Os candidatos que gañan no Twitter

Perfil de Twitter de Martiño Noriega CC-BY-SA Praza Pública

Nos últimos anos, o poder das redes sociais e de internet como canle de comunicación estableceu unha mudanza radical no xeito no que os partidos políticos comunican as súas mensaxes e interactúan cos seus seguidores.

Nas eleccións dos últimos anos foron cada vez máis os políticos e os partidos que desembarcaron no mundo das redes sociais, cada vez con máis fortuna, pero tamén decote con moitos erros.

Noticias como a da presidenta do Congreso, Celia Villalobos xogando ao Candy Crush mentres Mariano Rajoy falaba ou a das famosas Bubble Shoot de Fátima Báñez atestiguan que un político cun dispositivo móbil nas mans pode ser un perigo.

Ás veces os representantes públicos atráncanse e provocan auténticos terremotos, como o fin de la cita de Mariano Rajoy ou o relaxing cup of café con leche de Ana Botella. Se cun micrófono pode haber problemas, imaxinen cunha xanela global como é o Twitter.

Nas eleccións municipais importa a relación de proximidade co cidadán e isto, sobre todo no caso das novas xeracións, pasa inevitablemente polo Twitter

Nas eleccións municipais importa a relación de proximidade do candidato cos cidadáns e isto, sobre todo no caso das novas xeracións pasa, inevitablemente polo Twitter, como usan os candidatos ás cidades galegas a famosa rede social?

Regras importantes

O experto en comunicación política Santiago Martínez aporta nunha entrada do seu blog 10 claves importantes para o Twitter dos políticos. Resúmense en calibrar ben o público ao que te dirixes, usar frases que xeren atención, lanzar preguntas, ser breve e sinxelo e encadear chíos para contidos complexos. Martínez tamén outorga importancia a ser cálido con chíos persoais, non abusar na cantidade, xerar valor diferenciándose, interactuar e provocar conversas e usar hashtags.

"O Twitter non é un espazo publicitario gratis, senón de escoita activa e interacción directa"

Para o profesor universitario Antón Losada, especialista en comunicación e campaña, os políticos adoitan usar mal o Twitter porque “cren que é un espazo publicitario gratis e non, debe usarse como un espazo de escoita activa e de interacción directa, sobre todo no caso dun candidato municipal, coa cidadanía”.

Martiño Noriega, Carlos Negreira e Mar Barcón, no podio

Dos principais candidatos ás cidades galegas, o candidato de Compostela Aberta, Martiño Noriega pulveriza récords. Moi por enriba dos seus homólogos, ten no seu haber 7.060 seguidores.

Moi por debaixo, con 4.581 seguidores está o actual alcalde popular da Coruña, Carlos Negreira. E tamén na Coruña está a terceira candidata ao podio, a socialista Mar Barcón, con 4.441 seguidores

No podio dos candidatos exitosos en Twitter sitúanse Martiño Noriega, con máis de 7.000 seguidores, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira e a socialista Mar Barcón

Se analizamos os seus perfís vemos que Noriega ten de foto de perfil a oficial da candidatura e de portada unha sentado de costas ao mar. Negreira ten de portada unha imaxe do consistorio herculino e de perfil unha súa, en traxe, mirando ao horizonte, coas galerías da Avenida da Mariña detrás. Canto a Barcón ten unha imaxe súa nunha carreira, facendo o xesto de número un e de portada ten á súa lista para Coruña.

Por certo, dos 3 aspirantes ao podio, Noriega foi o que máis tarde se uniu á rede social, fíxoo en febreiro de 2011, Barcón en xaneiro de 2010 e Negreira en outubro dese mesmo ano.

Un dos segredos do éxito de Noriega probablemente resida en que leva el mesmo o seu perfil. Chía sempre en galego. E, malia que, evidentemente, en campaña abundan os chíos políticos, adórnaos con actividades culturais ás que vai ou xuntanzas familiares. Se seguimos os consellos twiteiros de Santiago Martínez, se cadra abusa da cantidade de rechíos e usa etiquetas demasiado longas.

