Os irmandiños pisan o freo nas conversas do 'novo proxecto común'

Noriega, Bascuas, Cuiña e Hermida, nun coloquio en Santiago CC-BY-SA Merixo

Un proceso, dúas velocidades. As negociacións para a confluencia no que se vén dando en coñecer como 'novo proxecto común' veñen de experimentar unha freada. O pedal do freo premeuse dende unha das catro bandas da mesa, a do Encontro Irmandiño, e concretouse nas xuntanzas que os dous obradoiros nos que se estruturan as conversas mantiveron este martes. Fontes próximas ao proceso consultadas por Praza Pública confirman que os representantes da formación que lidera Xosé Manuel Beiras coidan que aínda non chegou o momento de concretar ata o punto de pechar documentos programáticos e organizativos nin de facelo antes do día 15, data ata agora fixada para fiar un primeiro pacto.

A aposta dos irmandiños pasa por seguir centrando o peso da creación da nova forza nas asembleas abertas -denominadas, segundo os lugares, Asemblea Nacionalista ou Novo Proxecto Común- que veñen funcionando en diferentes comarcas e localidades do país, confirman as mesmas fontes. Dende o inicio das conversas o EI vén mantendo que esta é a única vía para que a posible nova alianza xorda "de abaixo a arriba" e non sexa "cociñada" cun acordo previo entre grupos. Así e todo, as fontes consultadas salientan tamén que o feito de que existan "dous ritmos" non implica unha ruptura. Non en van, os representantes irmandiños nos dous "obradoiros de ideas", á marxe de expoñer a súa postura de non pechar xa documentos finais, deixaron as canles de interlocución abertas nun clima de "cordialidade".

As canles de interlocución quedaron abertas nun clima de "cordialidade" entre os grupos

Será neste contexto no que continúe un proceso no que dende os colectivos participantes se fala dun alto grao de consenso no ámbito programático e no que, ademais, +G, Acción Galega e EcoGal se aproximan a nivel organizativo mentres amosan tamén a súa disposición a darlles un papel relevante ás asembleas aínda que, na súa opinión, a estas deberan chegar cun grao de concreción alto os resultados das conversas dos "obradoiros de ideas" en forma dun primeiro acordo. Neste sentido, coidan que tras ese pacto -o que prevían rematar de fiar o día 15- ás asembleas terían que chegar xa principios compartidos polas catro correntes que, unha vez alí, mudasen en función das achegas e acordos das persoas participantes.

Este freo nas conversas chega despois de que, tal e como ten informado Praza, o EI optase por que o 15 de maio fose unha referencia flexible para chegar a acordos máis que unha data pechada. En calquera caso, aínda no caso de que ese prazo se cumprise, observaban a necesidade de que houbese lugar para a incorporación formal doutros grupos políticos ás conversas. Ao tempo, outro dos asuntos a dilucidar no futuro máis ou menos inmediato sería o labor a desempeñar polo propio Beiras na articulación do proxecto como oferta electoral.

Noriega, Bascuas, Cuiña e Hermida, nun coloquio en Santiago CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.