Ética, xornalismo e comunicación política

Portal web do Arquivo do Nacionalismo Galego © ANG

A comunicación política é a ferramenta máis útil da que dispoñen os responsables públicos para que as súas ideas cheguen á sociedade. É comunicación indirecta, xa que os medios de comunicación fan de intermediarios. Vivimos na democracia centrada nos medios. A forte repercusión desta mediación xerou certa desconfianza entre os tres actores deste proceso: o político, o xornalista e o cidadán. O primeiro pensa que o xornalista é pouco obxectivo para analizar o que sucede, o segundo pensa que o político non lle conta toda a verdade e o cidadáns é consciente de ambas posibilidades.

O político pensa que o xornalista é pouco obxctivo, o xornalista que o político minte e o cidadán é consciente de ambas cousas

Cando Napoleón deixou a illa de Elba e se trasladou a Francia para fundar o Imperio dos Cen Días, un periódico de París, O Constitucional, titulaba: “O sanguinario ogro abandonou a súa tobeira”. Poucos días máis tarde, cando o francés desembarcara na costa mediterránea, no diario podía lerse “O bandido de Córcega está en Francia. Cando Napoleón chegou a Grenoble o titular foi “Bonaparte encamíñase a París”. Tres días máis tarde “Napoleón prosegue o seu avance triunfal”. O penúltimo titular foi “Mañá fará entrada en París o emperador”. O derradeiro “A súa Maxestade Imperial chegou á capital dos seus Estados”.

As mensaxes vanse adecuando ao achegamento do mandatario. Polo tanto, o poder político opera de condicionante. Á marxe do inadecuado de expresións como “sanguinario ogro” ou “bandido de Córdega”, a elaboración das mensaxes xornalísticas ten que achegarse á realidade dos feitos e a interpretación destes non pode modificarse pola conveniencia ante unha nova situación política.
Os responsables últimos de que o cidadán reciba unha intermediación honesta son os xornalistas, e para isto deben tirar de código deontolóxico e profesionalidade. Daquela, cales son as limitacións éticas na comunicación política?

Que é a obxectividade?

A primeira acepción do diccionario é a seguinte: Calidade daquilo que existe independentemente do espírito. É dicir, o suxeito debe abandonar todo valor social que poda condiciónalo para ter unha perspectiva que lle permita chegar a conclusións xerais de aplicación universal. Pero vaia, que isto é imposible.

O que é a obxectividade é a forma ética que un xornalista ten para enfrontarse a un feito noticiable. Un xornalista non pode saír de si mesmo, é dicir, é imposible ignorar as vivencias persoais que, en última instancia, son as que determinan como interpreta a realidade. Ademais, a interpretación é, precisamente, o que lle dá calidade ao xornalismo.

Ao que debe aspirar un xornalista é a unha neutralidade honesta. Claro que para iso é imprescindible a independencia do medio de poderes económicos e políticos. O xornalismo nunca debe esquecer a súa función social e, precisamente, a imparcialidade tamén pode ser un recurso para o incremento do prestixio e, como consecuencia disto, dos ingresos. Polo tanto, unha achega honesta á obxectividade podería ser economicamente rendible.

A achega honesta á obxectividade tamén é economicamente rendible

Pulitzer VS Hearst

O termo amarelismo provén das tiras cómicas chamadas “the yellow kid” que publicaban o World e o Journal en New York no século XIX. O Journal estaba dirixido por Randolph Hearst e o World por Joseph Pulitzer.

Ata a aparición de Hearst, Pulitzer gozaba dun gran prestixio. Puxera en práctica un novo xeito de facer xornalismo unha linguaxe moderna e titulares curtos e impactantes. Mesmo fundou a Facultade de Xornalismo da Universidade de Columbia que foi a que, anos despois, instaurou o premio xornalístico máis famoso do mundo. A chegada de Hearst co seu extravagante xornalismo sensacionalista de gran éxito popular, provocou que Pulitzer fixera moitas concesións neste campo.

É a Hearst a quen se lle atribúe a frase que condensa o máis desprezable do xornalismo: non deixes que a realidade che estrague unha boa noticia.

Hearst: Non deixes que a realidade che estrague unha boa noticia

Na actualidade os grandes medios de comunicación seguen usando o sensacionalismo como arma para ter ingresos: calquera pode ter na mente agora o tratamento informativo dunha traxedia occidental, con historias agónicas de familias modélicas, vidas de mozos truncadas e, como non, imaxes de sangue e mortos. Iso vende, ninguén o nega, pero supón renunciar á función social do xornalismo antes mencionada.

Ética, persuasión e manipulación

Se o desempeño de calquera profesión ten un compoñente ético, no xornalismo este ten un rol especialmente relevante. Os medios son instrumentos reais de poder que orientan a opinión pública. Son o vieiro polo que os políticos fan chegar aos cidadáns as súas opcións e isto supón unha enorme responsabilidade.

Todo isto leva aparellado o respecto a unha serie de valores pero, quen garante o comportamento dun medio informativo de propiedade privada cuns accionistas con intereses propios? E como o aseguramos no sector público, que en última instancia depende do poder político que, malia ser democraticamente elixido ten os seus propios intereses?

Obxectividade e persuasión son termos que representan os límites dunha mensaxe desde o punto de vista ético. A manipulación non ten que ver con isto. Persuadir é inducir a alguén a crer algo de forma honesta pero manipular implica servir a uns determinados intereses particulares usando ferramentas que vulneran o principio ético de respecto á verdade. Por exemplo, o caso de Ciudadanos foi unha resposta sistémica inflada pola cociña de datos nas enquisas. Foi a manipulación de datos o que creou o fenómeno, que agora é ben real e ben palpable.

Manipular implica servir a uns determinados intereses particulares usando ferramentas que vulneran o principio ético de respecto á verdade

A comunicación política esperta desconfianza. Sempre está baixo sospeita porque ten intencionalidade, pero non por iso debe ser unha actividade allea á ética. A parte que corresponde a unha das patas deste proceso, os xornalistas, debe facerse con respecto ao código deontolóxico do xornalismo. Todos os axentes que interveñen na produción xornalística deben facelo asumindo unha cota de responsabilidade. Ese precisamente debe ser o que defina o xornalismo nunha sociedade cada vez máis aberta á recepción e difusión de mensaxes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.