Rajoy presume de Pemex e AVE para negar o maltrato a Galicia que denuncia o BNG

Fernández Davila reclama unha comisión de investigación do Alvia CC-BY-SA BNG

Números. Con cifras contestou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, a intervención da deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, durante o Debate do Estado da Nación que se celebra no Congreso. Números de denominacións de autoestradas, de investimentos e ata de cantidade de floteis encargados foron os empregados polo xefe do Executivo central para contrarrestar as acusacións do Bloque, que o acusou de deixar un "panorama desolador" e de aplicar medidas "inxustas" sufridas tamén polo país ante un Estado "nulo e incumpridor"

Fernández Davila fixo repaso das consecuencias do "austericidio" levado a cabo por Rajoy e que deixa "unha sanidade peor que a de hai 30 anos, un decadente e desigual sistema educativo, unha lei de dependencia eliminada practiamente, a reforma laboral, a elevada cifra de parados ou a emigración de mozos". Espetoulle un resumo a deputada do BNG, no que incluíu tamén os desagravios sufridos por Galicia.

Davila acusou o Goberno de "nulo e incumpridor" e de deixar un "panorama desolador"

"Inflaron as partidas orzamentarias en Galiza, que non se executan na súa totalidade", dixo Fernández Davila, que lembrou un AVE "que nunca chega" e a grave situación de sectores claves como o gandeiro -"o leite galego valería 30 millóns de euros máis de pagarse a prezos mellores", asegurou- ou o financeiro. "O seu Goberno impediu que Galiza puidese contar cun sistema financeiro público, como lle propuxo o Bloque", aclarou a deputada, que acusou a Rajoy de impular a "operación de desfeita das caixas galegas" ou da grave situación do paro, como a "insostíbel" que sofre Ferrolterra, "cun 34% de desemprego". 

"Non só hai máis parados que antes, senón que aumentou a precarización laboral", lembroulle Davila, que acusa a Rajoy de ser "o responsábel de que o 66% da poboación do Estado se atope en perigo de exclusión, e do índice de probeza infantil". "A súa intervención de onte [polo luns] foi un insulto á maioría da cidadanía", insistiulle. 

Rajoy non dixo nada do Alvia, das caixas galegas ou da crise do sector lácteo

Pero Rajoy contestou só o que quixo e nada dixo tampouco da reclamación que a deputada nacionalista fixo dunha comisión de investigación do accidente do Alvia. Nin unha palabra. O presidente do Goberno limitouse a achegar unha serie de datos que avalarían a súa preocupación por Galicia, pero non falou do sector leiteiro, nin das caixas, nin da constante suba do paro en Galicia nos últimos meses. 

"A taxa de paro en Galicia é moi elevada, pero como a do resto do Estado", dixo Rajoy, que lle pediu a Fernández Davila que "estea contenta" coas boas previsións económicas do seu Goberno. "Non se constrúe nada criticando todo e non achegando nin unha soa idea", aseguroulle, tras presumir dun "esforzo importante" nos investimentos en Galicia. Presumiu de completar a A-8, da futura posta en marcha da A-54, da futura primeira pedra para a ampliación da capacidade da AP-9.... E dos "máis de 1.000 millóns de euros que Fomento consignou para Galicia". 

O presidente do Goberno central presume de compromiso con Galicia citando o AVE e os floteis de Pemex

Ademais, insistiu en que as obras do AVE finalizarán en 2018 e presumiu da súa influencia á hora de conseguir contratos para os estaleiros galegos. "O grupo Pemex adquiriu o 51% de Barreras e algo influímos algúns", chegou a dicir, tras advertir dos dous floteis que se constrúen en Galicia ou do BAM prometido para Ferrol. Nada dixo das promesas anuladas xa pola petroleira estatal ou das previsións incumpridas da Xunta

"Non me parece xusto que pinte un panorama como o que pintou; réstalle credibilidade, pero non me preocupa moito", chegoulle a dicir a Fernández Davila, que defendeu o dereito a decidir das nacións, que é "impedido e obstaculizado polo Goberno", ao que Rajoy respondeu defendendo "o dereito a decidir de todos os españois". "Agardamos que non repitan no Goberno", concluíu a parlamentaria do Bloque. 

Por outra banda, o discurso de Mariano Rajoy destacou tamén polo uso de varios topónimos galegos deturpados, como Carballino (polo Carballiño), Orense (por Ourense) ou Lorenzana (por Lourenzá). A Mesa pola Normalización Lingüística censurou que o presidente do Goberno "non tivese reparo en utilizar topónimos aberrantes como Carballino ou Orense, incumprindo a legalidade vixente desde hai máis de tres décadas".

Rajoy empregou topónimos deturpados como 'Carballino', 'Orense' ou 'Lorenzana'

"Non só demostra o seu desprezo a Galiza e a súa mala fe, senón tamén unha profunda ignoracia", segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira: “É lamentábel que a estas alturas alguén poida dicir Carballino sen enrubiar de vergoña. Obxectivamente é un ridículo moito maior que dicir relaxing cup of café con leche”, sentenciou.

Fernández Davila reclama unha comisión de investigación do Alvia CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.