Vilar de Santos, a pequena vila que venceu o xigante Gas Natural

Vilar de Santos © Concello de Vilar de Santos

Vilar de Santos gañoulle a batalla ao xigante. Fenosa non aplicou durante ben tempo a tarifa de discriminación horaria, cobrando así aproximadamente un 20% máis do debido ao Concello, o que supoñía arredor duns 10.000 euros de máis cada ano. Foi un cobro indebido recoñecido pola propia compañía e o alcalde da localide, Xan Jardón, de Compromiso por Galicia, anunciou esta semana que a institución local vén de ingresar os case 46.000 euros que a eléctrica lles cobrara de máis durante cinco anos e non só a parte que correspondía ao último deses exercicios, tal e como pretendía facer a compañía. 

Vilar de Santos recupera así os 46.000 euros que Gas Natural cobrou de máis en cinco anos ao non aplicar a discriminación horaria

Foi, xa que logo, unha revisión das facturas emitidas ao Concello entre 2008 e 2013 e unha devolución de cartos que chega logo de máis dun ano de loita, de reivindicacións e de pelexas contra o xigante eléctrico. Pero o pequeno -de menos de mil habitantes- venceu nesta ocasión. E fíxoo malia loitar en soidade. De feito, o alcalde quéixase do nulo apoio das institucións galegas. Nin a Xunta, nin a Fegamp, nin o Parlamento fixeron nada, segundo denuncia Jardón, cuxa formación política chegou a enviar unha carta a Felipe González, conselleiro da eléctrica, para explicarlle o caso. Mesmo Consumo, onde o rexedor presentou  unha declaración, limitouse a anunciar a apertura dun expediente sancionador pero nada máis se soubo.

"Conseguimos todo o reclamado e ingresáronnos os cartos", explica a Praza o rexedor, que insiste na "fraude" levada a cabo por Gas Natural e que afecta a moitos máis concellos de Galicia. "Moitos deles aceptaron a devolución dun só ano ou andan aínda en proceso para que lles devolvan os cartos; a nós, ao final, non se nos discutiu nin un céntimo do informe técnico queu achegamos", lembra. 

Jardón quéixase dunha pelexa "en solitario" contra a "fraude" da eléctrica e censura a actitude de Xunta ou Fegamp

Jardón quéixase dunha pelexa "en solitario" e aclara que "o único agradecemento" vai ao seu grupo de goberno, aos veciños e veciñas de Vilar de Ssantos, á cidadanía galega que os animou a seguir adiante e ao seu partido, Compromiso por Galicia, ademais da empresa de enxeñería Inxetec, que asesorou o Concello á hora de elaborar o informe. "O resto foi todo un despropósito", asegura quen se queixa tamén que non puidese comparecer no Parlamento para explicar unha situación "que sofren moitos concellos" ao non haber "nin un só grupo político que o reclamase en comisión". "Darán as explicacións que queiran, pero a min xa ma deron: ningunha", quéixase. 

Ademais, e aína que "o tempo da reclamación xa pasou" para Vilar de Santos, o seu alcalde advirte que "seguirá na batalla", máis cando Consumo "non nos di nada nin nos aclara que pensa facer ante esta política fraudulenta por parte da eléctrica". "Que ten feijo Feijóo ante esta situación? Que ten feito a Fegamp, que nunca nos mostrou apoio ningún? Cal é o papel desta Federación?", pregúntase. "Seguiremos loitando porque hai que poñerlle couto a estas prácticas", insiste. 

O Concello reclamará agora os intereses xerados pola débeda e seguirá denunciando as "prácticas fraudulentas" de Gas Natural

Ao final, o acordo para o pagamento deses case 46.000 euros ao Concello de Vilar de Santos chegou sen necesidade de ir a xuízo e tras un acto de conciliación, pero logo dun "laborioso" traballo de doce meses. E a cousa non queda aí, porque a administración local tamén reclamará a Gas Natural Fenosa os intereses xerados pola débeda -"porque os teñen que pagar", recorda Jardón- e pedirá á Xunta que lle exixa unha compensación para esta localidade para todas aquelas afectadas por uns sobrecustos que semellan comúns. 

Tal e como lembrou en varias ocasións CxG, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, segundo unha estimación propia, asegura que de ser unha "estafa xeneralizada" en Galicia a contía podería sobrepasar os oito millóns e medio de euros no país. De feito, este colexio profesional asesorou varios concellos da provincia ourensá que tamén se enfrontaron á mesma situación. 

A contía desta "estafa xeneralizada" podería superar os 8,5 millóns de euros en toda Galicia

"Somos un país excedentario e exixo, como alcalde de Vilar de Santos, que o presidente Feijóo lle reclame a Gas Natural unha compensación a todos os concellos de Galicia por esta discriminación... E pódena facer en investimento e mellora de infraestruturas, pero débena aplicar sen dúbida", remata. 

Jardón, entre Bascuas e Pérez Bouza © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.