha transparencia total. Faremos todo o posible e o imposible para que haxa unha candidatura cidadá. Sabemos que desde o local non podemos cambiar o mundo, pero si que se poden facer moitas cousas e, sobre todo, queremos que a cidadanía poida decidir sobre moitas cousas.

Sobre todo?

Pois por exemplo, decidir se queremos que se gasten agora, e neste momento, 10 millóns de euros no túnel da Mariña. Igual noutras épocas sería moi interesante, pero hai que preguntarse se preferimos iso ou 50 garderías. E isto non é demagoxia, isto é deixar decidir á cidadanía. Todas as decisións importantes deberíanse consultar á cidadanía. Esa é a nosa idea.

Pancho Casal, na foto da súa candidatura © ClaroquePodemos A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.