EU chama á conformación de candidaturas de unidade popular para as municipais

Un momento das Xornadas de Converxencia de EU, celebradas este sábado Dominio Público Praza Pública

Esquerda Unida celebrou este sábado xuntanza do seu Consello Político Nacional, centrado na análise do escenario político máis inmediato: as eleccións municipais de maio. O máximo órgano de dirección entre asembleas aprobou un documento marco para estes comicios, O municipalismo no proceso de unidade popular e rebelión democrática e tamén o calendario do proceso de primarias para elexir as candidatas e candidatos que representarán a Esquerda Unida nestas eleccións.

En calquera caso Esquerda Unida reafirmou a súa aposta por conformar candidaturas de unidade popular nas que xunto coa cidadanía organizada se inclúan todas as forzas que apostan por unha ruptura, dende o BNG a Podemos, pasando polos partidos que compoñen AGE e movementos sociais como Stop Desafiuzamentos. O obxectivo, segundo destacou a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, é aproveitar a "oportunidade histórica" e facer fronte ao "reto" de "rachar co bipartidismo". Para iso, Díaz pediu "xenerosidade e intelixencia colectiva de todas aquelas forzas políticas, movementos sociais e cidadanía que propugnan un cambio profundo de radicalidade democrática". "A esquerda será mestiza ou non vai ser, non nos queda más remedio que entendernos", engadiu.

O obxectivo, segundo destacou a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, é aproveitar a "oportunidade histórica" e facer fronte ao "reto" de "rachar co bipartidismo"

A coordinadora nacional de EU sinalou que a militancia da formación "forma parte, nuns casos a título individual, noutros como organización" das candidaturas cidadás actualmente en construción en Galicia, e subliñou que non son "partidarios" de "pactar por arriba ningunha posición" con outras organizacións políticas. "Esa dialéctica non nos gusta demasiado", dixo.

Esquerda Unida reivindicou igualmente o traballo desenvolvido por AGE e chamou a reforzar a fronte "como elemento aglutinador dos procesos de cambio". "AGE supuxo un fenómeno sociolóxico, unha explosión social en Galicia de ampla resonancia estatal e internacional, e marcou un punto de inflexión na loita organizada contra o sistema", salienta o documento aprobado. De feito, sinala que "nas localidades onde non estén constituídas plataformas cidadás EU reforzará o espazo AGE".

A formación presentaralles nas vindeiras semanas o documento marco aprobado aos distintos colectivos e movementos sociais, "os verdadeiros protagonistas do proceso constituínte"

O calendario de primarias aprobado por Esquerda Unida desenvolverase ao longo de xaneiro e febreiro. Estas eleccións primarias, que se celebrarían nas sete cidades galegas e tamén nas vilas e concellos que tamén o decidisen, terían lugar o 14 e 15 de febreiro.

A formación presentaralles nas vindeiras semanas o documento marco aprobado aos distintos colectivos e movementos sociais, "os verdadeiros protagonistas do proceso constituínte", destacaron, co obxecto de recoller as súas propostas de cara á elaboración dun programa participativo. O texto enmarca enmarcar as inmediatas eleccións locais "nun marco máis xeral, sinaladamente na perspectiva do novo proceso constituínte que propugnamos". "As eleccións locais son unha oportunidade única para disputar a hexemonía á oligarquías locais e ao caciquismo tradicional, para construir poder popular, para amosar na práctica outras formas de facer política, para constituir os gobernos locais nunha sorte de Xuntas constituíntes de cara ao novo proceso que debe abrirse despois das eleccións xerais, que se celebran inmediatamente despois", subliña.

O documento inclúe 10 propostas básicas para cambiar os concellos galegos

O documento inclúe 10 propostas básicas para cambiar os concellos galegos, que inclúe medidas como unha auditoría cidadá da débeda en cada municipio "para saber a quen e a que empresas se beneficiou con diñeiro público", a remunicipalización de servicios públicos privatizados coma a auga, a revogación dos cargos electos "aos que se lles debe esixir unha rendición periódica de contas", mecanismos de participación directa da cidadanía como orzamentos participativos, referendos vinculantes e consultas cidadás a nivel municipal, a dación en pago e a fin dos desafiuzamentos, e facer fincapé no reforzo dos servizos sociais públicos e no acceso á vivenda.

Esquerda Unida lembra ademais a súa posición contraria ao mantemento das Deputacións, pero reclama a importancia da batalla polo seu control. En primeiro lugar, destaca, "porque o 40% dos orzamentos municipais dependerá directamente das deputacións, co cal a marxe de maniobra dos concellos será escasa por falla de financiamento, aínda que se produzan cambios sustanciais nos gobernos locais" e porque "deixar en mans do bipartidismo as institucións que en Galicia actúan como epicentro e asentamento do poder caciquil, é renunciar directamente ao principio de ruptura democrática, porque supón deixarlle unha clara marxe de maniobra para limitar a acción dos gobernos locais", engade.

Un momento das Xornadas de Converxencia de EU, celebradas este sábado Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.