Persoeiros históricos e vermú para a precampaña compostelá

Cela, cos 'persoeiros' e membros da candidatura, na Praza da Quintana CC-BY-SA Praza Pública

Restan apenas dúas semanas para que a campaña electoral das municipais comece oficialmente, pero as forzas políticas teñen practicamente todas as súas estratexias a funcionar. Dado que ata o 8 de maio non é posible pedir o voto non son poucas as formacións que optan por actos que foxen do mitin clásico e exploran novas vías tanto para achegarse á veciñanza como para que as súas mensaxes teñan o maior percorrido posible nos medios e nas redes sociais. Este é o caso de dous dos actos da precampaña en Santiago, o celebrado polo BNG este mércores e o que prepara Compostela Aberta para o vindeiro sábado.

No caso do Bloque o organizado foi unha reformulación dos seus "cafés para cinco", encontros de pequeno formato no que o candidato á alcaldía, Rubén Cela, e outros membros da lista comparten un anaco con representantes de diversos colectivos sociais. Desta volta as persoas participantes no café non foron membros de asociacións da cidade, senón cinco "persoeiros históricos" representadas por persoas achegadas ao Bloque ás que os membros da lista lles explicaron as súas propostas en materias como lingua e cultura, turismo ou transparencia.

O BNG compostelán explicoulles as súas propostas a Rosalía de Castro, As Marías ou o arcebispo Xelmírez

Así, polas rúas do centro da capital foi posible ver a Rubén Cela a pasear de ganchete con Rosalía de Castro, ao carón das míticas Marías, Maruxa e Coralia, e departindo co arcebispo Diego Xelmírez e o histórico alcalde galeguista Ánxel Casal. Tras o paseo foi a quenda do café na Quintana de Vivos. Alí, en torno á mesa, Rosalía de Castro interesouse pola promoción da lingua propia, á que ve necesitada dun novo "rexurdimento", Casal informouse sobre a proposta do Bloque para realizar plenos abertos e orzamentos participativos e Xelmírez soubo que a candidatura aposta por promover que a Igrexa teña que pagar o IBI. As Marías, pola súa banda, tiveron cumprida explicación da parte do programa referida á loita contra a exclusión social e á creación de emprego.

"Sesión vermú" preelectoral

Pouco despois do histórico café do Bloque presentábase outro acto político pouco común, a "sesión vermú" coa que Compostela Aberta presentará oficialmente toda a súa candidatura e, asemade, amosará tamén o seu "local social", que permanecerá aberto durante o período electoral na céntrica Praza do Toural, nas instalacións dos antigos 'Almacenes Olmedo'. O humorista Carlos Meixide, o espectáculo d'As fillas bravas de Chévere ou a música de dous dos membros do grupo Ataque escampe serán os ingredientes dunha presentación na que co aspirante á alcaldía, Martiño Noriega, estarán tamén algunhas das persoas que se veñen de incorporar ao segundo treito da candidatura, na que a asemblea de CA incluíu, entre outras persoas, á actriz Comba Campoy ou ao empresario das artes gráficas Víctor Ferreira, concelleiro de Educación no primeiro goberno municipal do socialista Xerardo Estévez.

A actriz Comba Campoy e o ex edil Víctor Ferreira incorporáronse á lista de Compostela Aberta

Ese acto, di Noriega, será unha máis das iniciativas de Compostela Aberta encamiñadas a detallar as súas propostas e tamén, dende o "sorriso", a tentar frear o exercicio de "desmemoria" que, acusa, está tentando desenvolver o actual alcalde e candidato á reelección, Agustín Hernández. Os conservadores, censura, actúan "como se non pasase nada" durante os gobernos de Gerardo Conde Roa e Ángel Currás e asemade, nas últimas semanas, están a facer un "uso partidario" da institución municipal presentando obras e actuacións que, advirte, nalgúns casos comprometen fondos que terá que xestionar o vindeiro goberno. Campoy e Ferreira, pola súa banda, atribúen á "ilusión" a súa incorporación a unha candidatura que, di o ex edil, chega nun momento "óptimo e único para afastar a reacción do Concello de Santiago".

Noriega, con Comba Campoy e Víctor Ferreira, presentando o acto do sábado CC-BY-SA Compostela Aberta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.