Feijóo admite "erros" no financiamento do PP un día despois de negarse a explicalo no Parlamento

Feijóo, con outros dirixentes na xunta directiva do PP © PP

"Un erro". Os titulares de múltiples medios de comunicación inzáronse ao longo da mañá deste mércores co nome do presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo foi un dos primeiros convidados do novo programa das mañás da emisora Onda Cero e, en resposta ao xornalista Carlos Alsina, admitiu "erros" no financiamento do PP ao longo do tempo. A nova impactou de cheo na axenda informativa estatal por chegar en plena crise interna dos conservadores e mentras seguen en marcha os procesos xudiciais pola trama Gürtel e o caso da 'caixa B' do partido, no que o xuíz Pablo Ruz dá por demostrado que os populares se beneficiaron de fondos chegados por canles ilícitas. No entanto, as declaracións producíronse tamén menos de 24 horas despois de que o PP se negase a que Feijóo comparecese no Parlamento de Galicia para dar conta, precisamente, do financiamento do partido.

Na xornada do martes os populares fixeron valer a súa maioría absoluta na Xunta de Portavoces da Cámara para tombar a solicitude formulada polo PSdeG para que Feijóo dese conta "dos feitos recollidos no auto do xuíz Ruz no que se refire ao financiamento do Partido Popular de galicia e o papel" que tivo nel Pablo Crespo, ex secretario de organización do PPdeG e presunto número dous do entramado da Gürtel. Para os socialistas as conclusións de Ruz "poñen en cuestión a credibilidade e a integridade" do PP, que "silencia o debate aínda que o propo Crespo fose no seu día subordinado a Feijóo", toda vez que era membro do consello de administración de Portos de Galicia cando Feijóo era conselleiro de Política Territorial, e por iso cumpría a comparecencia.

O PP tombou este martes a solicitude de comparecencia formulada polo PSdeG

Cando non transcorrera nin un día enteiro tras o veto Feijóo si accedeu a falar do financiamento do seu partido, pero na radio. Ao ser cuestionado polos erros da formación nos últimos anos o titular da Xunta deu en admitir que "o noso financiamento do partido foi, claramente, unha fórmula" que derivou "nun grave erro". Isto, di, "probablemente" sucedeu "por un baleiro legal" que o Estado español no seu conxunto ten "pendente" subsanar". En calquera caso, admite sen dar máis detalles, "non o fixemos de forma correcta" e isto "ten poucas dúbidas". "Tivemos persoas que utilizaron as siglas do partido para enriquecerse", engade, e iso "custounos e aínda nos vai custar moito sufrimento e moitas dúbidas sobre a honorabilidade dos cargos que neste momento diriximos o partido".

Feijóo di agora que o PP non "fixo" o seu financiamento "de forma correcta"

A coincidencia no tempo do veto á comparecencia e da reflexión presidencial a respecto dos devanditos erros sementou a indignación na oposición galega. O primeiro grupo en pronunciarse ao respecto foi AGE, que a través dun comunicado "esixe" que Feijóo "compareza de xeito inmediato" para dar conta deses "erros". A xuízo da vicevoceira da coalición, Yolanda Díaz, resulta "urxente" que Feijóo "explique no Parlamento cales son concretamente eses erros" que "tamén afectan ao noso país, xa que as contas do partido en Galicia tamén están implicadas no suposto financiamento ilegal". "Ponse de manifesto non só a falla de vergoña do presidente, que fala sen rubor de erros de financiamento obviando a súa responsabilidade", di Díaz, "senón tamén a total falta de respecto á cidadanía, negándose unha e outra vez a comparecer".

Outros vetos

O deste martes non foi, en calquera caso, o primeiro veto do PP a unha comparecencia de Feijóo sobre o financiamento do partido en concreto ou, en xeral, sobre casos de presunta corrupción que poidan afectar á formación conservadora. Ben ao contrario, dende o comezo da lexislatura autonómica producíronse, cando menos, sete negativas. Así, en febreiro de 2013 bloquearon a solicitude do PSdeG para que Feijóo falase da "presunta corrupción" do seu partido e en marzo, unha petición idéntica asinada conxuntamente por toda a oposición.

En xullo do mesmo ano AGE e BNG querían que Feijóo falase especificamente sobre o "presunto financiamento ilegal" do PP e este volveuno impedir. En setembro de 2014 os socialistas volveron preguntar exactamente o mesmo e o resultado foi tamén idéntico. En outubro do mesmo ano o PSdeG volveu reclamar que Feijóo falase de financiamento e suposta corrupción, nese caso a respecto da trama Zeta, e o veto produciuse igualmente.

Feijóo, con outros dirixentes na xunta directiva do PP © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.