"Neste momento de emerxencia social temos que ter altura de miras, pero non imos ser a táboa de salvación de ninguén"

Presentación de 'Podemos Cambiar Galicia', o pasado 24 de xaneiro en Compostela Dominio Público Podemos Cambiar Galicia

O pasado 22 de xaneiro presentouse a candidatura de Podemos Cambiar Galicia ao Consello Cidadán de Podemos na comunidade, encabezada pola viguesa Ana Sánchez Diz, candidata a ocupar a Secretaría Xeral da formación en Galicia, con quen falamos. Unha candidatura, defenden, "participativa, transparente e plural" que reclama maior poder de decisión para os círculos.

A de Ana Sánchez é a terceira das entrevistas publicadas en Praza cos catro candidatos e candidatas á Secretaría Xeral de Podemos en Galicia, que se completarán este mércores coa entrevista a Xaime Castaño, non inserido en ningunha lista.

Por que decidides conformar unha candidatura? Cales son as liñas principais que defendedes?

Presentámonos porque queríamos construír un proxecto participativo, aberto e plural para Podemos Galicia. A clave é a participación; a candidatura xorde nunha das últimas xuntanzas de Podemos Rías Baixas, onde se decidiu convocar a todos os círculos de Galicia a unha asemblea na Estrada. A partir de aí ao redor de 100 persoas decidimos comezar a traballar na candidatura. Polo tanto, o primeiro que fixemos foi consensuar o proxecto, e a partir de aí comezamos a conformar a lista, con criterios de representación sectorial e xeográfica. 

"Unha das diferenzas pode ser a nosa aposta por devolverlles o poder aos círculos, a través da creación de dous órganos con este fin"

Que diferenzas cres que hai entre a vosa e as outras candidaturas?

Unha das difenrenzas pode ser a nosa aposta por devolverlles o poder aos círculos, a través da creación de dous órganos con este fin. Outra diferenza pode estar en que temos en conta a idiosincrasia territorial galega e na nosa candidatura, ademais de estar representados sectores concretos, tamén están representadas as distintas bisbarras a través de persoas que traballan nos círculos das súas localidade.

Como valorades o sucedido en Ferrol e a solución adoptada pola Comisión de Garantías?

O que aconteceu en Ferrol preocúpanos moito, pero por sorte os mecanismos de control da limpeza electoral de Podemos funcionan. Unímonos ás compañeiras e compañeiros de Ferrol que reclaman máis información sobre o que sucedeu. E esperamos que unha vez que se complete o proceso autonómico se poida continuar co proceso local en Ferrol e que se saiba todo o acontecido, porque Ferrol non pode seguir nese limbo.

"Estamos a vivir unha oportunidade única para devolverlle o poder á cidadanía e o primeiro paso son os concellos. Aínda que cada proceso de confluencia é diferente e independente, en principio todos eles poden acabar sendo válidos"

Que posición defendende que debe ter Podemos ante as eleccións municipais e unha posibles confluencia con candidaturas cidadás xa en marcha? Cales son as liñas vermellas?

Estamos a vivir unha oportunidade única para devolverlle o poder á cidadanía e o primeiro paso para devolverlle este poder son os concellos. Aínda que cada proceso de confluencia é diferente e independente, en principio todos eles poden acabar sendo válidos. Non sería lóxico que Podemos non vise o seu ADN reflectido neles. Nestes momentos de emerxencia social temos que ter unha altura de miras suficiente, pero nós non imos ser a táboa de salvación de ninguén. A sociedade reclama uns métodos de participación e un ADN para estes procesos, reclama que sexan abertos, que non sexan unha sopa de siglas e polo tanto reclama coalicións electorais con procesos de primarias abertos e cunha elaboración colectiva dos programas electorais. Son liñas vermellas sobre as que non imos ceder. En todo caso, todo isto aínda está en proceso, haberá que ver se a fórmula que se segue é a confluencia con estas plataformas ou a elaboración de agrupacións de electores, que tamén é unha posibilidade.

Preocúpavos que unha das candidaturas -a de Claro que Podemos Galicia- teña unha vinculación coa dirección estatal da formación e algún dos seus líderes máis coñecidos?

Non estamos preocupadas, todo o contrario, estamos contentas de que haxa máis alternativas e de que así as galegas e os galegos poidan decidir cal é o seu proxecto. Supoño que estar asociados ao nome de Pablo Iglesias pode levar a que unha candidatura se coñeza máis, pero o máis importante é que haxa alternativas.

Como valorades a situación política, económica e social de Galicia e a xestión realizada por Alberto Núñez Feijoo á fronte da Xunta?

Cualificamos a situación como nefasta, porque non se pode definir doutro xeito a política que está levando a cabo o PP en Galicia. Galicia foi ademais o banco de ensaio das políticas máis antisociais, coma os recortes en protección social, a destrución de emprego, a privatización da sanidade e do ensino ou o abandono de sectores produtivos.

Como recibides as críticas que algúns sectores do nacionalismo galego lanzan a Podemos, acusando á formación dunha falta de galeguismo?

Estamos centrados e centradas en buscar solucións aos problemas básicos da cidadanía, nesta situación de emerxencia social que afecta ás necesidades básicas da xente. Neste senso, outras cuestións poden estar pasando a un plano secundario. Pero iso non impide que pensemos que nun futuro non lonxano as galegas e os galegos terán que decidir sobre o seu futuro político e sobre a relación que queiran ter ou non ter co Estado Español.

"O Goberno de Núñez Feijoo, apoiado por un lobby lingüístico que non nos representa, está a relegar o galego a un papel secundario. Está a crear un problema lingüístico onde non o había"

Como valorades a actual situación da lingua galega e a política lingüística da Xunta nos últimos seis anos?

A política lingüística da Xunta é un suicidio, o galego está a sufrir un dos maiores ataques da súa historia. A lingua é a identidade do noso pobo e non podemos deixar que desapareza. O Goberno de Núñez Feijoo, apoiado por un lobby lingüístico que non nos representa, está a relegar o galego a un papel secundario no ensino, na cultura e nos medios de comunicación. Está a crear un problema lingüístico onde non o había. En Podemos convivimos galegofalantes e castelanfalante e estamos todas e todos convencidos de que hai que defender o galego destes ataques, porque unha lingua é un instrumento de comunicación e non pode ser usado como instrumento de enfrontamento. Nesta situación de emerxencia que estamos a vivir a xente demanda cuestións de necesidades básicas, de supervivencia, pero iso non significa que non defendamos a lingua.

"A xente quere recuperar as súas vidas, a súa soberanía, e dicirlle adeus a este monstro que é a austeridade"

Que efectos pode ter a vitoria acadada este domingo por Syriza nas eleccións gregas?

A xente quere recuperar as súas vidas, a súa soberanía, e dicirlle adeus a este monstro que é a austeridade. Onte gañou o pobo grego, pero gañou tamén a esperanza, a esperanza de que os pobos do sur recuperen a súa liberdade e recuperen o sorriso. E moi pronto tocaralle a España. Syriza e Podemos van abrir a porta a unha Europa máis plural e democrática.

Asemblea de 'Podemos Cambiar Galicia' © Podemos Cambiar Galicia
Ana Sánchez Diz Dominio Público Podemos Cambiar Galicia
Presentación de 'Podemos Cambiar Galicia', o pasado 24 de xaneiro en Compostela Dominio Público Podemos Cambiar Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.