Pedro Sánchez insiste en Galicia en marcar distancias co PP e con Podemos

Sánchez, nun intre da 'Asemblea Aberta' da Coruña © PSOE

Pedro Sánchez, líder do PSOE, apostou de novo en Galicia por unha reforma da Constitución. Pero pola reforma constitucional que propón o seu partido. "Entre un PP que di que non se pode reformar e un Podemos que di que o pacto constitucional do 78 non vale, eu digo que vale pero que ten que ser reformada", asegurou na asemblea aberta coa que pechou na Coruña a xornada do luns que pasou en Galicia.

"Entre a postura do PP e a de Podemos, que rexeita o pacto do 78, eu digo que a Constitución vale, pero hai que reformala"

O secretario xeral dos socialistas teimou en marchar diferencias entre eles e os populares, pero tamén coa formación que lidera Pablo Iglesias. "Claro que somos diferentes do PP; eles son a dereita e nós somos a esquerda", asegurou, tras insistir en que a súa reforma constitucional pretende "rexerar a vida democrática", pero amén para que "todo o mundo sexa xulgado nun tribunal normal e non no Supremo, que haxa dous mandatos na presidencia do Goberno ou reordenar a lea de competencias que hai entre Estado e autonomías". "Iso é federalismo", insistiu, tras volver defender unha nova reforma do artigo 135, para diferenciarse da que aprobou o seu propio partido, e en anunciar unha derrogación da reforma laboral. 

Ademais, tamén insistiu en rexeitar un pacto co PP tras as eleccións xerais e aludiu á oposición feita por Rajoy contra Zapatero para diferenciar entre "quen aposta polo Estado do Benestar e quen o destrúe". "Para que quede claro: se votamos non a Juncker en Bruxelas, como imos votar si a Rajoy aquí en España?", asegurou Sánchez. "Eu non vexo esa gran coalición, nin agora nin en curto tempo. Somos auga e aceite", insistiu tamén Besteiro. 

Con máis de media hora de atraso chegou Pedro Sánchez a asemblea aberta, onde o agardaban uns 300 militantes e simpatizantes, pero tamén cabezas visíbeis do socialismo galego como Salvador Fernández Moreda, Francisco Cerviño, Iván Puentes, Javier Losada, Julio Sacristán ou a candidata á alcaldía polo PSOE, Mar Barcón, que presentou o líder dos socialistas e mostrou o seu apoio aos traballadores de Alcoa, que contaban cunha representación de compañeiros neste cónclave, ao igual que o líder dos socialistas, que advertiu da súa "defensa" da planta coruñesa. Tamén unha morea de medios de comunicación agardaban un Sánchez que entrou acompañado do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, entrou repartindo saúdos e bicos.

Besteiro presumiu de que tanto el, como Pedro Sánchez, Barcón e Julio Sacristán, secretario provincial do PSdeG da Coruña, foron "elixidos por primarias", un proceso tras o que "houbo un antes e un despois". O secretario xeral dos socialistas galegos louvou as asembleas abertas como unha experiencia "da política con maiúsculas". 

O líder do PSOE propuxo unha "reforma fiscal de esquerdas" para "manter o modelo social"

Nela, Pedro Sánchez tivo que responder a varias preguntas. Entre elas de traballadores de Alcoa, aos que lembrou que o custo enerxético en España "é dos máis altos de Europa", polo que se comprometeu a traballar por custos máis axeitados para as industrias. Ademais, incidiu en que o Estado "non vai poder soster o modelo social" de seguir así, polo que prometeu "unha reforma fiscal de esquerdas" na que os que máis teñen "paguen máis do que pagan agora", pero "sobre todo demostrar que hai unha alternativa económica á dereita". Para iso, dixo, é fundamental "unha reindustrialización" que permita "un emprego mellor" que permita "financiar o noso Estado de benestar". 

Foi A Coruña a última parada de Pedro Sánchez en Galicia. Antes, en Ferrol, visitou traballadores do naval para prometer "unha aposta decidida desde as administracións, en canto gobernemos, pola reindustrializaicón da comarca, de Galicia e do conxunto de España". Á entrada de Navantia, e antes de se reunir co comité de empresa, o líder do PSOE manifestou o seu "compromiso" co sector e co dique flotante, tras lembrar que o seu partido xa presentara unha emenda aos Presupostos para o financiamento desta infraestrutura. "Quen o rexeitou foi o PP coa súa maioría absoluta", insistiu, tras dicir que esa promesa "xa escrita" levarase a cabo "a partir do mes de novembro, cando sexan as eleccións xerais e haxa un goberno socialista". "Porémolo en marcha", teimou.

Pedro Sánchez prometeu "poñer en marcha" o dique flotante se chega á Moncloa

Ademais, Sánchez anunciou que o seu grupo presentaría unha proposicióh de lei para incrementar a conpetencia efectiva no sector dos hidrocarburos liquidos e para que "as baixadas do prezo do cru se trasladen aos prezos do gasóleo e da gasolina, polo emnos coa mesma velocidade e na mesma proporción que cando o fai o petróleo, cousa que agora mesmo non ocorre en España". Fíxoo tras manter unha xuntanza con representantes de autónomos do sector do transporte e consumidores.

Tamén aproveitou Pedro Sánchez a súa visita a Ferrol para parolar un anaco cun grupo de mariscadores furtivos concentrados ante Navantia. Despois, acudiu á inauguración da Casa do Pobo en Narón, antes de rematar a xornada nunha asemblea aberta na Coruña. Alí estivo acompañado de Beatriz Sestayo, que será a candidata do PSdeG á alcaldía de Ferrol, e polo secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro. Foi a apertada axenda que o líder do PSOE resumiu horas antes nun chío en twitter no que usou a lingua galega, idioma que empregou noutros tuits posteriores.

Pedro Sánchez, con Bestayo e Besteiro, en Ferrol CC-BY-NC-SA PSdeG
Pedro Sánchez, durante a asemblea aberta na Coruña Dominio Público @XSGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.