Moito que facer dende os concellos

Casa do Concello dun municipio galego Dominio Público Praza Pública

A Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, aprobada en solitario polo PP (co apoio de PNV e UPN) e recorrida ante o Tribunal Constitucional, limita moito a acción dos gobernos municipais, sobre todo no que atinxe ás políticas sociais e de emprego e aos investimentos. Esta polémica reforma local estará moi presente nos debates previos aos comicios municipais de maio e, mentres non sexa derrogada, será un factor que determinará a vindeira lexislatura nos concellos. 

A limitación de gasto e as políticas de austeridade impostas polo Goberno central teñen xa afectado na lexislatura que remata ás posibilidades de levar a cabo unha xestión alternativa dende as administracións locais. Porén, son moitos os Goberno municipais que se teñen distinguido por unha serie de decisións, ben simbólicas, ben de promoción económica, ben de ruptura coas políticas previas en moitos ámbitos, ben de contestación a medidas impostas por outras institucións e que consideraban lesivas para os seus veciños e veciñas. Amoeiro, Riotorto, Teo, San Sadurniño, Rianxo, Manzaneda, Vilar de Santos... son só algúns deles.

En decembro de 2013 Rianxo converteuse no primeiro concello que tomaba a decisión de abandonar Sogama ante o incremento nun 34% das tarifas

A política de xestión de residuos está tamén chamada a ser un dos temas clave na vindeira lexislatura local, entre outras cousas porque o incremento das tarifas de Sogama ten convertido este servizo nunha partida de gasto cada vez maior nas contas dos concellos. Son moitas as localidades que están barallando alternativas, dende incorporarse a outras plantas xa existentes, coma a de Lousame, instaurar servizos de recollida porta a porta ou crear plantas locais de tratamento e de compostaxe. En decembro de 2013 Rianxo converteuse no primeiro concello que tomaba a decisión de abandonar Sogama ante o incremento nun 34% das tarifas aplicadas pola planta de tratamento situada en Cerceda. Tamén está relacionada cos residuos unha das iniciativas máis novidosas postas en marcha por San Sadurniño: un proxecto piloto de recollida porta-a-porta e de instalación de composteiros caseiros no que colabora ADEGA.  

Nos últimos meses o Concello de Teo foi dando os pasos necesarios para recuperar a xestión do servizo municipal de augas

Outro dos servizos que tamén centrará os debates previos ás eleccións e a xestión posterior é o de auga e saneamento, plenamente de actualidade en Ferrol, por exemplo, e que tamén foi motivo de noticia en Punxín. Nos últimos meses o Concello de Teo foi dando os pasos necesarios para recuperar a xestión do servizo municipal de augas. Na primavera de 2007, pouco antes das eleccións municipais, o daquela alcalde Armando Blanco impulsou a prórroga da concesión do servizo municipal de augas coa empresa Aquagest. O contrato pasaba de expirar en 2009 a facelo en 2029 a cambio, segundo o histriónico rexdor, de 1,7 millóns. En agosto dese ano, xa con Martiño Noriega como alcalde, o goberno local tentou sen éxito revisar o contrato ao considerar que podía ser nulo de pleno dereito, nulidade que o pasado ano avalou o Consello Consultivo. A actuación de Armando Blanco está a ser investigada pola Fiscalía, nun proceso no que están imputadas trece persoas, entre elas todos os edís populares e independentes que aprobaron a prórroga. O proceso de remunicipalización continúa o seu percorrido, a pesar da resistencia de Aquagest.  

En outubro de 2013 o rexedor de Riotorto anunciou que o seu concello asumiria o financiamento dunha serie de fármacos que o Ministerio de Sanidade decidira que debían ser pagados polos pacientes

O BNG adoita facer referencia ao espírito de Riotorto como unha mostra de que é posible realizar políticas diferentes dende os concellos, mesmo dende aqueles de pequeno tamaño e situados na zona rural. En outubro de 2013 o rexedor desta localidade lucense, Federico Gutiérrez, anunciou que o seu concello asumiria o financiamento dunha serie de fármacos que o Ministerio de Sanidade decidira que debían ser pagados polos pacientes. A esta rebelión uníronse de inmediato outras localidades gobernadas por BNG, Anova ou PSdeG, pero tamén algunha presidida polo PP, como Vilanova de Arousa. O obxectivo era "evitar que moitos pacientes abandonen ou queden sen o tratamento axeitado por razóns económicas", como sinalou o propio Gutiérrez. 

Outros concellos pequenos que destacaron por algunha das súas medidas foron, por exemplo, Manzaneda, que o pasado mes de setembro tomou a decisión de municipalizar o servizo de cociña e comedor do único colexio da localidade. As protestas de nais, pais e alumnado polo peche da cociña e a súa subtitución dun servizo de catering non mudaron a posición inflexible da Consellaría de Educación, e o Goberno municipal, dirixido por David Rodríguez, tomou a decisión de xestionar o comedor escolar a través da contratación dun cociñeiro ou cociñeira.

O Concello de Amoeiro foi noticia por varias iniciativas relacionadas coa recuperación da memoria histórica, sobre todo por ter sinalado publicamente toda a simboloxía fascista que aínda existe no concello

Ou, por exemplo, o Concello de Vilar de Santos, onde o seu alcalde, Xan Jardón, denunciou publicamente, ante o Servizo de Consumo da Xunta e no Parlamento, un cobro indebido realizado durante anos por Gas Natural-Fenosa. O rexedor sinalaba que a empresa lle debía ao seu concello 58 mil euros por ter cobrado aproximadamente un 20% máis do debido nos últimos cinco anos, ao non aplicar a tarifa de discriminación horaria, un cobro indebido recoñecido pola empresa.

Ou, igualmente, o Concello de Amoeiro, que foi noticia por varias iniciativas relacionadas coa recuperación da memoria histórica, sobre todo por ter sinalado publicamente toda a simboloxía fascista que aínda existe no concello, instalando unha serie de placas explicativas do seu significado e dos efectos causados pola ditadura franquista.

Casa do Concello dun municipio galego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.