Negreira tampouco o fai mal. Leva el mesmo o Twitter e tamén o seu equipo de campaña. Chía en castelán e usa para algunhas das súas cousas de campaña #PorTodoLoQue Importa. Por certo, na súa biografía especifica que é alcalde de La Coruña.

Mar Barcón tamén lle ten pillado o truco á rede social. Ultimamente tena demasiado sobresaturada de propaganda electoral pero habitualmente tamén se nota que o leva ela mesma. Igual que Negreira adoita chíar en castelán e na súa biografía cóntanos que é “Madre, socialista, médico, coruñesa (y de Ortigueira) y razonablemente feliz…”

Tras Noriega, Negreira e Barcón sitúanse o alcalde de Ferrol, Rey Varela, o alcalde de Lugo, López Orozco, a candidata socialista por Ferrol, Sestayo e o candidato do BNG a Compostela, Cela

Por detrás dos tres gañadores están, roldando os 3.000 seguidores o alcalde popular de Ferrol, José Manuel Rey e o alcalde socialista de Lugo, José López Orozco. Na barreira dos 2.000 están a candidata ao consistorio ferrolán polo PSdeG, Beatriz Sestayo e o candidato do BNG ao concello de Compostela, Rubén Cela.

Algúns desastres e cousas curiosas

En Ourense non ten perfil a candidata do BNG, Susana García. Os que si teñen son o candidato de Anova, Lito Prado pero tan só con 130 seguidores e o candidato de Compromiso por Galicia, Xosé Mosquera, con 138 seguidores.Tamén a ten candidato do PP, Jesús Vázquez, cuns 535 seguidores. Os candidatos de Ourense en Común e o PSOE creáronas ad hoc para as eleccións.

Chama tamén poderosamente a atención que o candidato da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, teña só 925 eguidores ou que o alcalde do BNG de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores fixera unha interrupción de chíos desde o 2011 ata hai unhas semanas, rompendo a regra na que coincidiron tanto Martínez como Losada de que abandonar o Twitter é moi negativo. A ver que ocorre tamén coa conta da candidata popular de Vigo, Elena Muñoz, unha vez que pasen as eleccións, boten un ollo e xulguen vostedes.

Chama a atención que o candidato da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro teña só 925 seguidores e que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores volvera reactivar a súa conta, parada desde 2011

Quen está a facer unha campaña curiosa e atractiva é o candidato do BNG á Coruña, Xosé Manuel Carril que coa etiqueta #TodasAsCoruñas relata no seu perfil a realidade das diversas zonas e estratos sociais da cidade. Ademais para a ocasión puxo unha foto de perfil ataviado cunha cámara na cabeza.

Do total de 35 candidatos analizados, 11 non teñen conta en Twitter e só unha ducia pasan dos 1.000 seguidores.

Para Losada a comunicación dos partidos nestes comicios debería estar centrada en tres vectores básicos: transparencia, proximidade e accesibilidade.
O profesor de Ciencias Políticas afirma que é “moi importante a cercanía do candidato” e por iso lles aconsella, tanto nas redes sociais como na realidade “falar na lingua que entende a xente, non nesa pseudoxerga que usan ás veces, hai que fuxir dos circunloquios e estar ao alcance do público, para o bo e para o malo”.

En todo caso, Losada cre que, en xeral, a importancia das redes está sobrevalorada, primeiro porque son “un mundo paralelo e segundo porque os políticos adoitan usalas de xeito unidireccional e ninguén se fai seguidor dun candidato que dá a vara todos os días coa axenda política no seu Twitter”.

Sobre a xestión do perfil, o autor de Código Mariano cre que “depende do candidato, alguén que se presenta a unhas estatais e anda polos 500.000 seguidores é inhumano esixirlle que estea ocupado só niso, pero diante dunhas municipais é ridículo ter community manager”.

Imaxe de perfil do candidato do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.