Os debates municipais abertos xa dependen só das candidaturas

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

O debate sobre os debates ocupou os primeiros compases da precampaña electoral cara ás eleccións municipais en Galicia. Despois de que a dirección do PPdeG lanzase a súa proposta de debates restrinxidos ás formacións que actualmente teñen representación nos plenos municipais das cidades, da que algúns candidatos se desmarcaron e que despois foi matizada pola propia cúpula do partido, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ofreceuse xenericamente a organizar estes encontros electorais. Esa música xa ten letra en forma dunha proposta concreta que o CPXG vén de facer pública e ante a que só resta saber a disposición de todos os potenciais convidados.

A entidade que estatutariamente representa a profesión xornalística no país lembra que "defendeu dende sempre os debates entre as distintas ofertas electorias como unha das condicións necesarias para que a cidadanía tome libremente a súa opción de voto". Debater entre representantes de candidaturas, evidencian, dten que implicar "exposición e contraste de propostas", non loitas "destinadas a crear espectáculo" nin "unha sucesión de ríxidos e constrinxidos monólogos ou relatorios de intercambio de acusacións". Con estas premisas de partida o Colexio explica os oito piares nos que se asenta a súa proposta de debates municipais abertos.

Lonxe das restricións iniciais formuladas polos conservadores o CPXG defende que "as candidaturas que deben participar son aquelas que teñan interese informativo para a maioría" do electorado por seren, a priori, as que "teñan posibiliades de ter representación en cada concello", con independencia de que estean ou non nas actuais corporacións locais."Quen e cantos participan debería ser obxecto de acordo", resalta a proposta, aínda que en previsión de posibles disensos o CPXG "resérvase a posibilidade de organizar os debates que considere que poidan ter interese cidadán". Se algunha das forzas políticas convidadas rexeita participar o Colexio informará a cidadanía "das circunstancias que motivaron as ausencias que puideron ter lugar". Neste eventual escenario de desacordo os debates serían previos ao 8 de maio, data de inicio da campaña electoral, evitando así "posibles reclamacións ante as Xuntas Electorais" e posibles interferencias destas no desenvolvemento dos encontros.

Unha vez organizados os participantes e o xeito en que se desenvolverán o Colexio Profesional de Xornalistas apostará por que cada debate sexa "un acontecemento social en si mesmo" e "non exclusivamente unha cita nun medio de comunicación". "Débese celebrar nun sitio aberto ao público" no que partidos e medios faciliten os convites. "Se é o caso", procurarase o patrocinio de entidades cívicas ou culturais. Todo o que aconteza poderá ser retransmitido total ou parcialmente por calquera medio, que poderá reproducir libremente o que as persoas candidatas discutan sobre os temas que "atinxen á veciñanza de cada localidade e  os que preocupan á cidadanía de Galicia", todo cunha moderadora ou moderador froito do consenso e "co suficiente prestixio e autoridade" como para "dirixir o acto".

As respostas

Mesmo antes da formulación concreta das propostas varias forzas políticas xa manifestaron a súa disposición a participaren nos debates que fosen convocados. Así, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, adheríase a resposta de varios dos candidatos socialistas para explicar que o seu partido "sempre estivo, está e estará alí onde se lle chame para debater". Tamén o Bloque resaltou en días pasados que todas as candidaturas BNG-Asembleas Abertas "están dispostas a participar en todos os debates libres de vetos" aos que sexan convidados os seus membros", ao "considerar que o contraste de ideas e propostas entre as diferentes opcións políticas é fundamental nun sistema democrático"

PSdeG, BNG, CxG e as diversas plataformas municipais amósanse dispostos a acudir a todos os debates que se organicen

Nun sentido semellante, os candidatos de plataformas cidadás como a Marea Atlántica, a través do seu candidato, Xulio Ferreiro, ou Compostela Aberta, por medio de Martiño Noriega, amosaron a súa disposición a acudir a debates sen restricións. "O contido da proposta do CXPG parécenos do máis razoable", sinalaba Ferreiro este martes, ao tempo que critica que o candidato popular na cidade, Carlos Negreira, "tente facer trampas ás ordes de Feijóo e seguir coa opacidade tamén á hora de medir ideas con outras propostas electorais, especialmente coa Marea", á que cando menos inicialmente apostaba por excluír.

O PP abre un chisco a man pero segue a apostar polos debates limitados, que algunha asociación da prensa di estar disposta a organizar

O PP, pola súa banda, abriu un chisco a man nos últimos días. Non obstante, a través do seu voceiro, Miguel Tellado, reiterou a súa aposta por restrinxir os encontros aos grupos con representación municipal. Neste sentido, Tellado deu en explicar que se os conservadores non esixen agora debater só co PSdeG é porque "non está claro que o PSOE poida ser a segunda forza en cada concello". Mentres, algúns dos candidatos populares aproxímanse ás propostas lanzadas por algunhas asociacións locais da prensa, dispostas a organizar e moderar os debates restrinxidos.

Feijóo, cos seus candidatos nas cidades CC-BY-SA PPdeG
Besteiro, nun acto preelectoral en Muros CC-BY-SA PSdeG
Presentación das candidaturas do BNG na comarca de Compostela, este martes CC-BY-NC-SA BNG
Encontro de Compostela Aberta sobre servizos sociais, o pasado luns CC-BY-SA Compostela Aberta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.