"O Concello de Lugo ten que ser transparente, unha urna de cristal"

Santiago Fernández Rocha, segundo pola esquerda © Lugonovo

O profesor Santiago Fernández Rocha é o candidato da plataforma cidadá Lugonovo á alcaldía. Froito dunha "evolución traballosa", a formación xurdida da confluencia entre Lugo en Común e Gañemos Lugo loitará por obter un resultado "que cambie a política" na cidade baseándose nas políticas sociais e nos principios de máis transparencia, democracia e participación.

Por que se decidiu a liderar Lugonovo?

O motivo fundamental é porque estou totalmente convencido de que estamos nun cambio de época onde as relacións de poder cambiaron. A xente do común está absolutamente desprotexida e a única ferramenta que a xente ten é a democracia. Cómpre empregala para volver decidir o destino da propia xente, que debe asumir unha ferramenta democrática para construír o seu propio destino. Se non o fai así, virá un desastre que é poñernos nas mans do gran capital. Crin que era o momento de comprometerse desde abaixo e apelar á rebelión democrática. 

"Considerei que era o momento de comprometerse desde abaixo e apelar á rebelión democrática"

O proceso de confluencia en Lugo non foi doado...

Foi unha evolución traballosa. Eu empecei a involucrarme cando apareceu un dos primeiros movementos, Somos Maioría, e a partir de aí desde Compromiso por Galicia empezamos a relacionarnos con xente e a achegarnos á cidadanía. Decidimos crear unha plataforma en Lugo onde confluímos persoas de diferentes sensibilidades políticas, sociais ou profesionais para formar Lugo en Común. Logo do manifesto e de varias asembleas notamos as ganas da xente por participar e despois apareceu Gañemos Lugo. Entendiamos que dúas plataformas non tiñan sentido se tiñamos os mesmos obxectivos. Traballamos para confluír nun único espazo que finalmente é Lugonovo, consecuencia dun procedemento que seguiu cun código ético, unhas primarias, unha candidatura e un programa que estamos a construír coa xente. 

"Que toda a esquerda social e política non esta nunha mesma confluencia é negativo, pero nós non temos a culpa"

Esquerda Unida, non obstante, optou por outra plataforma, a Alternativa Cidadá de Esquerdas. Non cre que é negativo para o seu obxectivo que haxa dúas plataformas cidadás competindo?

Non cabe dúbida de que o feito de que toda a esquerda social e política non estea nunha mesma confluencia é negativo, pero nós non temos a culpa. A nosa plataforma é absolutmente aberta, con eleccións primarias abertas á cidadanía. Aquelas persoas que tiveran algo que achegar podían terse presentado. EU non deu sinais de vida nin para ben nin para mal e nunca tivemos a posibilidade de dialogar. Eles saberán cales son as razóns de que nin tan sequera tivesen a ben unha xuntanza con Lugonovo. Estivemos abertos ata o último momento, pero eu non podo poñerme na pel de EU para dicir cales foron as causas de que non se intentase a confluencia. 

"Os valores da esquerda teñen que ser os obxectivos, pero non o inicio; as plataformas cidadás deben ser transversais"

As mareas e plataformas cidadás que xorden adoitan a non definirse nin de esquerdas nin de dereitas, é tamén o caso de Lugonovo?

Os valores da esquerda teñen que ser os obxectivos, pero non o inicio. Non hai que ser sectario. Hai valores fundamentais que están en perigo, como a propia democracia e os dereitos básicos de moita xente, e isto está máis alá da dereita ou da esquerda, son dereitos humanos puros e duros. Transcende o que entendemos pola clásica esquerda. Eu non digo que a esquerda non sexa importante nestes momentos, pero non é suficiente para enfrontarse a esta nova época que exixe unha confluencia na maior cantidade de xente posible arredor duns principios fundamentais sen os que a dignidade da persoa quebrántase. As plataformas deben ser transversais e recoller diferentes sensibilidades en base a principios básicos que están en xogo. 

Que é o máis urxente que abordaría Lugonovo no caso de gobernar na cidade?

Hai unha preocupación fundamental, unha inquedanza polo debilitamento da democracia, da participación, da transparencia... As institucións públicas, nos últimos tempos, foron destapando enormes casos de corrupción e clientelismo e viven un gran desprestixio social que pon en xogo o propio xogo democrático. As institucións deben representar a vontade popular, pero se están en cuestión porque a súa praxe non foi a máis axeitada para defender a cidadanía, é necesario reaccionar. En Lugo ocorreron distintos casos de presuntos casos de corrupción e clientelismo que lle fixeron moito dano ao Concello. Cremos que é fundamental a participación, canalizala para que a xente se involucre nas decisións democráticas dos gobernos, así como a transparencia, que debe ser o antídoto contra a corrupción e contra o desprestixio das institucións, que deben recuperar a credibilidade e a seriedade. A xente ten que volver crer nela. 

"En Lugo houbo presuntos casos de corrupción e clientelismo que desprestixiaron o Concello; a xente ten que volver crer nel"

Algunha idea para que iso se poida levar a cabo axiña?

Temos as condicións tecnolóxicas suficientes para que calquera persoa desde a súa casa, a través dun click no seu ordenador, poida coñecer perfectamente como se xestionan os seus cartos e como se fan os contratos. Hai que converter os concellos en urnas de cristal e isto é moi posible hoxe. E facelo para que a xente volva crer nas institucións e na política como ferramenta fundamental para defender os intereses da maioría. Esta é unha das nosas liñas estratéxicas. 

Que expectativas teñen en canto aos resultados electorais do 24 de maio?

Non nos poñemos límites. A xente ten un gran malestar e a situación política que vivimos desde hai anos no país e na cidade fartou a cidadanía, que está cansa e quere algo novo. Nós queremos responder a esa demanda social e agardamos un resultado suficiente para que a política cambie en Lugo. 

Cales son as liñas vermellas de Lugonovo no caso de posibles acordos con outras forzas políticas?

As liñas vermellas están marcadas pola transparencia, pola participación e polas políticas sociais. Nestes momentos, os concellos e todas as intitucións teñen que estar ao carón dos máis vulnerables, que deben ter un mínimo de condicións de vida para poder exercer a dignidade. Ademais, é fundamental a transparencia para que a cidadanía volva ver as administracións como algo serio e confiable. Ten que ser unha transparencia absoluta para que a xente estea segura de que a xestión que se fai é para o ben da xente. En todo caso, LugoNovo ten un órgano superior, a nosa asemblea que, chegado o momento, tería a decisión final sobre posibles acordos.

"As liñas vermellas para posibles pactos están marcadas pola transparencia, a participación e as políticas sociais"

Tendo en conta o asentados que están os partidos tradicionais e as dificultades para obter recursos, que tipo de campaña preparan?

Imos facer unha campaña baseada no traballo, na ilusión e na estratexia. Debemos ser intelixentes para rachar a situación que xeran estes dous grandes dinosaurios, que teñen copado calquera instrumento que fai posible unha democracia moito máis obxectiva. Intentaremos facer unha campaña moi pegada á xente, na rúa e utilizando medios que nos sexan rendibles. A xente é suficientemente sabia e saberá o que somos capaces de facer sempre que cheguemos a eles e iso é o que temos que facer: reunirnos coa xente, coas asociacións, cos colectivos... Estou convencido de que teremos un grao de coñecemento amplo, pero sempre a base de moito traballo. 

Santiago Fernández Rocha © Lugonovo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.