O taboleiro urbano: 72 opcións para os novos concellos das cidades galegas

Candidaturas urbanas galegas CC-BY-SA Praza Pública

Rematou o tempo. Tras meses de incógnitas, especulacións e negociacións e despois de non poucas carreiras de última hora as forzas políticas tiveron que completar xa as súas candidaturas para as eleccións municipais do 24 de maio, cuxa composición ficou reflectida este mércores nos respectivos boletíns oficiais de cada provincia. A realidade política do país é diversa e cada un dos 314 concellos galegos responde, ás máis das veces, á súa propia dinámica. No entanto, na noite do 24-M boa parte das olladas van estar postas no que tradicionalmente vén sendo o principal termómetro electoral das municipais en Galicia: as sete cidades. Desta volta serán ata 72 as opcións que terá diante de si o electorado urbano galego para conformar as novas corporacións municipais.

A Coruña

Na cidade da Coruña o PP de Carlos Negreira enfróntase ao reto de revalidar a súa primeira maioría absoluta, obtida en 2011 en pleno declive do goberno de José Luis Rodríguez Zapatero no Estado e tras catro anos de bipartito de socialistas e nacionalistas. A encargada de tentar recuperar a que tradicionalmente foi unha das prazas fortes do PSdeG é Mar Barcón, que concorre nun espazo da esquerda especialmente concorrido nesta ocasión.

Nese diverso abano da esquerda local encádrase tamén a candidatura encabezada por quen xa é voceiro municipal do Bloque, Xosé Manuel Carril, quen como alcaldable do BNG-Asembleas Abertas, se presenta nun escenario no que a principal novidade é a Marea Atlántica, con Xulio Ferreiro á súa fronte. Xunto a estas catro pezas principais do taboleiro electoral cóntanse, cando menos, cinco máis: a do candidato de última hora por Ciudadanos, Santiago Folla-Cisneros, ex aspirante de UPyD, agora con Carlos Oliva á fronte. Recunca ademais a formación localista Unión Coruñesa nuns comicios nos que tamén están presentes o PACMA e a Alternativa dos Veciños.

Ferrol

O electorado do que adoita ser un dos concellos máis plurais do país en canto a opcións políticas terá nesta ocasión 10 forzas para elixir. Para procurar repetir a súa inédita maioría absoluta o popular José Manuel Rey terá que facer fronte a un amplo abano de forzas que na súa maioría competirán pola veciñanza que se inclina cara á esquerda. O PSdeG ten como cartel electoral a deputada Beatriz Sestayo, vencedora nas primarias do partido, e o BNG a quen xa é o seu voceiro, Iván Rivas. 

Chegan por primeira vez ás eleccións ferrolás dúas formacións de nova creación: Ferrol en Común, con Jorge Suárez, e a Marea Ártabra, encabezada por Chema Hernández. Sen o concurso, nesta ocasión, de Independentes por Ferrol -o seu líder, Juan Fernández, regresou ao PP-, a veciñanza que procure opcións na dereita alén do PP ten tamén dispoñible a Ciudadanos e aos ultradereitistas Vox. O taboleiro de Ferrol complétase con UPyD, os Comunistas da Galiza-PCPE, e mais Converxencia Galega, formación herdeira de Terra Galega.

Santiago

Compostela foi, durante o mandato municipal que remata, un dos concellos máis convulsos do país e será tamén o que suscite máis atención tras os comicios, toda vez que o seu resultado será dos que, a priori, terá maior repercusión no panorama político do país. A capital é, con Pontevedra, a cidade con menor número de candidaturas e nas súas eleccións só recunca un candidato que xa participou en 2011, o alcaldable do BNG, Rubén Cela

Pola banda do PP a aposta é quen hai catro anos pechou a lista, o actual rexedor, Agustín Hernández. O PSdeG, partido que máis anos gobernou no Pazo de Raxoi, ten á súa fronte a Francisco Reyes, gañador das primarias. Ao tradicional esquema a tres do Concello únese Compostela Aberta, con Martiño Noriega como candidato á alcaldía. Ademais, en Santiago concorre tamén Compromiso por Galicia, con Xosé Antón López, e asemade, un vello coñecido pola banda popular que agora acode baixo as siglas de Ciudadanos, Javier Sánchez-Agustino. Aínda que sen ningún tipo de anuncio previo tamén estarán nas urnas os liberais de Converxencia XXI e o partido cristián SAIN.

