0 Gardados para despois

"Se a Feijoo o entrevistasen xornalistas independentes, non sería capaz de dicir o que fixo en tres anos, porque non fixo nada"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Anxo Guerreiro foi deputado do PCG na primeira lexislatura do Parlamento Galego, e recuncou en 1997 con Esquerda de Galicia, en coalición co PSdeG. Referente da esquerda no noso país, en 2007 foi homenaxeado en Compostela. Non morde a lingua e fala con preocupación da situación económica, das medidas da axuste e dos erros estratéxicos das forzas transformadoras. Di que vai haber cambios de goberno en Europa, "pero ademais de haber cambios de goberno, fai falla que a socialdemocracia, que seguirá sendo maioritaria en Europa, cambie de actitude".

Como foi o proceso que levou a acadar a autonomía na Transición? Sentíades que loitábades sós?

Na Transición, a clave para os poderes dominantes, nos que seguía tendo un gran peso o franquismo, era que non se desmontase o Estado centralista, pero sabían que tiñan que facer dúas concesións: Catalunya e Euskadi. Polo tanto, ao chegar a Galicia interpretouse que aquí había circunstancias excepcionais para facer o corte, pois UCD e AP tiñan máis do 60 por cento dos votos e ademais parte do nacionalismo estaba en contra da autonomía. Un pacto entre Pérez Llorca (UCD) e Alfonso Guerra (PSOE) decidiu que a autonomía de Galicia sería a primeira das de segundo nivel, aínda que foi UCD quen deu a cara. Aquí montamos unhas manifestacións impresionantes o 4 de nadal de 1979 e o PSOE recúa e UCD non se atreve a ir a un referendo en solitario. Éramos bastantes os que queríamos unha autonomía de primeira, pero a cidadanía respondeu masivamente por un sentimento de aldraxe, de que nos negaban o que lles daban a outros.

"Ao chegar a Galicia interpretouse que aquí había circunstancias excepcionais para facer o corte, pois UCD e AP tiñan máis do 60 por cento dos votos e ademais parte do nacionalismo estaba en contra da autonomía"

Como era o traballo nese primeiro Parlamento, do que fuches deputado?

O ambiente era de compromiso coa causa. A maioría dos deputados eran conscientes de que eramos pioneiros, de que estabamos creando algo novo. Fixéronse moitas cousas, pero non había medios ningúns, non había cartos.

Cres que se está producindo, ou que vai haber, un proceso de recentralización no Estado?

Na Constitución do 78 recoñécese a existencia das comunidades autónomas, pero non hai un deseño do Estado das Autonomías. O deseño, polo tanto, foise facendo en base aos resultados electorais, ao contexto político de cada momento e ás sentenzas do Tribunal Constitucional. Agora estase apuntando un proceso de recentralización. Cando se intenta cargar sobre as autonomías o problema do déficit recórrese a argumentos falsos, porque o 76% do orzamento autonómico dedícase a sanidade, educación e servizos sociais; é gasto social, aí non se pode falar de despilfarro, son gastos imprescindibles. Ademais iso que din da desigualdade entre os españois, dos 17 sistemas sanitarios. Pero entón no ano 75 era a mesma sanidade en Madrid e en Galicia? Agora si hai igualdade, grazas ao investimento que se fixo e á xestión que fixeron as autonomías.

"Cando se intenta cargar sobre as autonomías o problema do déficit recórrese a argumentos falsos, porque o 76% do orzamento autonómico dedícase a sanidade, educación e servizos sociais"

Pero se queren facer esa recentralización, esa devolución de competencias ao Estado central, terían que chegar a un acordo entre PP e PSOE, e todo teríase que aprobar nos parlamentos autonómicos e pasar por referendo. Polo tanto é moi complicado e non se vai facer. Porque ademais, iso nunca iría adiante en Catalunya, Euskadi, Galicia e Andalucía, polo que no mellor dos casos poderían chegar a un Estado centralizado e con catro autonomías, como se plantexaba na Segunda República.

Cal é a forma de saír da crise?

A crise non a produciu o gasto social nin o déficit público, que cando se inicia a crise, en 2008, era moi baixo. Polo tanto o déficit público non é a causa da crise, senón a súa consecuencia. O que hai en España é un déficit fiscal gravísimo, debido a tres cousas: primeiro, un fraude fiscal que é dúas veces e media a media europea; segundo, a caída dos ingresos pola crise; e terceiro, os regalos fiscais: o imposto de sociedades, que está no trinta por cento, por estes agasallos está no quince por cento. E en realidade, non se está poñendo a lupa nas causas da crise, senón nas consecuencias. Os poderes financeiros e as grandes corporacións están aproveitando a crise para acabar co que eles chaman “excepción europea do capitalismo”, que é o Estado social. Desapareceron as dúas causas que deron lugar ao Estado do Benestar: a existencia do bloque soviético, que exercía unha presión externa, e a presión interna dos partidos e sindicatos socialistas.

