O BNG refrenda 106 candidaturas municipais e aproba o seu programa marco

Xuntanza do Consello Nacional do BNG, este sábado © BNG

O Consello Nacional do BNG refrendou na mañá deste sábado 106 candidaturas para as eleccións municipais do vindeiro 24 de maio. Ás sete grandes cidades, aprobadas hai tres semanas, súmanse agora as candidaturas BNG-Asembleas Abertas en concellos importantes ou intermedios en termos de poboación, como Poio, Carballo, A Laracha, Vimianzo, Carnota, Ribeira, Boiro, A Pobra, Sada, A Estrada, Tomiño, Redondela, Fene, Cambados, Vilagarcía, Monforte, Cangas ou Ames, entre outros. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, salientou que a formación “é unha alternativa clara para dar a batalla ante o PP" e “liderar gobernos alternativos en todas as cidades e concellos que sexa posible”. A xuntanza tamén serviu para aprobar as liñas mestras do programa electoral para as municipais. 

“A partir do 24M, os concellos que goberne o BNG seguirán a ser un baluarte contra as políticas de recorte do PP”, subliñou Vence

“É o momento para limpar o panorama político e inferir a primeira derrota en toda regra a un PP que está esnaquizando o país, a nosa economía e as conquistas históricas nos servizos públicos como sanidade ou educación. É a oportunidade para que a cidadanía rebelde deste país pase a páxina negra do PP ao fronte dos concellos”, salientou Vence, que puxo en valor o traballo do BNG nos concellos onde goberna, "exemplo de xestión política contra os recortes e a favor dos que máis sofren as consecuencias da crise".

“A partir do 24M, os concellos que goberne o BNG seguirán a ser un baluarte contra as políticas de recorte do PP”, subliñou, "comprometidos cos máis castigados con medidas de protección para as persoas que perden a vivenda, que quedan sen cobertura social ou que non poden afrontar tratamentos médicos". Vence sintetizou estas políticas como “espírito de Riotorto”, en referencia ao primeiro goberno municipal nacionalista en enfrontarse ao repagamento dos fármacos hospitalarios para doentes crónicos.

Para Vence, os comicios locais de maio son clave tamén “para vencer ese cancro da corrupción que asolaga unha grande parte dos concellos gobernados polo PP"

Para Vence, os comicios locais de maio son clave tamén “para vencer ese cancro da corrupción que asolaga unha grande parte dos concellos gobernados polo PP”. Nese sentido, Vence contrapuxo o “exemplo de transparencia e honestidade” dos gobernos do Bloque, cuxo programa marco afonda na participación da cidadanía na vida municipal.

Entre as propostas programáticas avanzadas, destaca un modelo alternativo ao de Sogama, optando por plantas comarcais que reducen custes de transporte e crean emprego, e medidas para aforrar en cuestións claves coma a factura eléctrica, que chega a significar ata o 50% da partida de gasto dun municipio, renegociando as condicións dos contratos coas grandes distribuidoras.

Entre as propostas programáticas avanzadas, destaca un modelo alternativo ao de Sogama, optando por plantas comarcais que reducen custes de transporte e crean emprego

O Bloque confía en presentar candidaturas en todos os concellos, aínda que recoñece que a “situación desastrosa” da demografía no país tamén afecta á participación política e está a crear dificultades en algunhas partes do territorio especialmente afectado pola desertización e o envellecemento da poboación.

Xuntanza do Consello Nacional do BNG, este sábado © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.