Lugo

Lugo é, xunto a Pontevedra, a cidade co alcalde máis veterano do país. O socialista Xosé López Orozco preséntase por quinta vez aos comicios e aspira á reelección por cuarta vez nun Concello que preside dende 1999. O PP tentará desbancar a Orozco por segunda vez con Jaime Castiñeira, mentres que o BNG renova e rexuvenece o seu cartel electoral co arquitecto e atleta Rubén Arroxo. Pola banda das plataformas cidadás en Lugo está Santiago Fernández Rocha, de Lugo Novo, mentres que o que durante anos foi cabeza visible de Esquerda Unida na cidade, Carlos Portomeñe, se presenta desta volta baixo as siglas de Alternativa Cidadá de Esquerdas.

No taboleiro electoral lucense está tamén presente outra das plataformas que veñen traballando durante os últimos meses, o Foro Lugo Independente, así como dous partidos con escasa visibilidade no municipio: Ciudadanos e a formación animalista PACMA. Concorrerá, asemade, a formación denominada Unión Popular Democrática.

Ourense

A cidade que, xunto con Santiago, máis titulares protagonizou durante o presente mandato municipal terá nos comicios un taboleiro electoral practicamente inédito. Polo PSdeG, que actualmente goberna en minoría, está á fronte José Ángel Vázquez Barquero, que actualmente xa é concelleiro. O PP presenta nesta ocasión unha aposta persoal do presidente da Xunta aceptada pola dirección baltarista, o ex conselleiro Jesús Vázquez, e o BNG renova a súa candidata situando neste caso no número un a Susana García. As candidaturas dos actuais grupos municipais complétanse co de Democracia Ourensana, na que repite Gonzalo Jácome.

Pola banda das forzas que inicialmente ían confluír en Ourense en Común preséntanse, finalmente, tres listas. Pola plataforma orixinaria aspirará á alcaldía o ex dirixente veciñal Miguel Doval, mentres que en Anova o cartel electoral é para Lito Prado e en Compromiso por Galicia, para o histórico Xosé Mosquera. En Ourense tamén formaron lista UPyD, PACMA, Coalición Galega e o Movimiento RED, a formación encabezada no Estado polo ex xuíz Elpidio Silva.

Pontevedra

Como en Lugo, as opcións para o electorado pontevedrés no 24-M serán oito. O BNG, que lidera o goberno municipal, aposta por ampliar a súa maioría de goberno contando de novo con quen é alcalde dende 1999, Miguel Anxo Fernández Lores, único candidato que recunca. O PP aposta nesta ocasión polo deputado Jacobo Moreira e o PSdeG, por Tino Fernández.

A debutante Marea Pontevedra compite no panorama electoral cunha lista que encabeza o escritor Luís Rei. No municipio pontevedrés hai tamén papeleta de Compromiso por Galicia, con Pilar Dopazo, e tamén da formación Todos por Pontevedra, liderada por quen ata hai poucos meses era concelleira do PP María Biempica. Ademais destes partidos concorren tamén Ciudadanos e UPyD.

Vigo

A cidade máis poboada do país é tamén a que ten un panorama electoral máis diverso, cun total de 17 candidaturas municipais nas que entre as persoas candidatas á alcaldía o único que non debuta é o actual rexedor, Abel Caballero. Como acontece en Ourense o PP tamén ten á fronte unha enviada de Feijóo, a ex conselleira Elena Muñoz, mentres que o BNG apostou polo histórico sindicalista da CIG Serafín Otero

En Vigo conformouse tamén unha plataforma electoral coa denominación de 'marea', a Marea de Vigo, que lidera Rubén Pérez. No caso desta cidade Compromiso por Galicia concorre en solitario e faino con quen xa fora concelleiro socialista, Miguel Barros. Ante o electorado preséntase tamén un clásico da esquerda viguesa, Lois Pérez Leira, agora con Gañemos Vigo, así como o controvertido líder xitano Sinaí Giménez, que tras aproximarse ao partido de Mario Conde nas pasadas autonómicas concorre agora con Iniciativa Independiente. Ciudadanos, UPyD, a coalición de Equo e Piratas ou o Movimiento RED están tamén presente nuns comicios no que tamén participan ata seis formacións máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.