O Seprona investiga a casa do tenente de alcalde de Barreiros, sen licenza de ocupación

Vista da parcela e da súa contorna, tirada do Catastro CC-BY-SA Praza Pública

A lupa da legalidade, de novo sobre o urbanismo de Barreiros. Case unha década despois de que o Concello presidido por Alfonso Fuente (PP) concedese licenzas para case 6.000 vivendas para este municipio de 3.200 habitantes malia ás advertencias de ilegalidade da secretaría municipal, o Servizo de Protección de la Naturaleza da Guardia Civil (Seprona) investiga se un dos membros do goberno local, o primeiro tenente de alcalde, José Manuel Gómez Puente, cumpre a normativa vixente nunha edificación da súa propiedade. A investigación, en vigor dende o pasado outono, saíu á luz no pleno municipal do pasado luns a través do BNG, que xa reclama explicacións dun alcalde que, iradamente, augura que todo ficará en nada.

Segundo consta nunha resolución da Alcaldía do pasado 13 de setembro o Seprona de Lugo dirixiuse tres días antes ao consistorio para solicitar información sobre o edificio do tenente de alcalde. Ante este requerimento a arquitecta municipal tivo que elaborar un informe no que, admite o Concello, "consta que non se realizou ningunha comprobación do estado de execución da vivenda", isto é, se as súas características se axustan ao autorizado no seu día, "xa que non ten solicitada a licenza de primeira ocupación, momento no que se realiza a inspección" se antes "non hai denuncias". Así as cousas, "resulta conveniente realizar unha visita de comprobación a dita vivenda" para "constatar se se está adecuando á licenza concedida no seu momento" ou se "se está realizando algún tipo de actuación ilegal na mesma".

O motivo da alerta do Seprona é unha denuncia dun particular sobre supostas irregularidades na casa do tenente do alcalde, construída nunha parcela duns 800 metros cadrados que, segundo as normas urbanísticas subsidiarias de 1994 -Barreiros segue sen planeamento urbanístico-, pode albergar unha vivenda unifamiliar illada ou adosada con determinados aproveitamentos comerciais pero non, por exemplo, un bloque de apartamentos. Nete contexto, o Bloque local reclama que o Concello lle facilite toda a información e copias documentais sobre a investigación, máis aínda tendo en conta que "con data do 15 de xaneiro" consta no Rexistro municipal "solicitude de informe da Consellería de Medio Ambiente" sobre "a legalización da vivenda unifamiliar a nome" de Gómez Puente, "o que constataría que a día de hoxe dita vivenda é ilegal".

O BNG local ve neste caso "un exemplo claro da política urbanística á carta" do PP de Barreiros

Para o grupo municipal do BNG o edificio do tenente de alcalde, na "zona da praia", é un "exemplo claro da política urbanística á carta" do PP de Barreiros, "destinada a beneficiar intereses particulares". En verbas do concelleiro e vicepresidente da Deputación Antonio Veiga cabe sospeitar que o alcalde "ollou cara a outro lado e fixo a vista gorda, sabendo que o edificio que o tenente de alcalde construíu non se axusta ao tipo de solo nin ao uso permitido nesa zona no momento en que se concedeu a licenza". "Neste momento -asegura Veiga- o edificio é ilegal e este verán estivo sendo ocupado sen ter licenza de primeira ocupación". O goberno municipal, alerta, prepara "unha legalización ad hoc" e non "para un veciño calquera", senón "para o tenente de alcalde, que como tal concede licenzas, así que é o primeiro que ten que cumprir a lei".

O tenente de alcalde asegura que "todo é legal" e o alcalde augura que o Bloque "terá que envainala"

Mentres Veiga reclama "máxima transparencia" e "toda a documentación" o protagonista do contencioso, o tenente de alcalde, afirma que "todo é legal". En declaracións a La Voz de Galicia Gómez Puente atribúe "este episodio" a que "estamos entrando en campaña" e alguén procura "desprestixiar e facer dano con acusacións falsas". A súa, afirma, é "unha casa cun baixo, que é onde vai unha vivenda unifamiliar" e un andar "no que estou facendo dous apartamentos turísticos para arrendar". A ausencia de licenza de primeira ocupación, afirma, ébese a que a eses apartamentos "aínda lles faltan cousas", se ben, afirma, "as obras axústanse á licenza", outorgada en 2007, "como se demostrará". "O BNG trata de difamar aproveitando unha denuncia falsa de alguén ficticio, proclama".

O alcalde, que vén de ser ratificado como candidato nas vindeiras municipais, defende igualmente a legalidade do proxecto e carga, asemade, contra os nacionalistas. "Se houbo unha modificación do proxecto, se se axusta á lexislación, que creo que é o que pasou, legalizarase", afirmou durante a sesión plenaria. "No próximo pleno traeremos todo aquí", afirmou en resposta ao BNG. "Se está todo correcto algún que quere sementar dúbidas terá, como se di vulgarmente, que envainala", conclúe.

Cartografía catastral da zona CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.