Mosquera limita á gripe a causa do colapso nas Urxencias dos hospitais galegos

As Urxencias do Meixoeiro desbordadas CC-BY-SA CIG

"Queremos solucións posibles, eficaces e axiña e a primeira solución é que marche". "Só lle queda unha saída, señora conselleira, que dimita e marche”. “A sanidade privada goza de boa saúde e a pública está na UCI”. Son tres das frases que lle espetaron, respectivamente, as voceiras parlamentarias no ámbito sanitario de PSdeG, AGE e BNG á titular dese departamento no Goberno galego, Rocío Mosquera, tras a comparecencia desta na Cámara tras o colapso rexistrado nas Urxencias de varios hospitais galegos nos últimos meses e logo de comunicar por sorpresa o pasado luns a súa intervención de hoxe.

Mosquera aludiu aos "moitos casos de gripe en pouco tempo" para xustificar os colapsos en Urxencias

Logo dun resumo técnico e baseado en números sobre a situación das Urxencias nos hospitais galegos, a conselleira Mosquera volveu culpar o repunte da gripe como causa do importante colapso das últimas semanas. "Moitos casos de gripe en moi pouco tempo" resumiu, ademais de volver lembrar que foi moita a xente que en risco non acudiu a se vacinar. Así, a titular de Sanidade defendeu que o Sergas ofrece "unha resposta de calidade a todos os pacientes", malia admitir que esa vaga dos primeiros días da gripe no Nadal si provocou algún problema de asistencia.

O Sergas derivou 344 pacientes á privada e habilitou 341 camas durante o Nadal pola gripe

Segundo dixo, o Sergas habilitou 769 camas adicionais, levou a cabo 931 contratos ou reforzos e realizou 348 derivacións a centros concertados nas catro semanas de pico da gripe. A conselleira aclarou que só entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro, as cifras situáronse en 341 camas habilitadas, 344 derivacións e 278 contratos. Ademais, asegurou que a situación se fixo máis grave por afectar esta gripe aos sectores máis vulnerables (maiores e enfermos crónicos). "Houbo un problema coa gripe, non o vou negar", recoñeceu.

Asumiu que "a atención destas semanas non é a que podemos e debemos dar aos nosos pacientes" e adiantou que a Consellería levará a cabo medidas preventivas, como a de intentar mellorar a taxa de vacinación. "O 60% dos ingresados por gripe non estaban vacinados", dixo. Pero á oposición non lle pareceu dabondo. Nin moito menos. Na súa resposta ás palabras de Mosquera no pleno, todos os grupos coincidiron en volver pedir a súa destitución ou dimisión do cargo ante "o colapso da sanidade galega" para o que pediron "solucións". Así o dixo xa Carmen Acuña, portavoz do PSdeG, que reiterou que a primeira medida "urxente" das requiridas debería "a despedida" de Rocío Mosquera.

"Marche porque o seu propio presidente, os profesionais e os cidadáns reproban a súa xestión”, di o PSdeG a conselleira

“Estamos nunha situación sen precedentes, pídolle que marche porque o seu propio presidente, os profesionais e os cidadáns reproban a súa xestión”, dixo a deputada socialista, que cre que a gripe deste inverno o único que fixo foi "poñer de manifesto que a xestión é un desastre, froito de sucesivos recortes, copagos e privatizacións, un caos que só superamos grazas ao esforzo dos traballadores”. "O PP leva seis anos desmantelando e utilizando en beneficio propio o sistema sanitario público de Galicia”, insistiu, tras lembrarlle a Mosquera que "hai unha folga no Meixoeiro, o Chuac está na Fiscalía, en Ourense van de denuncia en denuncia e en Ferrol hai doentes que estiveron 36 horas sen comer en Urxencias".

En termos semellantes se mostrou tamén a voceira de AGE, Eva Solla, que criticou tamén que non fose o presidente Feijóo quen dese conta da situación límite que vive a sanidade. “Vostede non é o presidente do persoal sanitario nin dos que agardan dez horas en urxencias febrís, doridos, impacientes, nin das que saben que a vida das persoas depende dos recursos que o seu Goberno destrúe. E non o é porque hoxe considerou que un asunto tan prioritario como a sanidade non o era”, manifestou, tras destacar o seu grupo que mesmo a conselleira comezou a súa intervención "sen ningún membro do Goberno presente no hemiciclo".

"Bótalle a culpa á gripe, pero a realidade é que nos quitaron un de cada cinco euros que achegabamos á Sanidade", di AGE

Desde Alternativa, e tras a comparecencia da conselleira, acusárona de "manipular os datos na xerga tecnocrática" para evitar clarexar as consecuencias da súa acción de goberno. Eva Solla, pola contra, achegou outros para asegurar que "en termos nominais, hai 374 millóns menos" dende que chegou ao Executivo. Un 10% menos. "Bótalle a culpa á gripe e aos enfermos por non se vacinar, pero resulta que a realidade é que nos quitaron un de cada cinco euros dos que achegabamos para que nos coiden a saúde e nos curen”, recordou, tras adverir da ausencia de material, padiolas ou mesmo mantas.

