A Xunta merca traxes novos para os choferes dos coches oficiais por quinta vez en cinco anos

Feijóo co vicepresidente Rueda, responsable do parque móbil © Conchi Paz

Os coches oficiais foron unha das pezas máis empregadas polo PP na súa aposta por desbancar o bipartito de PSdeG e BNG do poder en 2009. Vehículos adquiridos polo Goberno de coalición foron metidos polos conservadores no mesmo paquete que coches mercados e utilizados na etapa de Manuel Fraga xunto a detalles máis ou menos reais a respecto dos accesorios do parque móbil ou sobre comparacións cos coches de xefes de Estado de diversos puntos do mundo. Tras chegar a San Caetano os conservadores tomaron medidas publicitadísimas, como a utilización masiva de coches Citroën e o desterro dos Audi -a Xunta conserva, cando menos, cinco automóbiles da marca alemá-, e outras que non o foron tanto, como a renovación anual dos traxes dos seus choferes cun gasto que xa se achega ao millón de euros.

O pasado 26 de decembro, en plena ponte de Nadal, a Vicepresidencia iniciaba os preceptivos trámites públicos para a que será a quinta compra de uniformes para os condutores e condutoras en menos de cinco anos. Lonxe de permitir, en aras da austeridade, que os choferes acudan aos seus postos de traballo coa roupa que consideren oportuna, como acontece por exemplo coa maior parte do funcionariado da Administración xeral, o departamento de Alfonso Rueda disponse a mercar mercar 1.400 prendas de roupa de inverno e 2.660 de verán por un orzamento de ata 163.614 euros, case un 6% máis que na anterior compra, licitada o pasado xaneiro en 154.000 euros e adxudicada en maio deste mesmo ano por 115.890.

O gasto en uniformes para o persoal do parque móbil dende 2010 achégase ao millón de euros

O incremento do orzamento dos cartos que Vicepresidencia está disposta a gastar nestes traxes racha unha tendencia á baixa experimentada dende 2010, cando o Goberno de Feijóo mercara traxes por primeira vez para os seus choferes destinando á operación ata 215.000 euros. O ano seguinte, en 2011, ofreceuse un máximo de 199.579 para a compra dos uniformes e en 2013 o gasto tipo un tope de 174.908. Tamén o bipartito mercara uniformes para os choferes en 2008, no seu caso por 90.000 euros.

O anterior encargo produciuse a comezos de ano

Na contratación que agora está en marcha o Goberno galego varía lixeiramente as cantidades dalgunhas prendas solicitadas e, moi levemente, algúns dos seus prezos. Así, por exemplo, mercará 139 prendas de abrigo para home, tanto de inverno como de verán, mentres que na anterior licitación mercou 65. Do mesmo xeito, as características do pedido fan pensar que a Xunta pasou de ter unha condutora a ter dúas, toda vez que desta volta mercará dous traxes femininos para o inverno e catro para o verán e duplica tamén a compra de medias e zapatos de muller.

Igual que en anteriores ocasións as empresas interesadas en subministrar os traxes e demais prendas terán que presentar mostras dos seus produto para seren analizadas no Laboratorio de Consumo de Galicia. Alí realizaranse "ensaios de calidade" para comprobar a composición, observar o seu "encollemento tras lavado doméstico", a "solidez das tinturas á limpeza en seco" ou a súa resistencia á "formación de boliñas". As compañías teñen ata o 10 de xaneiro para presentar ofertas e, unha vez formalizado o contrato, terán quince días "para a toma de medidas". Un mes despois realizarase a entrega das prendas de verán e tras catro meses, das de inverno.

Detalle das prendas que a Xunta vai mercar

Feijóo co vicepresidente Rueda, responsable do parque móbil © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.