#dependedenós: Vinte e unha preguntas para as municipais

Unha das preguntas lanzadas dende #dependedenós CC-BY-NC-SA dependedenos.gal

"Abandono do rural ou traballo e servizos?". "Recortes ou vida digna?". "A saúde como negocio ou como dereito?". "Touradas ou apoio á cultura? Son algunhas das vinte e unha disxuntivas que formula a iniciativa Depende de nós que, canalizada a través da web Dependedenos.gal, pretende "incitar a reflexión" da cidadanía sobre políticas concretas coa vista posta nas eleccións do vindeiro 24 de maio.

Sen logotipo partidario nin fotos de persoas candidatas ás alcaldías o sitio web limítase a formular as preguntas e ligalas con cadansúa nova na prensa. Así, por exemplo pregúntase se cómpre apostar "polo cemento ou polas persoas" ligando a unha información sobre o risco de que unha autovía atravese a Ribeira Sacra, pregúntase pola necesidade dunha "Galiza con futuro" dirixindo cara a unha nova sobre emigración xuvenil ou lánzase unha cuestión sobre conciliación vinculándoa a unha denuncia da CIG sobre horarios abusivos en Zara.

A intención da web, baseada en preguntas ligadas a novas da prensa, é "incitar á reflexión" sobre políticas concretas antes das eleccións

Unha multa ao alcalde de Monforte por protestar contra a suba do canon de Sogama, a redución das axudas á produción audiovisual en galego ou a liquidación en Compostela dun proxecto de vivenda pública para a mocidade por parte da Xunta e do Concello son outras das preguntas que acompañan a etiqueta #dependedenós. A iniciativa, xurdida dende a contorna do BNG, circula xa polas redes sociais e a "idea", din as persoas que a impulsan, é "tentar establecer un diálogo" coa cidadanía antes dos comicios.

"Trátase de conseguir a complicidade da xente, buscar a súa opinión e promover a reflexión" sinalan. Este formato de campaña procura tamén, indican os creadores de #dependedenós, que "as preguntas esperten o debate nas redes e produzan a interacción" a respecto das preguntas formuladas, algo que, afirman, xa está a acontecer. A intención da web e da súa difusión é tamén alimentar o debate sobre cuestións concretas que posteriormente serán abordadas tamén na propia campaña do Bloque, que concorre ás municipais coas candidaturas BNG-Asembleas Abertas. Neste sentido, a previsión da dirección da formación frontista é que a precampaña propiamente dita sexa lanzada despois da Semana Santa.

Unha das preguntas lanzadas dende #dependedenós CC-BY-NC-SA dependedenos.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.