0 Gardados para despois

Cinco 'homes de prol' para unha crise en Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Praza do Obradoiro, setembro de 2005. Monbús planta 45 autobuses na compostelá e peonil Praza do Obradoiro. As autoridades da cidade permitiran de bo grao que o xigante do transporte convertera o monumental espazo nunha caste de salón de actos ao aire libre para presentar os novos vehículos da súa frota. O propietario da compañía, Raúl López, quixo estar acompañado no evento por Emilio Pérez Touriño, quen presidía a Xunta dende apenas un mes antes. Quen noutrora estivera abertamente próximo ao fraguismo en Galicia e ao cacharrismo en Lugo presumía de alianza cos novos gobernantes, quen semellaban inexpertos na relación cos poderes fácticos do país. Menos de catro anos despois Raúl -sen apelido, como é coñecido nos ambientes políticos e empresariais-, era de novo recibido de bo grao no bando da gaivota, que no seu retorno á Xunta aprobaba unha lei urxente para prorrogar as concesións do transporte de viaxeiros ata 2020. A norma, sinalou Feijóo tras o Consello que lle deu luz verde, fora "pactada" co sector.

Redondela, xaneiro de 2007. O presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, recibe na sede da multinacional o ex conselleiro de Política Territorial, que dende un ano antes é tamén substituto de Manuel Fraga á fronte do PP galego. O empresario e o líder da oposición intercambian eloxios ante a prensa. Sousa gábase de estar impulsando unha enorme piscifactoría na localidade portuguesa de Mira e Feijóo clama polos "dereitos constitucionais" do seu anfitrión, a quen a Xunta de PSdeG e BNG "bloqueaba" a construción da súa fábrica no espazo protexido de cabo Touriñán. "A ecoloxía empeza polas persoas", ilustraba Feijóo, ao tempo que instaba a Touriño e Quintana a "reflexionar".

Santiago, 13 de decembro de 2008. Nun salón de actos de Caixa Galicia preséntase un libro de conversas co vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. Tras o acto, o director xeral da Caixa, José Luis Méndez, e o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, agardan con ricto de seriedade para que o protagonista do volume lles asine cadanseus exemplares. Menos dun ano despois Méndez e Gayoso compartían rolda de prensa co novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo para, co mesmo xesto, anunciar que accedían a iniciar a fusión das entidades que dirixían como súas.

San Caetano, outubro de 2010. O titular do Goberno galego recibe dous empresarios no seu despacho oficial. Un deles é José Antonio Orozco, da compañía de loxística Azkar. O outro, Jorge Dorribo, propietario dos laboratorios lucenses Nupel, que naquel caso acudía en representación de Innovent Salud. Ambos teñen a intención de lle presentar ao presidente as súas iniciativas empresariais. No caso de Dorribo, aquel encontro era un máis dos múltiples que, como o representante de Azkar, mantivera durante anos con políticos de todo signo. Entre eles, con quen na altura era titular do ministerio de Fomento, José Blanco, a quen as acusacións do empresario o levaron a ser investigado polo Tribunal Supremo nunha causa que foi arquivada en 2013.

Estas catro datas son só catro dos innumerables exemplos nos que os seus cinco protagonistas da banda empresarial cultivaban, alardeaban e exercían as súas boas relacións co poder político. Na década na que en Galicia se produciu a pouco habitual alternancia no poder todos eles adaptáronse sen excesivas dificultades ás novas circunstancias e readaptáronse de novo cando os votos recolocaron as pezas ao xeito máis habitual: coa dereita no poder e a esquerda na oposición. Esa década foi tamén, contra o final, na que estourou a crise económica, pórtico dun novo decenio nos que os noutrora 'homes de prol' pasaron, por motivos diversos, da crónica política e mesmo social á crónica de tribunais.

