O BNG saca músculo para aclamar a Jorquera

Jorquera, Vázquez e outros dirixentes nacionalistas, no inicio do acto CC-BY-NC-SA BNG

O Bloque quita o loito. Despois de transitar polos que, posiblemente, foron os meses máis difíciles e convulsos da súa historia o BNG semellou este domingo conxurado contra o pesimismo para aclamar o seu candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera. Os nacionalistas lograron encher sobradamente as 2.100 cadeiras do Palacio de Congresos de Galicia, en Compostela, nunha Convención Nacional que tivo un obxectivo oficial, o lanzamento da candidatura, e outro oficioso pero non menor, inxectar moral na tropa nun complexo panorama. O frío e a tensión de Amio foron substituídos pola calor e a distensión, a case festa deste domingo, as mesmas que os tambores e as gaitas d'A Treboada do Baixo Miño puxeron para acompañar a entrada no auditorio da dirección nacionalista, con Jorquera á fronte en compaña do portavoz nacional, Guillerme Vázquez.

O BNG semellou conxurado contra o pesimismo nunha convención para inxectar moral á súa militancia

Un mar de bandeiras brancas co logotipo da formación e sintonía composta por Mike Oldfield que acompañou o Bloque durante lustros de medre e extensión social e electoral, foron o pano de fondo dun acto concibido como un mosaico de voces para impulsar a Jorquera. Polos dous atrís instalados no escenario pasaron ata catorce persoas antes do candidato nun caleidoscopio de apelacións á forza, ao ánimo e á unidade. A actriz Isabel Risco, trending topic en Twitter durante a convención, foi a encargada de conducir, con maneiras televisivas e altas doses de humor un acto que tivo moito de cóctel de xestos, dende a presentación e aplauso aos dirixentes históricos da primeira fila, onde, por exemplo, Camilo Nogueira sentaba ao carón de Francisco Rodríguez, ata, sobre todo, a longa ovación colleitada por Carlos Aymerich. Tras o accidentado periplo asemblear o ex portavoz parlamentario proclama a súa preferencia "polos mariñeiros que saen á procura dunha boa maré" e non polos "aventureiros". E "os mariñeiros non se queixan do mar". O barco do nacionalismo non pode "perder tempo", debe ter en conta que "liberar un país" non é "traballo dun día". "Temos para esta maré o mellor capitan, Francisco Jorquera", asegurou Aymerich antes de proclamar un "avante toda" e de fundirse, entre aplausos, nunha aperta co aspirante á presidencia.

"Desta convención sae un BNG moito máis forte e unido, como dixo Carlos Aymerich", recolleu Jorquera. "Todos participamos na construción do barco e todos temos claro o rumbo: soberanía, democracia e traballo". Esa apelación a poñer as máximas revolucións posibles un Bloque que quere ser "motor do cambio" era a culminación dun discurso máis propositivo que invectivo, cun ton por veces institucional que non impediu enganchar á entregada concorrencia. En pleno proceso de elaboración do programa para unhas eleccións que cada día semellan máis inminentes Jorquera bosquexou o "novo marco político" que "queremos facer realidade dende o Goberno". Trátase "dun gran cambio" para "afortalar os servizos públicos e as políticas sociais", "impulsar a economía produtiva", "defender o autogoberno" e aplicar unha "vocación transformadora". Para acadar ese prato final a receita proposta por Jorquera comeza por unha "reforma institucional" que, por exemplo, suprima a administración do Estado en Galicia, tamén "por suposto" as deputacións, e continúa por un novo sistema de financiamento, no que agora o BNG reclama abertamente "un modelo de concerto económico que asegure a plena autonomía fiscal".

Jorquera bosquexou as liñas básicas da súa aposta programática, na que inclúe a reclamación do concerto económico para Galicia

Unha reforma da CRTVG para que os medios públicos teñan tal condición sen ir aparellada á de "gobernamentais", un novo sistema fiscal "para quen pague máis quen máis ten" e un "impulso á economía produtiva" pola vía da "creación do banco público galego" son outros dos ingredientes que o candidato nacionalista contrapón a un concepto ata o mometo case inédito nas mensaxes públicas do Bloque: "a doutrina do shock". Os grandes poderes económicos "sementan o medo, a confusión e a división" para "facer posíbel que a dereita desenvolva o seu programa". Quen "viviu por riba das súas posibilidades" son "Botín e Rato" e non os que sempre tiveron que "mirar con envexa aos mileuristas". Tentan "atemorizar para impoñer as súas políticas que nos levan ao desastre" a mesma "estratexia", asegura, "quérenlla aplicar ao nacionalismo: confundirnos, dividirnos, que nos autoculpemos". "Porque saben que somos a alternativa real ás súas políticas", di.

Cambiar unha realidade "que dá noxo"

O discurso netamente propositivo de Francisco Jorquera estivo precedido polo máis combativo de Guillerme Vázquez, que non se privou, sorrinte, de seguir o ritmo da música inicial nin de erguer ante o público o brazo do candidato no que "ha de confiar o pobo galego", "unha persoa coherente, con palabra, na que se pode confiar" que conta co seu "apoio total, incondicional". A candidatura do Bloque é, para Vázquez, peza fundamental no cambio dunha "realidade actual" que "dá noxo". "Ninguén no seu san xuízo" cre que "para saír do pozo" cómpre "seguir cavando", ilustra. Apoiándose no lema da convención, En Bloque podemos, o líder frontista amósase convencido de que Galicia tamén "pode", "só temos que sacudirnos o medo a voar" e de "facernos respectar" fronte a un "Estado español de caspa e pandeireta", no que "as corridas de touros seica son cultura -"lástima de bois", parafraseou a Castelao-" e que conta "cunha familia real que cando non anda a tiros, anda nos xulgados".

Guillerme Vázquez critica as "manipulacións" e as "campañas de intoxicación masiva" que, di, vén sufrindo o Bloque nos últimos meses

"Cabeza alta, mirada limpa, orgullo de ser galegas e galegos e orgullo de ser do BNG", alentou Vázquez, quen ademais aproveitou a convención para enviar "unha mensaxe de tranquilidade aos milleiros" de persoas "preocupadas polo BNG, porque nos queren" e "confundidos polas campañas de intoxicación masiva que estamos a padecer" dende, entre outros, "os medios de comunicación púbicos" ao "servizo do PP". Fronte a esas "manipulacións" Guillerme Vázquez reclamou un "aplauso e saúdo especial" para os asistentes que estaban "por primeira vez nun acto do BNG" porque son "novos afiliados e afiliadas", explicou nunha referencia velada aos relatos públicos sobre baixas. 

"Aínda seguimos aquí, a aturar tempestades de sal", cantou Sés nunha actuación musical agradecida polo público e cantada dende os asentos por varios dirixentes da formación. Máis apertas, máis apelacións ao ánimo e o tradicional canto coral do himno galego culminaron o acto. "A por todas!", animou Jorquera.

Vázquez presenta a Jorquera ante os asistentes CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.