Ademais, Solla preguntou a Mosquera "por que segue a haber traslado á privada de pacientes dos hospitais públicos; por que seguen sen estabelecer quendas de tarde en consultas e quirófanos malia que o aprobou o Parlamento ou por que non reforzan o persoal cando os servizos están colapsados". E rematou volvendo reclamar a súa dimisión.

"As súas políticas sanitarias levan ao desmantelamento da sanidade pública e aos doentes á desesperación", asegurou o BNG

Desde o Bloque, a voceira en Sanidade, Montse Prado, acusou a conselleira de volver "minimizar o colapso sanitario” rexistrado nos hospitais galegos e advertiu que o PP “xoga con lume”, xa que as súas políticas sanitarias "levan ao desmantelamento da sanidade pública e aos doentes á desesperación". Ademais, lembrou como Rocío Mosquera pasou de minimizar a situación a culpabilizar os enermos  para logo, xunto con Feijóo, amosar “unhas mornas desculpas” e reducir o asunto a unha cuestión de confort para seguir culpabilizando a cidadanía de non vacinarse.

A deputada do BNG tamén aludiu na súa intervención ao informe da Defensora del Pueblo, Soledad Becerril que representa, na súa opinión, unha “labazada” ás políticas sanitarias do PP. O documento, dixo, confirma que os cadros de persoal non están sobredimensionadas e que os profesionais "cada vez contan con menos orzamento e medios". "Teñen vostedes a todo o mundo en contra, folgas nos centros sanitarios, cartas ao presidente da Xunta, reclamacións dos profesionais e sindicatos... Seguen exercendo de verdugos da sanidade pública", insistiu, tras lamentar que a xestión sanitaria do Goberno galego condene as persoas sen recursos a non poder curarse mentres os que si os teñen podan acceder á sanidade privada.

En canto ao grupo mixto, Carmen Iglesias fixo repaso tamén das múltiples deficiencias do sistema sanitario público galego e coincidiu en que á conselleira "non lle queda máis que dimitir", mentres que Consuelo Martínez (Cerna) chegou incluso a responsabilizar a Consellería do falecemento dun doente afectado por hepatite C.

Hepatite C

Precisamente, a situación dos afectados por esta grave doenza e pendentes dunha solución que non dá chegado do Goberno foi outro dos temas máis aludidos no pleno. A conselleira asegurou que "Galicia traballa co Ministerio de Sanidade para garantir o acceso aos medicamentos en termos de equidade" e insistiu en que o Sergas "está garantindo que os pacientes que cumpren as condicións reciben eses fármacos".

Toda a oposición pediu á Xunta "menos palabrería" e solucións para os afectados pola hepatite C

Pero a socialista Carmen Acuña dixo que “xa está ben de presumir" "O que teñen que dicir, por exemplo, é cando os enfermos de hepatite C terán á súa disposición os fármacos; menos palabrería e máis medidas neste caso e para o colapso da sanidade galega”, asegurou, mentres que Eva Solla, de AGE, denunciou "a conivencia" entre a Xunta de Núñez Feijóo e a industria farmacéutica para "deixar milleiros de doentes de hepatite C sen a medicación que a pode curar".

“Continúan sen ter a medicación dispoñíbel para a clase traballadora”, afirmou, “porque as persoas ás que llelo prescriban deben pagar 60.000 euros e o groso da poboación non ten eses fondos. A especulación farmacéutica levounos a este punto”. A deputada acusou a Mosquera de “ser brazo de madeira das privatizacións” e tamén explicou no Parlamento galego as conexións da empresa fabricante do medicamento que cura esta enfermidade coa extrema dereita estadounidense.

A deputada do BNG Montse Prado foi tamén moi dura e asegurou que os doentes de hepatite C "están de loito porque onte morreu unha persoa afectada que levaba un ano agardando a ser tratada cunha medicación que vostedes están a negar". "Os responsábeis desta morte, son as súas políticas señora Mosquera", díxolle á conselleira.

"Salve a vidas destas persoas e non veña ao Parlamento con outra manobra de distracción"

Ademais, a parlamentaria censurou que o PP rescate a banca mentres abandona aos afectados por hepatite C por "priorizar a cuestión económica por riba da saúde". "Salve a vidas destas persoas e non veña ao Parlamento con outra manobra de distracción. Estamos a finais de xaneiro e os doentes de hepatite C seguen sen a medicación que precisan e a maiores, á fronte da Comisión de expertos colocan vostede a unha persoa vencellada a unha farmacéutica... Demasiadas mentiras e falsidades”, rematou.

Rocío Mosquera, titular de Sanidade, no Parlamento © Ana Varela
As Urxencias do Meixoeiro desbordadas CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.