O día en que Feijóo prognosticou a súa vitoria no "berce do nacionalismo"

Feijóo, nun acto previo ás eleccións de 2009 CC-BY-SA PPdeG

Algúns dos actos máis atractivos dende o punto de vista informativo durante as campañas electorais son, precisamente, aqueles que algúns partidos celebran sen convocan expresamente a prensa. Este é un costume relativamente habitual no PPdeG, que adoita celebrar mitins de pequeno formato, xeralmente en vilas pequenas, tras a convocatoria central do día. O 17 de febreiro de 2009 tamén era martes e Galicia estaba inmersa na campaña de eleccións ao Parlamento. Nesa xornada algúns diarios impresos daban conta dun deses pequenos mitins, protagonizado polo daquela líder da oposición e candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en compaña do gran barón do seu partido en Ourense, José Luis Baltar. O escenario do acto era Allariz, a localidade gobernada polo BNG con maioría absoluta dende comezos dos 90 na que nesas eleccións, auguraba Feijóo, o PP ía "saír vencedor".

Os dirixentes populares presentaran aquel acto cun aquel de clandestinidade non pola súa discreta capacidade de convocatoria na vila alaricana senón porque, aseguraban, o clima en Allariz era semellante ao das localidades de Euskadi con edís ameazados. Baltar, que xa advertira de que o seu labor no evento era o de "amenizar", chamou aos seus a "pararlle os pés ao bipartito para que non se envalentone e acabe colgando aos alcaldes populares".

Baltar animou naquel mitin a "pararlle os pés ao bipartito" para que non acabase "colgando aos alcaldes populares"

"Din que facemos caciquismo e eles son os caciques; eses jíbaros son imposibles de aguantar, teremos que marchar a Portugal", botou por fóra o daquela presidente da Deputación. Nese contexto non aforrou mencións despectivas sobre o vestiario ou especulacións en torno á vida persoal de quen nese intre era vicepresidente da Xunta e candidato do BNG, o ex alcalde de Allariz Anxo Quintana.

"Nós non tempos tanta pasta pero temos máis votos", aseguraba daquela Feijóo

Un día despois de que o propio Quintana enchese sen problemas o polideportivo municipal para ofrecer un mitin os populares xuntaban arredor da metade de fieis grazas ás persoas chegadas de Taboadela, Baños de Molgas ou Xunqueira de Espadañedo. Alí, entre risos pola actuación de Baltar, Feijóo explicoulle á concorrencia que el era "libre", non como o "señorito de Allariz", Quintana, nin como "o plomizo de Santiago", Touriño. "Nós non tempos tanta pasta como o de Allariz" pero "temos máis votos" asegurou o candidato da dereita, quen proclamaba que o seu era o discurso da "ilusión fronte aos que meteron aos galegos no burato da crise". 

Así, entre promesas de baixadas de impostos e de fin do "desbalde", Feijóo culminaba augurando que, naquel ocasión si, o seu partido ía "saír vencedor no berce do nacionalismo". Como en anteriores e posteriores convocatorias o Bloque foi a forza máis votada en Allariz (1.972 votos fronte a 1.157 do PP e 487 do PSdeG) e o PP, en Galicia, onde ademais a perda dun escano dos nacionalistas lle serviu a Feijóo para obter a ansiada maioría absoluta. Seis anos despois daquel mitin figuradamente clandestino Feijóo segue sendo o presidente da Xunta, Baltar xa non dirixe a deputación e tanto el como o seu fillo teñen sobre si a lupa da xuíza De Lara por presunto financiamento irregular, o mesmo que lle acontece ao terceiro orador daquela noite, o actual secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Feijóo, nun acto previo ás eleccións de 2009 CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.