Feijóo teima en que a emigración moza "non é o problema" malia ser o 60% da poboación que marcha

Feijóo, no acto de Novas Xeracións, este sábado CC-BY-SA PPdeG

As enquisas electorais pintan mal para o PP. Os de Mariano Rajoy en España e Alberto Núñez Feijóo en Galicia fiaban ao discurso da recuperación económica boa parte das súas expectativas para o ciclo electoral iniciado nas europeas de maio e que continúa coas municipais, xerais e galegas. Así, os gobernos galego e español presentaron os seus respectivos orzamentos para 2015 como os "da recuperación" e tanto o presidente da Xunta como o seu xefe de filas reiteran nos últimos días a necesidade de non lles facer caso "aos agoreiros", isto é, ás forzas políticas que afirman que a fin da crise non é tal. Neste contexto, un dos principais esforzos de Feijóo céntrase en afirmar que Galicia non ten un problema de emigración e, moito menos, de emigración xuvenil. Así e todo, os datos oficiais amosan que a maior parte da xente que marcha do país é xente moza.

O titular do Executivo galego vén insistindo dende hai meses en que a emigración xuvenil "non é o problema" da demografía galega, á que só lle doe o mal da falta de natalidade. Esta mensaxe reiterouna literalmente este sábado nun acto coas Novas Xeracións do seu partido. Sentado sobre palés Feijóo pediulle á mocidade "que non se rinda nunca" e instouna a desbotar a tese de que Galicia ten un problema coa poboación que marcha pola falta de oportunidades e, para isto, reiterou que "entre os anos 2008 e 2013 chegou a Galicia máis xente da que se foi".

Dende 2012 o saldo migratorio de Galicia é negativo

Se ben en termos agregados a afirmación presidencial é estritamente certa, non é menos certo que os datos máis recentes indican un cambio de tendencia. Así, segundo amosan as bases de datos do IGE e do INE, o saldo migratorio galego -a diferenza entre persoas que marchan e as persoas que inmigran a Galicia- foi positivo durante todo o primeiro mandato de Feijóo, aínda que cada ano con valores máis reducidos. En 2009 entraron en Galicia 8.000 persoas máis das que saíron, en 2010 a diferenza foi dunhas 4.300 e en 2011 de algo máis de 3.000. A tendencia invertiuse, por pouco, en 2012, cando marcharon 164 persoas máis das que viñeron. En 2013 ese número subiu por riba das 4.000 persoas e, no primeiro semestre de 2014 o país acumula un saldo migratorio negativo de máis de 1.800 persoas.

E, que acontece coa poboación xuvenil? Segundo as mesmas fontes estatísticas as galegas e galegos menores de 34 anos son o continxente de poboación que máis emigrou dende o inicio da crise. Nomeadamente, o Instituto Galego de Estatística reflicte que no período referido por Feijóo, entre 2008 e 2013, case seis de cada dez persoas que marcharon eran mozas. Nomedamente, o 57,27% das arredor de 170.000 emigracións rexistradas -a España ou ao resto do mundo- foron as de persoas menores de 34 anos

Case o 60% da emigración galega entre 2008 e 2013 estivo formada por menores de 34 anos

Con independencia de que haxa outras autonomías con peores resultados que Galicia, outro dos argumentos máis recorrentes nas mensaxes oficiais, a fotografía da emigración xuvenil galega convida á reflexión, máis aínda tendo en conta o avance de datos do primeiro semestre de 2014, publicados polo INE hai escasos días. Segundo esa estatística case 13.000 persoas deixaron Galicia entre xaneiro e xuño do ano que vai rematar. Delas, unhas 7.700 marcharon a outra comunidade autónoma e 4.800, ao estranxeiro. En ambos casos, a mocidade ten un papel destacado.

Atendendo aos saldos migratorios desa primeira metade do ano marcharon ao resto do Estado 1.100 persoas mozas máis das que viñeron a Galicia procedentes doutras comunidades autónomas, mentres que entre os maiores de 34 anos esa diferenza negativa é de só 52 persoas. No que atinxe ao estranxeiro ambos saldos tamén son negativos, se ben neste caso saen peor paradas as persoas maiores de 34, cun saldo negativo de 363 migracións. Mentres, marcharon ao estranxeiro 304 mozos e mozas máis das que viñeron.

Neste escenario, Feijóo segue atribuíndo as mensaxes negativas sobre a economía galega en xeral e sobre a mocidade en particular aos devanditos "agoreiros". Eses, acusa, "din que non hai futuro" pero o Goberno galego "comprométese máis no futuro de Galicia e confía en que os mozos e as mozas asumirán con responsabilidade sacar a comunidade adiante".

Unha moza nun aeroporto CC-BY-SA Cadernos.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.