A lista liderada por Martiño Noriega encabezará a candidatura de Compostela Aberta

Persoas candidatas ás primarias, na presentación do proceso CC-BY-SA Compostela Aberta

Compostela Aberta xa ten candidatura. As votacións do 73% das 1.404 persoas inscritas nas primarias abertas ditaminaron que a candidatura colectiva liderada por Martiño Noriega, único aspirante a optar a alcaldía, encabece a lista coa que a plataforma compostelá concorrerá ás eleccións do 24 de maio. Os seis primeiros postos da candidatura 'Gañar Compostela' pasan a ser tamén os seis primeiros nomes de Compostela Aberta, mentres que no sétimo figurará o de Manuel Dios, que concorreu de maneira individual.

Segundo os resultados feitos públicos estes luns pola comisión electoral de Compostela a configuración resultante das primarias implica que por tras de Noriega, agora xa oficialmente aspirante á alcaldía da capital, figure o nome de María Rozas, consultora en xestión económica e patrimonial que o pasado febreiro xa resultara gañadora nas primarias de Esquerda Unida na cidade. No número tres estará Jorge Duarte, ex decano do Colexio de Arquitectos de Galicia e un dos impulsores de Compostela Aberta dende o seu nacemento. O cuarto posto da candiduratura de CA será para a coreógrafa e politóloga Branca Novoneyra e o quinto, para o técnico de bibliotecas e activista ecoloxista Xan Duro. A sexta aspirante a formar parte da corporación compostelá é a psicóloga e profesora Concha Fernández. 

Tras estes primeiros seis integrantes da lista, todos eles integrantes de 'Gañar Compostela', as votacións ubicaron a Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e membro de Espazo Ecosocialista. A profesora de Ciencias Políticas da USC Marta Lois, o traballador e responsable da CIG no aeroporto de Lavacolla, Rafa Peña, e a politóloga Noa Morales completan os dez primeiros postos da lista. A continuación concorrerán Bautista Vega, presidente da asociación veciñal do Camiño Francés e responsable da CIG en Gas Natural-Fenosa; Mabela Porta, diplomada en Maxisterio e participante en Podemos; o presidente da AGAL, Miguel Penas; Marí Luz López Pardal, perruqueira e ligada a Podemos -renunciou ao seu cargo na formación para participar en CA-, e mais Manuel López Gómez, igualmente ligado a este partido.

As primarias rexistraron unha participación do 73% das persoas inscritas

Esta configuración é o resultado, unha vez aplicadas as correccións de xénero, dunha votación de tres días na que a maior porcentaxe de sufraxios foi para o candidato á alcaldía, co 38% do total de puntos posibles e 395,12 puntos -os puntos "non son os votos dados a cada persoa senón a suma de puntos dos votos. No sistema de votación destas primarias, emitíanse 8 votos ordeados do 1º ao 8º e cada un destes recibía unha puntuación", aclara a comisión electoral.-. As seguintes persoas máis porcentaxe foron María Rozas (17,79%), Jorge Duarte (16,34%), Branca Novoneyra (14,96%), Concha Fernańdez (13,28%), Xan Duro (11,99%), Manuel Dios (9,76%), Marta Lois (9,61%), Rafa Peña (8,63%), Bautista Vega (7,54%) e Miguel Penas (7,07%).

Unha vez rematado o proceso de primarias Compostela Aberta continuará coa elaboración do seu programa electoral para o 24-M. Neste proceso enmárcase o encontro aberto sobre lingua e cultura, convocado para o vindeiro 9 de abril co obxectivo de abrir un "espazo no que trocarmos ideas, experiencias e opinións" coa "ciadadanía e os axentes sociais que traballan na promoción da lingua no noso concello", sinalan.

Persoas candidatas ás primarias, na presentación do proceso CC-BY-SA Compostela Aberta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.