PSdeG e BNG traballan en novos xestos de unidade fronte a Feijóo

Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez, con Feijóo nunha xuntanza sobre as caixas CC-BY-NC-SA BNG

Nos primeiros días de xuño de 2005 o PPdeG vía como a Xunta lle comezaba a escapar das mans. Tras case dezaseis anos de comodísima maioría absoluta Manuel Fraga estaba por primeira vez en risco real de perder o Goberno e os conservadores publicaron un alegórico anuncio na prensa galega. Amosaba o cadro de mandos dun coche en cuxo volante, no canto do logotipo dunha marca de automóbiles, figuraba o escudo de Galicia. Mentres, catro mans, dúas socialistas e dúas nacionalistas, tentaban caoticamente conducir o vehículo. Era a alerta contra o pacto, contra o bipartito, contra a coalición que finalmente chegou á Xunta encabezada por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Sete anos e un Goberno compartido despois PSdeG e BNG procuran dende hai semanas facer ver que a fotografía da unidade que estivo, a nivel xeral, practicamente rachada durante case tres anos pode locer con aire renovado fronte a un Alberto Núñez Feijóo a quen agora lle corresponde navegar contra a corrente e tentar ser dos poucos presidentes aos que a crise non leva por diante. Fano a nivel de política galega, no Parlamento, pero as mans tendidas achéganse noutros ámbitos, nomeadamente no municipal.

O entendemento podería materializarse con mocións de censura en Fene, Cuntis e Moaña durante os meses de verán

Dende 2009 os xestos de unidade entre ambas formacións foron practicamente nulos. A presenza de Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez nunha manifestación en defensa da sanidade pública e o rexeitamento conxunto á Lei de Familia foron as escasas exteriorizacións dunhas relacións que, malia todo, tampouco viviron ningunha tensión reseñable e mesmo lograron múltiples acordos tras as eleccións locais de 2011. É precisamente neste ámbito, o local, no que poden chegar as mostras de entendemento que no último mes levaron a ambas formacións a comparecer conxuntamente ante os medios para rexeitar os recortes sanitarios e, pouco despois, a pactar, por iniciativa do Bloque aceptada de moi bo grao no seo dos socialistas, unha petición conxunta de comparecencia do presidente para dar conta da influencia en Galicia deses mesmos recortes.

Trataríase, esencialmente, de facer ver que onde non foi posible o acordo despois das municipais -tras as que non asinaron o "pacto nacional" de anteriores convocatorias- si o é agora. Para iso, no entorno das direccións de ambas organizacións confírmase que se está a pensar en tres concellos: Fene, Cuntis e Moaña. Eses municipios teñen actualmente cadanseus alcaldes do PP, pero a unión de forzas de socialistas e nacionalistas permitiría que nos dous primeiros o bastón de mando fose ao PSdeG e no terceiro, ao BNG, con tres rexedores á fronte doutros tantos bipartitos -no caso fenés a posibilidade de acordo podería estenderse a Esquerda Unida-. Neste contexto e coa ollada posta no calendario electoral, inmerso nun continuo ruxerruxe de posible adianto, as cúpulas de PSdeG e BNG ven con bos ollos a posibilidade de facer callar estas operacións que, segundo fontes socialistas, poderían materializarse en mocións de censura nos meses de verán. No caso de Fene e Cuntis culminaría así unha operación que xa foi abordada tras as municipais entre Pachi Vázquez, Guillerme Vázquez e Carlos Aymerich, e que fracasou por "problemas estritos do BNG de Fene co PSOE de Fene e do Bloque cos socialistas de Cuntis", aclaraban daquela. Con todo, no concello cuntiense entra en xogo un factor que daquela non existía: os edís nacionalistas cuntienses anunciaron a súa marcha do Bloque -dous son membros de Máis Galiza, un de Encontro Irmandiño e unha cuarta, independente-.

Con estes e outros movementos que poderían chegar no contexto de rexeitamento ás impopulares medidas da Xunta e do Goberno central ambas formacións apostan por exteriorizar que, antes de que remate o ano, Pachi Vázquez e Francisco Jorquera -cuxa candidatura será lanzada na convención nacional dos frontistas o domingo 13- estarían en disposición de negociar un pacto de Goberno se o complexo panorama electoral así o ditamina. Non obstante, as fontes consultadas admiten tamén que neste camiño que agora inician resta tamén calibrar dous factores que non son menores: a ratificación ou non de Vázquez como candidato socialista vía primarias e o xeito en que se configure como opción electoral o denominado 'novo proxecto común'. Mentres tanto, dende o PP comezan a chegar as primeiras mensaxes para desprestixiar o posible achegamento. O propio Feijóo ironizaba hai poucos días con que "o bipartito existe" aínda que agora poida ser "pentapartito ou quintapartito" e mentres, noutro ton, o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, esfórzase en subliñar que Pachi Vázquez é excesivamente "voluble" e, polo tanto, de capacidade de acordo pouco "fiable". 

Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez, con Feijóo nunha xuntanza sobre as caixas CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.