A "austeridade" nos coches oficiais vólvese contra o PP no Parlamento

Reunión da Mesa do Parlamento © Parlamento de Galicia

No duro período electoral no que Galicia estaba inmersa hai agora cinco anos a temática automobilística tivo un papel central. A estratexia de campaña do PP de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda centrouse en sinalar o xeito en que o Goberno de coalición de PSdeG e BNG utilizaban os vehículos oficiais maioritariamente mercados en tempos de Fraga sen que socialistas e nacionalistas quixesen ou soubesen encaixar e responder a aqueles ataques. Os automóbiles da Xunta, o seu uso e mesmo a súa marca -a alemá Audi pasou a estar proscrita fronte á francesa Citroën, que en Galicia fabrica furgonetas- convertéronse no centro da daquela novidosa doutrina da "austeridade" e nunha peza inédita do taboleiro político. Media década despois, e aínda que en menor medida, é ao PPdeG a quen se lle reclaman explicacións polo uso dos coches, nomeadamente, polos coches oficiais do Parlamento.

No outono de 2011, cando os conservadores galegos aínda eran referencia de proceder "austero" no conxunto do PP estatal, a Mesa do Parlamento -órgano reitor da Cámara- chegaba ao acordo de que só a persoa que ostentase a Presidencia, neste caso Pilar Rojo, conservase a prerrogativa de contar con automóbil oficial e chofer de seu. O resto dos membros da Mesa, daquela de PP, PSdeG e BNG e actualmente só de PP e PSdeG, só poderían botar man dos coches e dos condutores de maneira eventual, cando tivesen que desprazarse para exercer labores de "representación" do Parlamento, e en ningún caso terían automóbil oficial asignado individualmente. Segundo a oposición parlamentaria este acordo está derrogado pola vía dos feitos, aínda que só pola banda dos membros do PP: o vicepresidente, Miguel Santalices e o secretario da Cámara, José Manuel Balseiro.

O PSdeG mantén que os membros do PP na Mesa usan os coches "a diario" e non só para tarefas "de representación", como estipula o acordo de 2011

A polémica e as suspicacias ao respecto, latentes dende hai meses no Pazo do Hórreo, estouraron definitivamente cando, a finais de xaneiro, Galicia Confidencial informou ao respecto. "Os medios de comunicación veñen de constatar que os tres membros do PP na Mesa están a utilizar os vehículos a diario", sinalou nese intre o PSdeG. A clave do incumprimento, explicaban os socialistas, é que o PP está a considerar que a asistencia a plenos, comisións ou reunións da Xunta de Portavoces e da propia Mesa forman parte desas "tarefas institucionais de carácter representativo" para as que o uso dos coches si que está permitido. Esta laxitude na interpretación da norma "en ningún caso é admisible", dicía o PSdeG, e dende a Presidencia do Parlamento se aseguraba que o acordo de 2011 "continúa en vigor" e que "as solicitudes de vehículos se xestionan seguindo os criterios fixados" no mesmo.

"Séguese coma antes, pero téntase dicir que non é así"

Neste contexto, o PP atribúe a controversia a un intento de "polemizar" en período "preelectoral" e, mentres, dende a banda socialista da Mesa mantense que o "espírito" da norma ao que alude o PP, segundo o cal asistir a reunións ordinarias tamén é un labor de "representación", "non é tal". A situación, explican fontes parlamentarias consultadas por este diario, é que os populares volveron "á práctica" anterior ao acordo de 2011, ata o punto de que "houbo que substituír un chofer porque se xubilou" e contratouse "un militante do PP da vila dun dos membros da Mesa". Polo tanto, conclúen as mesmas fontes, "volvemos" á situación na que cada membro deste órgano "tiña un vehículo de seu e capacidade para contratar unha persoa da súa confianza como condutor".

"Houbo que substituír un chofer e contratouse un militante do PP da vila dun dos membros da Mesa"

"Se o PP quere modificar as regras pactadas no seu momento está no seu dereito, ten maioría", insisten os socialistas, mentres manteñen que, en calquera caso, "as dúas representantes do PSdeG" na Mesa, Marisol Soneira e Concepción Burgo, "non van utilizar nin pedir o coche para actos que forman parte das súas obrigas" cotiás, "como ir aos plenos". Así e todo, afirman, o panorama actual consiste en que, a efectos prácticos, os membros do PP na Mesa -presidenta, vicepresidente e secretario- contan con coche oficial á súa disposición e as dúas representantes da oposición, non.

Petición de publicación en internet

Dadas as circunstancias o voceiro do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, vén de reclamar formalmente que a Presidencia ofreza "información exhaustiva sobre o uso dos vehículos oficiais", aclarando "a relación concreta da persoa que utiliza" cada coche, "do día en que o fixo, dos quilómetros realizados" e da "tarefa institucional de carácter representativo ou incidencia" que tivo que realizar. Asemade, a través dunha iniciativa parlamentaria reclaman que de agora en diante "se proceda a publicar na páxina web do Parlamento as causas que xustifican a utilización por parte dos membros da Mesa ou dos deputados e deputadas que utilicen vehículo oficial, excluída a Presidencia", toda vez que, por exemplo, explican dende o Grupo Socialista, considerarían xustificado que un membro da Cámara utilizase un coche da institución se, por motivos de saúde, non puidese empregar outro vehículo.

Rojo afirma que non vai exercer de "espía" dos seus compañeiros

Ante estas peticións a propia presidenta asegura que "transparencia, toda", se ben evita aclarar a súa disposición a publicar os datos e, nunha entrevista na Cadena SER, atribúe a polémica a que a oposición "fai agora outra interpretación" do acordo de 2011. "Os membros da mesa utilizan o coche de xeito institucional, para as tarefas representativas e institucionais", asegura, nun contexto no que, di, estas afirmacións se sustentan na súa confianza na "honorabilidade" dos membros da Mesa e na "veracidade" exercida no "procedemento polo que eles piden o coche", no que "está rexistrado" os "quilómetros que se fan e onde van". Ela, en todo caso, advirte, non vai exercer de "espía".

Reunión da Mesa do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.