Podemos apoia a candidatura cidadá en Ourense pero non se presentará en Vigo

Integrantes do Consello Cidadán de Podemos en Vigo Dominio Público Podemos Vigo

En Ourense si, pero non en Vigo. Podemos vén de anunciar case simultaneamente que non apoiará candidatura de unidade cidadá ningunha na cidade viguesa pero que se integrará, pola contra, na plataforma Ourense en Común. As dúas cidades onde as asembleas cidadás da formación non conseguiran reunir o quórum necesario para oficializar a consulta sobre a forma na que acudir ás eleccións municipais optaron por decisións diferentes.

Podemos decide integrarse en Ourense en Común pero en Vigo non concorrerá aos comicios locais

Xa que logo, Podemos intégrase finalmente nas mareas cidadás de Santiago (Compostela Aberta) e da Coruña (Marea Atlántica), ademais de en LugoNovo, a Marea de Pontevedra e Ourense en Común, pero non participará nos comicios en Vigo. Queda por saber o que ocorre en Ferrol, onde a situación de interinidade da formación impediu até o de agora unha decisión. 

O secretario xeral do Consello Cidadán de Podemos en Ourense, Alfonso Víctor Ferreiro, explicou este venres que a formación opta por confluír en Ourense en Común, á que considera unha "ferramenta para recuperar deomcraticamente unha institución que lle foi roubada á cidadanía pola corrupción". Decidiu a dirección local, previa consulta á autonómica e á estatal, confirmar unha integración que xa era efectiva desde que a plataforma cidadá comezou a súa andaina, na que participaron varios dos membros do partido

A escasa participación na consulta cidadá da pasada semana foi un golpe para Podemos en Ourense, que xa tiña presentado ata tres candidatos afíns para completar a lista unitaria (Carlos García Martell, Santiago González Pereira y Marcela Carrera Navarro). Pero a boa sintonía entre a formación e os impulsores de Ourense en Común, e o traballo compartido, fixeron o resto para complear unha candidatura na que se inclúen tamén EU, Anova, CxG, Espazo Ecosocialista, Iniciativa por Ourense, Equo, Por Un Mundo Más Justo e Demos +, nunha confluencia ampla semellante á da Marea Atlántica da Coruña. 

A plataforma cidadá de Ourense acada unha ampla confluencia na que se inclúen EU, Anova, CxG ou Equo

Non ocorre o mesmo en Vigo, onde Podemos decidiu finalmente non concorrer aos comicios locais do 24 de maio. A formción tampouco foi quen de decidir se apoiaba a Marea de Vigo, Vigo en Común ou se impulsaba outra candidatura de unidade cidadá tras non alcanzar o 10% de quórum exixido para validar os resultados. Así, a formación anunciou que "non apoiará ningunha plataforma nas próximas eleccións municipais", malia que varios dos membros do seu consello cidadán participaron activamente na Marea de Vigo nos últimos meses.

Finalmente, Rubén Pérez, coordinador local de Esquerda Unida en Vigo, converteuse no único candidato a encabezar a lista da Marea de Vigo de cara ás eleccións municipais. Foi o único que se presentou ás primarias para ser o alcaldable nunha plataforma cidadá que apoian a propia EU, Anova e Espazo Ecosocialista.

Ademais, outras quince persoas máis presentáronse tamén ás primarias para completar a candidatura dunha marea onde non hai aspirantes de Podemos, "O Consello Cidadán de Podemos Vigo decidiu non solicitar ao Consello Cidadán Galego unha nova votación sobre o seu apoio nas próximas eleccións municipais e cinguirse ao aprobado polo 80% dos inscritos en Podemos na asemblea cidadá Sí se puede que determinou que Podemos non se presentaría ás próximas eleccións municipais", explica nun comunicado a formación, que ante o escaso apoio das bases na consulta levada a cabo a pasada semana -e que impediu o mínimo de participación exixido nos estatutos- non confluirá agora en ningunha das iniciativas cidadás xurdidas na cidade, malia que a aposta da dirección a apoiar a Marea parecía clara. 

O escaso apoio das bases de Podemos na consulta impedira o quórum para decidir a aposta nas eleccións locais

Na Marea de Vigo, a presentación dunha soa candidatura para aspirar á alcaldía coincide co ocorrido na Marea Atlántica da Coruña. Pero no caso da iniciativa coruñesa, foron os sete partidos que a apoian as que coincidiron en non presentar candidato ningún e optar por unha figura de consenso e sen carné partidario, representada na figura de Xulio Ferreiro. Para a elección do resto da lista nas primarias -que se celebran esta fin de semana- as diferentes formacións presentaron cadansúas listaxes, nas que se inclúe tamén unha opción integrada por cidadáns independentes que impulsaron a plataforma desde o seu inicio. 

No caso de Vigo, será o coordinador local de EU quen aspire á alcaldía, mentres que o resto de integrantes da lista, ao que aspiran algún outro integrante de EU e de Anova, entre outros, serán decididos na votación que se celebre o vindeiro día 14. Desde a Marea, e ante as posibles críticas á única presenza dun aspirante, entenden que "o importante foi o proceso", que permaneceu aberto a calquera persoa que asinase o manifesto e que estivese disposta a optar a liderar a candidatura. "Quen se quixese presentar, puido facelo", insisten. 

As primarias para completar o resto da lista da Marea de Vigo celebraranse o vindeiro día 14

Agora queda tamén saber o que ocorre con Vigo en Común, que celebrará as súas primarias o vindeiro día 18 e que aínda non pechou o seu proceso de participación. Desde esta plataforma, fan un "chamamamento á participación doutras forzas políticas da cidade co fin de construir unha fronte ampla" e insistiron especialmente na "participación individual da militancia de Podemos Vigo" porque "a cidadanía non entendería a sua decisión de non concorrer as vindeiras municipiais logo das espectativas xeradas coa súa aparición". Pero a formación de Pablo Iglesias xa decidiu. Ademais, a posibilidade de que Vigo en Común e a Marea de Vigo conflúan é totalmente inviable, polo que só quedaría por ver que actitude toman os simpatizantes de Podemos de cara ás vindeiras eleccións. 

Pola súa banda, en Ferrol, onde Podemos está en situación de interinidade tras anularse as eleccións á dirección local, varios militantes traballan xa en intentar fortalecer unha candidatura de unidade unitaria como a Marea Ártabra, onde se integran xa EU ou Anova. 

Rubén Pérez, nun acto electoral en Ponteareas © Esquerda Unida
Recollida de sinaturas de Ourense en Común © Ourense en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.