Raúl López

O primeiro protagonista desta historia é o último, ata o momento, en toparse coa Xustiza. O magnate dos autobuses, empresario de éxito a partir da minúscula empresa herdada do seu pai, foi detido a mediados deste mes de marzo cando, segundo transcendeu, se dispoñía a efectuar un pagamento de 80.000 euros en diñeiro presuntamente negro aos responsables do grupo turístico InterRías. A detención de López e nove persoas máis supuxo o estourido mediático da Operación Cóndor, sumario instruído pola xuíza Pilar de Lara, responsable tamén da Pokémon, da que xorde esta nova actuación.

De Lara sospeita dos negocios do lucense e, baseándose nas escoitas telefónicas e demais indagacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira, que emprega como policía xudicial, sitúao no centro dunha presunta trama de delitos contra a facenda pública, branqueo, falsidade, tráfico de influencias ou suborno. Aínda que o segredo pesa sobre o caso, os datos que foron saíndo apuntan a unha investigación sobre supostas concesións irregulares en varias administracións públicas nunha trama salferida con ingredientes coñecidos, como comunicacións telefónicas en clave ou intercambios de agasallos.

De Lara sitúa a Monbús no centro dunha suposta trama de fraude, braqueo e subornos

A maxistrada indaga tamén noutra das facetas máis coñecidas de López, a de dirixente deportivo como presidente do CAB Obradoiro, cargo que xa ocupara en dúas etapas no Breogán de Lugo. Sempre segundo a investigación, De Lara coida que o financiamento do club compostelán puido ser empregado para branquear cartos. Asemade, baseándose tamén nos informes de Vixilancia Aduaneira, a xuíza manexa datos que indican que as achegas realizadas ao equipo pola empresa Aquagest serían unha contrapartida "suxerida" polo Concello de Santiago, daquela dirixido por Gerardo Conde Roa, para para "conseguir a prórroga do contrato" de xestión hidráulica do consistorio.

Manuel Fernández de Sousa

A imaxe de Fernández de Sousa como home de prol do país durou ata 2013, cando comezou a saír á luz que as contas da multinacional pesqueira foran durante anos, simplemente, unha falsidade que ocultaba enormes buracos. En abril dese ano a multinacional entrou nun concurso de acredores que durou máis dun ano e quen en 2010 era situado polo presidente da Xunta como "exemplo de galeguismo" que "nos axuda a ser un pobo gañador" era apartado da dirección da empresa. En outubro, De Sousa tiña que sentar ante o xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz para aclarar, en calidade de imputado, se falseara as contas da empresa en beneficio propio. Un mes antes o maxistrado xa lle embargara e bloqueara as súas contas e impuxéralle unha fianza de máis de 170 millóns de euros pola súa presunta responsabilidade na quebra.

A Audiencia Nacional investiga o presunto falseamento das contas de Pescanova

Cercado pola investigación das autoridades mercantís e tamén pola Fiscalía Anticorrupción, as mensaxes publicadas por Faro de Vigo no outono de 2014 acreditan como o empresario viviu o derrubamento da súa empresa e supoñen, para unha das partes do caso, o fondo de investimento Luxempart, "auténticas confesións de delitos". Xunto a De Sousa foi imputado tamén no caso o empresario Alfonso Paz-Andrade, que se desfixo de tres paquetes de accións de Pescanova por 2,5 millóns de euros apenas un mes antes de que a cotización da compañía na Bolsa fose suspendida. A investigación na Audiencia Nacional segue adiante e a famosa planta de peixes planos en Mira sobrevive grazas a un "acordo transitorio" coa banca mentres segue a procura de "posibles compradores".

Julio Fernández Gayoso e José Luis Méndez

Gayoso e Méndez, Méndez e Gayoso, foron os omnipresentes e omnipotentes homes das caixas durante décadas. Dirixiron Caixanova e Caixa Galicia como se fosen bancos da súa propiedade e no ámbito político os seus nomes apenas aparecían se ao carón non ían loubanzas. Alberto Núñez Feijóo sentounos á mesma mesa para forzar a fusión que el mesmo impulsaba e que desembocou en Novacaixagalicia, a entidade que herdou as consecuencias das alegrías dos anos da burbulla inmobiliaria, cando os logotipos das entidades galegas proliferaron polo Levante español.

