A Xunta adhírese á nova reforma do aborto fronte á oposición "abortista"

Mobilización contra a nova reforma na Coruña CC-BY-SA Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto

A pasada semana, no pórtico dun longo período electoral, o PP activou no Congreso a versión reducida da súa contrarreforma da lei do aborto. Tras o freo á modificación de máximos que abandeiraba o ex ministro Ruiz-Gallardón os conservadores tentan aplacar, cando menos parcialmente, a ira da súa marxe dereita e moi especialmente dos colectivos antiabortistas que xa animan abertamente a non votarlle a Mariano Rajoy. Como na anterior reforma, o PPdeG e a Xunta véñense de adherir abertamente á iniciativa e, a través do presidente, Alberto Núñez Feijóo, de cargar con dureza contra a oposición, que a rexeita en pleno.

No marco da sesión de control ao presidente o voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, instou o presidente a deixar claro se se "sente orgulloso" de que, por iniciativa da súa formación, as mozas de 16 e 17 anos teñan que volver "depender do criterio patriarcal para interromper o embarazo", aínda que isto implique "abortar na clandestinidade" e "sen protección xurídica", mesmo "con risco da súa vida". Estas mulleres "poden contraer matrimonio" e, no ámbito sanitario, "autorizar amputacións, quimioterapias ou ligaduras de trompas", tamén "teñen responsabilidade penal" ou poden "traballar 10 horas diarias". "Pero non -lamenta- decidir sobre a súa maternidade". E isto acontecerá, engade, mentres os estudos máis recentes acreditan que case o 90% das menores que teñen que abortar fanno previa información á súa familia.

"Me pregunta por unha lei sobre a que este Parlamento non ten ningunha competencia", retrucou Feijóo, para quen os datos citados por Romeu, procedentes dun estudo elaborado polas propias clínicas que realizan as interrupcións voluntarias do embarazo, resultan "sorprendentes". "Condena e sacrifica" a seguridade das  mozas que teñen que abortar "para satisfacer a facción máis cavernaria da sociedade", abondou Romeu, quen coida que os populares "lle ofrecen un tributo de sangue, como no medievo" a "esa caverna á que representan".

Romeu: "Ofrécenlle un tributo de sangue á caverna á que representan, como no medievo"

Tras abordar asuntos relativos á construción de xulgados ou á estatísticas xerais do Sergas -a pregunta rexistrada polo PSdeG versaba, xenericamente, sobre os "servizos públicos", o presidente endureceu aínda máis o ton. "Interesante este debate", ironizou Feijóo, quen se pregunta se o PSdeG "quere dicir" que "os pais e nais están dispostos a sacrificar as súas fillas". Aínda que Romeu se referiu especificamente ás mozas de familias "desestruturadas" ou nas que existe risco de violencia o presidente tira por elevación para cuestionar se o socialista "quere dicirlles" aos pais das menores que abortan "que son uns irresponsables porque non están dispostos a autorizar as súas fillas a exercer o dereito que a lei poderá confiar nos seus pais".

Feijóo acusa a Méndez Romeu de ser "un deputado abortista e de aborto libre" malia ser ex membro da "corporación da Coruña antiabortista"

"Todos os abortos clandestinos que se produzan serán responsabilidade de vostedes, que prefiren ter vítimas antes que afrontar e convencer a facción ultramontanta da que dependen", acusa o PSdeG". Para o presidente da Xunta, en calquera caso, as críticas de Méndez Romeu carecen de valor porque "estivo de concelleiro na corporación da Coruña" que presidía Francisco Vázquez. Aquela corporación, proclama Feijóo, "era absolutamente antiabortista", pero "agora descubrimos que un membro da corporación da Coruña antiabortista se converte nun deputado abortista e de aborto libre, tamén nas persoas menores de idade". "Eu creo máis nos pais e nais que en vostede", espeta, e por iso apoia a reforma.

Romeu, durante un pleno CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.