Os partidos instrumentais que van unindo as iniciativas cidadás de cara ao 24M

Xuntanza de Somos Maioría en Compostela © Somos Maioría

Unhas vinte plataformas acudirán ás eleccións municipais do vindeiro 24 de maio baixo o paraugas de Somos Maioría. A iniciativa que impulsou un manifesto o pasado verán para a conformación de espazos de confluencia cidadá e progresistas nos concellos galegos vén de crear un partido instrumental co que ofrece cobertura legal a todas as listas que así o queiran e respecten os seus principios fundacionais.

Será, xa que logo, unha "cobertura legal, directa ou en coalición" para as candidaturas cidadás xurdidas ao abeiro de Somos Maioría e que acudirán aos comicios "con total autonomía e coa denominación local que decidan" pero baixo o paraugas dun partido instrumental denominado Participación Democracia Directa de Galiza (PDDG). Todas as plataformas terán ata o 18 abril de prazo para acollerse a esta ferramenta legal que prevén usar varias iniciativas cidadás. 

Unhas vinte plataformas cidadás acudirán ás municipais baixo o paraugas do partido intrumental de Somos Maioría

Polo momento, e tal e como explicaron esta semana en rolda de prensa dous dos impulsores de Somos Maioría, Catarina Serantes e Miguel Pernas, son xa unhas vinte as que acudirán baixo este paraugas, aínda que con cadansúa denominación local. Entre elas, plataformas cidadás de Sada, Sober, Chantada, Folgoso do Courel, Ribadumia, Vilabarcía, Cambados, Xinzo de Limia, Fene ou Cabanas e ás que se poderían unir outros espazos de confluencia doutras vilas e localidades. 

No manifesto fundacional de Somos Maioría incluíanse as sinaturas de importantes figuras e alcaldes de BNG, Anova, EU ou Compromiso por Galicia, así como de militantes de diferentes partidos como Podemos. Aquela iniciativa serviu de pulo para moitas plataformas, especialmente en vilas medias, das cales moitas acabaron xuntándose con outros procesos de confluencia, como diferentes mareas que nalgúns casos xa xurdiran antes

A Marea Atlántica rexeita a oferta de Alternativa de Oleiros e as asembleas de Cambre e Carral para unha coalición comarcal

Por outra banda, a Marea Atlántica da Coruña acordou onte por maioría e sen voto en contra ningún rexeitar o convite de Alternativa dos Veciños e as asembleas cidadás de Cambre e Carral para unirse en coalición comarcal de cara ás municipais co obxectivo de unir os sues votos e obter representación na Deputación provincial. "Estamos interesados na política, non no reparto de poder na Deputación", advertiu nun comunicado a plataforma cidadá, que se queixa de que fora chamada a unha xuntanza despois de que as outras tres patas xa anunciasen o acordo e para decidir en 24 horas ante unha proposta sen concretar. 

Aínda así, a Marea non descarta pactos postelectorais na Deputación para axudar á "rexeneración democrática" e abrir un espazo de colaboración "metropolitana" entre os concellos da comarca das Mariñas. Con esta decisión, a plataforma cidadá da Coruña semella descartar calquera tipo de coalición ou acordo preelectoral con outras iniciativas de confluencia, algo que se intentara tamén a nivel de toda Galicia no caso das mareas das principais vilas e cidades pero que xa non ten traza.  

Así as cousas, as expectativas para a coaliciónn entre a formación independente do alcalde de Oleiros, Ángel Seoane, e as iniciativas cidadás de Cambre e Carral redúcense á posibilidade dun escano provincial, para o que se requirirían uns 12.000 votos, e fronte á intención inicial de aspirar mesmo a tres se a Marea aceptaba a coalición. Aínda así, tamén se estableceron contactos con iniciativas cidadás de Culleredo, Arteixo ou mesmo Betanzos para aumentar o acordo. 

Xuntanza de Somos Maioría en Compostela © Somos Maioría
Asemblea Cidadá de Carral © ACC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.