Feijóo desdeña as demais forzas mentres as enquisas auguran a fin das súas maiorías absolutas

Feijóo, este domingo no acto do PP en Santiago CC-BY-SA PPdeG

Domingo de enquisas en Galicia. Nomeadamente, domingo no que foron difundidos os inquéritos da única empresa de comunicación do país que, alén da CRTVG, dispón de recursos dabondo para realizar un estudo demoscópico que abranga as sete cidades e 14 localidades máis. As sondaxes de Sondaxe e mais a publicada polo xornal La Región para Ourense deron lugar ao longo da xornada a todo tipo de interpretacións e conclusións, varias por cada forza interesada. Unha das máis estendidas é a proliferación de escenarios plurais, onde todo o apunta a que múltiples gobernos urbanos terán que sustentarse en pactos, especialmente tendo en conta que as maiorías absolutas do PP están en serio risco de desaparecer. Neste panorama o líder dos conservadores, Alberto Núñez Feijóo, deu en desdeñar o resto de forzas.

Tras un sábado no que practicamente todas as forzas da esquerda realizaron actos coa vista posta no 24-M os populares galegos citáronse nun hotel compostelán para presentar o seu programa marco das municipais, que se suma ao programa marco xa presentado pola dirección estatal do PP. Feijóo presenta este documento como un novo "listón" para as "reclamacións da xente" que, promete, vai ter "fío directo" cos representantes locais do PP "24 horas e 365 días ao ano". Para poder aplicar o programa dende os concellos Feijóo asegura que "o apoio o buscaremos na rúa e non nas sedes doutros partidos" porque "a alcaldesa ou alcalde que apoiarán os nosos concelleiros é a persoa que encabeza a nosa lista", mantén.

Feijóo proclama que o PP non é "só un partido", senón "un movemento social" e "o partido do pobo"

Malia ao cambiante panorama político e tamén malia ás enquisas que semellan abocar o PP ao diálogo para poder gobernar en varias localidades o presidente da Xunta mantén practicamente intacto o guión doutras convocatorias electorais. "Ante os únicos que temos que responder é ante a xente", xa que "ninguén discute que o PP gañará as eleccións". Isto sucede porque no PP "non somos só un partido político". "Nós somo sun movemento social, somos un movemento de veciñanza". E, aínda máis, "somos o pobo que interpreta o que o pobo nos pide nas urnas porque somos o partido do pobo", proclama.

Reaccións

No entanto, nas outras dúas forzas políticas que celebraron este domingo actos coa vista posta no 24 de maio si se resalta a eventual perda de maiorías absolutas por parte do PP. Na banda socialista, na que a mellor nova é un posible reforzamento do goberno en Vigo e a posibilidade de manter o Concello e a Deputación de Lugo, o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, coida que "as maiorías absolutas tornaron en minoría". O PP, augura, "vai ser o único que non teña ningunha maioría absoluta nas grandes cidades e iso responde ao que fixo" neste anos, "defraudar as expectativas a todos os niveis", asegurou durante unha visita preelectoral a Ordes.

Dende Carral, onde asistiu a un acto na memoria dos Mártires desa vila, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, pon o foco en que, á luz das enquisas, o PP "non tería capacidade para gobernar ningunha cidade en solitario", o que "reflicte o castigo da cidadanía ás políticas e á corrupción do PP". Mentres, destaca, "onde goberna o BNG o que vemos é un reforzamento da maioría do BNG", porque "se apoia unha xestión honesta", di, en referencia ás posibles maiorías absolutas que as enquisas lle adxudican en Pontevedra e Carballo.

Tamén algunhas das plataformas municipais que concorren ás eleccións valoraron as enquisas, fundamentalmente a través das redes sociais. Así, por exemplo, Compostela Aberta, sinalou que "ao cociñeiro" da enquisa "fóiselle a man botándolle ingrediente PP". "Este prato non se traga e sábeno", ironizan. Dende Ferrol en Común amosáronse satisfeitos por iniciar o treito final da precampaña cun inquérito que os sitúa como "segunda forza política en intención de voto". "Imos trocar a política cidade de arriba a abaixo", prognostican.

Feijóo, este domingo no acto do PP en Santiago CC-BY-SA PPdeG
Besteiro, en Ordes CC-BY-NC-SA PSdeG
Vence, en Carral CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.