"Os poderes financeiros e as grandes corporacións están aproveitando a crise para acabar co que eles chaman “excepción europea do capitalismo”, que é o Estado social"

Dá a impresión de que a sociedade está chegando a unha situación límite, cun 25% de paro, 50% de paro xuvenil e millóns de desempregados de longa duración... Por onde vai encamiñar a xente o descontento?

O 25% de paro xa o tivemos nos anos noventa, pero había unha perspectiva de recuperación e crecemento: Europa creceu durante 14 anos seguidos dende 1995 e a taxa de paro en España e Galicia baixou até chegar case ao pleno emprego. A xente está reaccionando, mira o que pasou en Francia, mira o que pasou en Grecia, onde os dous grandes partidos están desfacéndose, igual que pasou en Venezuela nos noventa, cando os dous partidos maioritarios, despois dun espolio masivo e continuado da riqueza do país, foron case eliminados. Vai haber cambios, mesmo en Alemaña, onde a CDU leva un ano perdendo todas as eleccións. E estes cambios son imprescindibles, porque se seguimos así dentro duns anos no mundo vai haber catro ou cinco potencias: Estados Unidos, Brasil, China, Rusia..., e os países europeos non imos pintar nada, incluída Alemaña, Europa vai ser periferia, cando é obvio que Europa ten aínda grandes potencialidades, económicas, demográficas e tecnolóxicas.

"Galicia é unha nación europea e a súa esquerda ten que superar algunhas reticencias sobre Europa, non porque haxa que respaldar o que hai hoxe, senón porque hai que chegar a unha coordinación da esquerda europea para construír unha alternativa"

Galicia é unha nación europea e a súa esquerda ten que superar algunhas reticencias sobre Europa, non porque haxa que respaldar o que hai hoxe, senón porque hai que chegar a unha coordinación da esquerda europea para construír unha alternativa. A primeira condición é que a xente comece a votar doutro xeito, aí son bastante optimista. A segunda condición é que a socialdemocracia europea deixe de executar un proxecto que non é o seu, que é un programa neoliberal, a socialdemocracia deixou de ter proxecto. E a terceira é que o conxunto das esquerdas plurais nos unamos e perdamos algunhas reticencias ou sectarismos.

Esta crise é unha máquina de devorar gobernos...

Por iso digo que eu son optimista en canto a que vaia haber cambios de goberno, pero ademais de haber cambios de goberno, fai falla que a socialdemocracia, que seguirá sendo maioritaria en Europa, cambie de actitude.

"O PP estou seguro de que vai perder votos, pero pode manter a maioría"

Como ves a actualidade política galega, cunhas eleccións autonómicas moi próximas?

Se a oposición estivese aquí como debería estar, Feijoo perdería as eleccións. A Feijoo se hoxe o entrevistasen tres xornalistas independentes, non sería capaz de dicir o que fixo en tres anos, porque non fixo nada, a súa única iniciativa foi a das caixas, e xa vemos como resultou. Dedicouse unicamente a asignar o orzamento, que ademais xa ten o 80% das partidas decididas de antemán. Pero a oposición ten problemas, porque o PSOE aínda non se recuperou de todo, e o nacionalismo non sabemos se vai ter dúas, tres ou catro candidaturas. Ademais diso o BNG vai continuar cun desgaste moi importante e o peor é que eses votos que perde non estamos seguros de que se vaian cubrir. Esquerda Unida pode entrar no Parlamento, pola crise de BNG e PSOE, pero eses dous deputados que pode sacar poden non cubrir as perdas dos outros. O PP estou seguro de que vai perder votos, pero pode manter a maioría.

"Ante os recortes, ou hai unha alternativa de esquerdas, ou hai lei e orde e unha alternativa autoritaria"

Cales son os grandes retos para Galicia nos vindeiros vinte anos?

Ou cambiamos o modelo económico e produtivo ou Galicia e España desaparecen do mapa. Sentro dos países desenvolvidos somos un dos país máis atrasados en investigación e desenvolvemento. E naquelas tres ou catro cuestións nas que eramos punteiros: enerxías renovables, I+D sanitario, nalgunhas cousas da industria petroquímica... e todo iso cos recortes estase freando e estas cousas cando se frean, despois custa décadas que volva arrancar. Nesta situación de crise, a solución que se pode adoptar é cambiar o modelo económico, ou se non, o proteccionismo, e estamos vendo máis ben o segundo. E iso é a guerra. E ante os recortes, ou hai unha alternativa de esquerdas, ou hai lei e orde e unha alternativa autoritaria. Asi estamos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.