Méndez aproveitou a fusión para, previo rescate do seu millonario plan de pensións, retirarse de bo grao do escenario. Despoxado dos seus títulos de fillo predilecto da Coruña e de doutor honoris causa pola Universidade coruñesa o financeiro só rachou o seu silencio en xuño de 2013, cando foi chamado a comparecer ante a comisión parlamentaria creada para investigar o acontecido. Alí, con tranquilidade, pouco máis fixo que repartir culpas: a das preferentes, para o persoal da entidade e a da fusión, para Feijóo. Queda por ver, non obstante, se as supostas vendas irregulares de inmobles da caixa á súa muller provocan que teña que render contas ante a Xustiza.

Méndez retirouse de bo grao do escenario tras a fusión, Gayoso será xulgado polo caso das indemnizacións millonarias

Por aquela comisión tameń pasou o outro señor das caixas. Fernández Gayoso mantívose como figura central do escenario fusionado, ao que accedeu como copresidente de Novacaixagalicia, cargo no que permaneceu ata xuño de 2012, cando a Audiencia Nacional admitiu a querela contra el e catro ex directivos máis polas millonarias indemnizacións que se adxudicaran a si mesmos "ocultando os importes tanto ao Consello de Administración como ao Banco de España", dixo o Ministerio Público. Segundo Gayoso, se de algo é "culpable" é do "éxito" de Caixanova. Para o xuíz Ismael Moreno, no entanto, había "indicios de criminalidade suficientes" e por iso os ex directivos serán xulgados

Jorge Dorribo

O nome do empresario Jorge Dorribo apareceu en 2011 como suposto cerebro do caso Campeón, a primeira das grandes operacións contra a presunta corrupción instruídas dende os xulgados de Lugo. Poucos días despois das eleccións municipais daquel ano a xuíza Estela San José ordenou deter a Dorribo, ao daquela director do Igape, Joaquín Varela, e mais a un dos seus subdirectores, ademais de rexistrar a sede da institución dependente da Xunta. Púñanse así fin a case duas décadas nas que Dorribo pasara de ser un pequeno empresario do sector da peletería a un reputado industrial do sector farmacéutico. Á fronte de Laboratorios Nupel pasou a ser unha das figuras claves da sociedade lucense, con abondosos contactos en múltiples ámbitos, sobre todo no político, e unha gran notoriedade social acrecentada polos seus múltiples patrocinios de eventos e dos principais equipos deportivos de Lugo.

Sobre o propietario dos quebrados Laboratorios Nupel pesa unha petición de 24 anos de cadea

O sumario do caso revela que Dorribo acadou axudas públicas apoiándose en facturas presuntamente falsas e tamén nos seus contactos políticos. Mentres presentaba a súa empresa como unha potencial aliada da Xunta nos seus plans de austeridade deu en empeñar a compañía a base de préstamos para sufragar todo tipo de luxos. Ao tempo, tentou ocultar a quebra da empresa mediante enxeñaría contable. Nas súas sucesivas declaracións ante a maxistrada o empresario repartiu culpas entre múltiples dirixentes políticos, aos que acusaba de recibiren subornos que el mesmo aseguraba proporcionar. Algúns dos acusados por Dorribo, como o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, ou o ex ministro de Fomento José Blanco xa foron exonerados da causa. Tras saír en liberdade condicional Dorribo volveu á cadea en novembro de 2014 tras non presentarse no xulgado cando debía. Volveu quedar libre a mediados deste mes de marzo alegando problemas psicolóxicos. Sobre el segue pesando a petición dunha pena de 24 anos de prisión.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.