A Marea Atlántica lanza un plan cultural para acabar coa "cultura da Pokémon"

Ferreiro, durante o acto da Marea Cultura CC-BY-SA Marea Atlántica

Un plan cultural para pórlle fin á "cultura da Pokémon" e potenciar "unha cultura forte e brava, como son os veciños e veciñas da Coruña". Esta é, en verbas de Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía coruñesa, a filosofía que inspira o proxecto desta plataforma en materia cidadá. No emblemático espazo dos xardíns de Méndez Núñez a candidatura celebrou a súa 'Marea Cultura', na que debullou as que, din, deberan ser as liñas mestras dun "cambio na política cultural da Concello" que "faga agromar a potencialidade dunha cidade que sempre foi vangarda, pero cuxos sectores máis creativos non contan con impulso ou colaboración efectiva" por parte do actual Goberno.

Para o gabinete de Carlos Negreira, acusa Ferreiro, política cultural equivale a "oportunidade para enchufar". Non en van, subliña, a Concellaría de Cultura "foi das máis utilizadas para construír unha trama de favores e enchufismo", segundo se tira das investigacións en marcha. "O PP -di o cabeza de cartel da Marea- prefire deixar a Culura da cidade nas mans de empresa como Eulen, onde ten un importante papel a irmá do presidente da Xunta".

Ferreiro subliña a proposta de crear un Laboratorio Cultural e de "alimentar a Rede de Bibliotecas e Museos que Negreira está deixando esmorecer ou privatizando"

Fonte a este modelo, di, a Marea proponse impulsar dende María Pita "un Laboratorio Cultural" e unha aposta por "vincular o Concello coa Universidade, por alimentar unha Rede de Bibliotecas Públicas e Museos que o goberno do señor Negreira está deixando esmorecer ou privatizando, afastando o persoal municipal malia á súa cualificación e malia ao agarimo que poñen no seu labor". Trátase, subliña, de "deixarse de fastos ou contedores baleiros" e "apostar polos creadores e creadoras da Coruña".

Ao carón da estatua de Curros Enríquez, á que se referiron varias das persoas que interviñeron no acto, Xulio Ferreiro afirma que a candidatura que lidera conta cun "serio programa para outra política cultural" que "se afasta do vello modelo de compra de ontades" para "abrir un ciclo distinto". "O cambio político significa tamén cambio cultural", di. Neste sentido, o número cinco da candidatura e un dos responsables do programa cultural da Marea, José Manuel Sande, asegura que coa Marea se deixará de "pensar na cultura en termos pasivos". "A cultura nunca é unha e grande, pero sempre é libre", resaltou a escritora Estíbaliz Espinosa, integrada no treito final da candidatura.

Ferreiro, durante o acto da Marea Cultura CC-BY-SA Marea Atlántica

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.