A vida de luxo de Rouco Varela

Rouco Varela, xunto ao presidente da Xunta © Xunta

As comparacións sempre son odiosas. No caso da Igrexa, moito máis. E, aínda que non hai nada máis parecido a un bispo que outro bispo, as diferenzas que a primeira ollada se observan entre o cardeal galego Rouco e o seu sucesor en Madrid, Carlos Osoro, resultan evidentes até para un cativo.

O galego Rouco Varela segue vivindo no Palacio Arzobispal malia xa non exercer e entre as críticas do Papa

A pesar de que xa non é arcebispo en exercicio, o cardeal Antonio María Rouco Varela continúa residindo no Palacio Arzobispal, sito na rúa San Justo de Madrid. Mentres tanto, o novo arcebispo da capital, Carlos Osoro, vive nun pequeno apartamento cedido por unhas relixiosas no barrio de Chamberí. A situación é tan sorprendente que até o propio papa Francisco -o mesmo que o elixiu para cambiar o rostro da Igrexa española- referiuse a ela hai dúas semanas, cando recibiu en casa Santa Marta a Osoro: "Que, xa ten un lugar onde vivir?".

Bromas á marxe, o certo é que, tras moitas presións -e ideas peregrinas, como denominar ao palacio Casa dos Bispos e recluír o seu sucesor na planta baixa do edificio-, Rouco Varela ten decidido abandonar o palacio. Aínda non hai data para iso, pero si lugar de destino... que non é outro que un luxoso apartamento, de máis de 400 metros cadrados, situado na esquina da rúa Bailén coa costa da Almudena.

O luxoso apartamento, pagado pola Igrexa, ten máis de 400 metros cadrados e sete cuartos

A casa, con vistas á serra e ao Prado, dispón de sete cuartos e é propiedade do Arcebispado. Os seus habitantes até a data son catro sacerdotes pertencentes a Comunión e Liberación -o mesmo grupo ao que pertence o polémico arcebispo de Granada, Francisco Javier Martínez-, que se están mudando a un piso da rúa Barquillo.

Un bispo na rúa

Até hai un mes e medio, resultaba practicamente imposible ver o cardeal Rouco na rúa. Apenas saíndo ou entrando do seu coche para ir a actos oficiais, á sede da Conferencia Episcopal ou á catedral da Almudena. Con todo, Carlos Osoro, afeito desde os seus anos en Valencia a camiñar pola rúa, continúa facéndoo en Madrid. E deixándose ver: reabriu o seu despacho na sede do Bispado, e todos os días ás doce do mediodía celebra o Angelus, aberto a todos.

A finais de novembro, e en metade do chuvieiro, o prelado fixo unha visita, de máis de dúas horas e media, ao poboado chabolista do Gallinero. Sen cámaras nin corte, emlamándose e atendendo ás necesidades dos seus habitantes. En 20 anos, Rouco só acudiu unha vez a este recuncho perdido a 12 quilómetros da capital, e foi dar unha misa. Osoro foi a escoitar.

Un goberno participativo

Ao longo de dúas décadas, Rouco Varela construíu unha xerarquía dentro do Arcebispado de Madrid, un grupo de notables que obedecían case ao ditado os seus desexos. Algo parecido sucedía na sede da Conferencia Episcopal. Unha das primeiras actividades de Osoro á súa chegada a Madrid foi visitar a todos os sacerdotes, por vigairías, e anunciarlles a súa intención de dar voz a todas as sensibilidades. Así, proclamou a súa vontade de formar un consello arciprestal, con capacidade de toma de decisións, e unha consulta constante aos sacerdotes, relixiosos e grupos de fieis.

Un detalle ilustra a realidade: este mércores Osoro acudiu por sorpresa á sede do Foro de Curas de Madrid, un grupo que aglutina a case dous centos de sacerdotes abertamente críticos con algunhas posturas da institución. Fíxoo para pedirlles que participasen nos debates da Igrexa madrileña.

Non á misa das familias

Foi o gran proxecto de Rouco Varela, consistente en demostrar ao Goberno socialista (e os que o sucederon) a potencia da Igrexa na rúa. Tras unha macroconcentración en 2007, e grazas ao apoio dos kikos, o cardeal de Madrid decidiu convocar todos os últimos domingos de ano unha gran Eucaristía na praza de Colón (algún ano tivo lugar na praza de Lima, por obras), coa aquiescencia do Papa Benedito XVI, para denunciar o aborto, o matrimonio gai e calquera outro modelo de familia distinto ao estritamente bendicido polo sector máis conservador do catolicismo.

O novo arcebispo de Madrid anulou a misa das familias que Rouco Varela organizaba contra o Goberno socialista

Unha das primeiras decisións de Carlos Osoro foi, precisamente, a de anular esta concentración. A partir de agora, cada bispo celebrará na súa diocese a Xornada da Sacra Familia. E en Madrid este ano farase na catedral, cunha xornada de 24 horas de portas abertas e co chamamento público aos fieis a que acudan con donativos e alimentos que serán destinados ás familias pobres, católicas ou non, de todo Madrid.

As diferenzas entre Rouco e Osoro son abondas. Non só no puntual tamén no ideolóxico, e na xestión de crise. Así, mentres o Arcebispado de Madrid foi condenado en 2006 como responsable civil subsidiario nun caso de abusos a menores (encubriu ao sacerdote condenado, trasladándoo e tratando de convencer á familia para que non denunciase), o seu actual responsable foi o primeiro bispo -en Valencia- en denunciar ante a Xustiza un posible caso de abusos.

Mentres Rouco Varela foi o home de Xoán Paulo II -e Benedito XVI- en España, hoxe ninguén dubida de que Carlos Osoro -quen podería ser un dos 15 novos cardeais que o Papa nomeará en febreiro- é a persoa elixida por Francisco para pór os reloxos da Igrexa do Estado en hora. Do século XXI.

Rouco Varela, presidente da Conferencia Episcopal CC-BY-NC-ND Madrid2011jmj

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.