O PSdeG-PSOE denuncia que a TVG censurou a Gómez Besteiro

José Ramón Gómez Besteiro © PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE denuncia que a dirección dos servizos informativos da TVG censurou as palabras do secretario xeral do partido, José Ramón Gómez Besteiro. Sinalan que "malia que o ente público foi convocado formalmente e tomou declaracións do líder dos socialistas galegos sobre a situación económica e laboral en Galicia" durante a manifestación sindical do 1º de maio, a cadea "non só omitiu estas declaracións, senón que ni sequera mencionou a súa presenza nin emitiu imaxes da mesma na manifestación celebrada hoxe, ao contrario que fixo por exemplo no caso dos líderes do BNG ou de Martiño Noriega".

O partido agradece "o traballo dos empregados do ente público, que grabaron tanto as declaracións como as imaxes da participación do líder socialista" e considera que a súa non emisión se trata "dunha decisión que corresponde á dirección do ente público". "Lamentamos que sexa unha constante no tratamento informativo referente ao PSdeG-PSOE e, en concreto, ao seu líder, José Ramón Gómez Besteiro, unha situación intolerable por canto se trata dun medio de comunicación público financiado con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma", destacan.

Os socialistas sinalan que a televisión pública omitiu as declaracións gravadas ao secretario xeral do partido na manifestación sindical polo 1º de maio e que "nin sequera mencionou a súa presenza"

Ao comezo da manifestación convocada na Coruña por UGT e CCOO, o secretario xeral do PSdeG-PSOE destacou que as políticas do PP e de Feijóo provocan “máis desigualdade e máis familias pobres" e apuntou que “nunca ninguén fixo tanto para deixar con menos a tódolos galegos e galegas” como o PP e Feijóo “dende a súa incompetencia”.

O líder dos socialistas galegos afirmou que o PP e Feijóo están a aplicar políticas laborais “mais duras” para provocar deliberadamente “unha sociedade mais desigual e mais inxusta” e lembrou “frases míticas” do presidente galego, "como cando protestaba por non ter apenas competencias para loitar contra o desemprego" ou outras afirmacións de Feijóo “declarándose incompetente na loita contra o paro”, emitidas “dende a irresponsabilidade que o levou a afirmar que en 45 días remataría co desemprego, ou mesmo chegando a discutir a calidade obxectiva da Enquisa de Poboación Activa”.

José Ramón Gómez Besteiro © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.