O PP galego proclámase "limpo" de corrupción

Feijóo conversa con Puy durante un pleno do Parlamento © Xoán Crespo

"Un grupo que está limpo ofrécelles a posibilidade de establecer mecanismos que reforcen as institucións de autogoberno e contribúan a previr a corrupción". Quen fala é Pedro Puy, voceiro do PP no Parlamento de Galicia. A menos dun mes para as eleccións municipais do 24-M os populares galegos iniciaron no Parlamento o trámite da última lei do paquete de medidas presentadas polo presidente da Xunta como "de impulso democrático" e que, segundo anunciou Alberto Núñez Feijóo o 27 de xaneiro, ían estar aprobadas "en 50 días". Alén do obvio incumprimento do prazo prometido os conservadores lanzan agora unha lei para reformar o Consello de Contas e dotalo de competencias para a "prevención" da corrupción, pero non de máis persoal ou medios.

Dende a proclamación desa "limpeza" o propio Puy, como antes fixera Feijóo, insta o resto de grupos a sumarse á iniciativa conservadora porque a corrupción, asegura, non afecta a ningún partido máis que ao resto, senón que é unha "condición propia do ser humano, con independencia da súa ideoloxía", e por iso o PP propón actual "institucionalmente". Para facelo impulsa unha norma que amplía as competencias do Consello de Contas para, por exemplo, controlar as finanzas dos partidos políticos alén dos procesos electorais ou permitir que a ciddanía presente denuncias sobre presuntas prácticas corruptas, que se tramitarán se teñen "verosimilitude".

Mentres os populares instan a oposición a sumarse ao seu plan e demostrar aquí que están "á altura que esixe o combate contra a corrupción pública" a verba máis repetida dende o resto de grupos é "propaganda". "Sacan da chisteira propostas baleiras para facer crer que van loitar contra a corrupción", pero "só buscan o golpe de efecto, o titular do xornal", critica Francisco Jorquera dende o BNG, quen non cre posible que os populares galegos asuman este tipo de compromisos mentres "seguen mirando cara a outro lado ante o presunto financiamento ilegal durante décadas do seu partido".

PSdeG, AGE e BNG ven na lei unha  manobra "propagandística" en plena precampaña e o PP acúsaos de "votar en contra de que en Galicia haxa alguén que preveña a corrupción"

"Un fin estético" é tamén o que percibe Ramón Vázquez en representación de AGE. "Había présa" para presentar "en plena precampaña" unha lei que, ademais de "non mellorar a acción contra a corrupción", contén "un cúmulo de contradicións" e "pide máis funcións" para o ente fiscalizador "con menos medios", toda vez que perdeu persoal nos últimos anos. "Déixense de estética e apliquen o bisturí, rompan coa corrupción estrutural que asola os seu partido", esixe.

Neste contexto, os populares tampouco contarán cun dos apoios que máis buscaron neste ámbito: o do PSdeG. Para o voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, a lei presentada por Puy vén sendo a materialización da busca dunha "vítima propiciatoria" que lle permita a Feijóo e o seu equipo poderen vestir "o manto de púrpura" e quedaren "investidos" como "novos loitadores contra a corrupción". "Tanto ten -censura- que con este texto non se puidese ter detectado ningún dos escándalos recentes", menos aínda se o Consello de Contas segue "ferreamente controlado polo Goberno" e dirixido por quen era "secretario xeral do PP cando [Pablo] Crespo organizaba a fraude" investigada na trama Gürtel, en referencia a Jesús Palmou, actual conselleiro maior interino.

 

Dadas as posicións, e a interpretación da norma como un movemento "propagandístico" os populares terán que seguir en solitario co seu proxecto, que previsiblemente sairá adiante sen máis votos a favor que os dos autores da iniciativa. Segundo Puy, esta negativa implica que PSdeG, AGE e BNG queden "en evidencia": "Do que votan en contra é de que en Galicia haxa alguén que preveña a corrupción", afirma.

Feijóo conversa con Puy durante un pleno do Parlamento © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.