"A cidadanía debe escarmentar o PP nas municipais e sentar as bases para derrotalo en 2016"

Vence, durante a entrevista con Praza na sede nacional do BNG CC-BY-SA Praza Pública

A escasos días para o comezo oficial da campaña electoral municipal Xavier Vence leva xa moitos quilómetros nas costas. Na súa primeira gran cita electoral como portavoz nacional do BNG asegura estar gratamente sorprendido pola "ilusión" que está a atopar nas bases da organización, especialmente alén das cidades, e observa a cita do 24-M como o primeiro chanzo dunha carreira de fondo. Dende o liderado dun Bloque ao que, di, está a chegar "savia nova", advirte de que "as condicións para derrotar o PP nas autonómicas de 2016 empézanse a sentar coas municipais de maio, por iso son especialmente importantes".

Levan desenvolvido xa un bo número de actos de precampaña. Como está a atopar o ánimo do BNG cara á campaña en si mesma?
A impresión que teño é moi positiva. Na maior parte dos lugares vexo unha grande expectativa, mobilización da base social do BNG e ilusión. Para min ten mesmo un aspecto de sorpresa positiva. O ambiente e o interese polas municipais, iso si, vexo que é moito maior nas vilas que nas cidades, malia ao discurso que circula sobre a paixón pola participación nos ámbitos urbanos. Vexo que hai máis mobilización da xente neses outros ámbitos intermedios.

O BNG encara esta campaña dun xeito diferente, dende o proceso de asembleas abertas ata a nivel estético ou a formación dos “formigueiros”.  De onde xorde esta vontade de imprimir un xiro ao xeito de presentarse ante a cidadanía?
No BNG somos conscientes de que estamos vivindo un período político extraordinario. A crise económica e social trasladouse tamén a unha crise política, tanto institucional como á forma de facer política e de comunicarse. Crimos que era moi importante romper certas rutinas na forma de conformar os programas e as candidaturas, e apostamos por fórmulas novidosas e ademais, exitosas, como foron as asembleas abertas. Foi unha apertura á base social do nacionalismo e da esquerda sen poñer límites, a todas as persoas que querían participar nun proceso de transformación do país e dos concellos. Serviu para que moitísima xente se achegase con confianza ao BNG e que moita dela acabase incorporándose ás candidaturas; ao redor do 60% dos membros das candidaturas son persoas non militantes. Ademais permitiu que se achegase moita xente nova, o cal permite facer algo que o BNG tiña moita necesidade de facer, unha renovación xeracional das candidaturas. De feito, un 30% das candidatas e candidatos ten menos de 35 anos. 

"Fixemos un esforzo de creatividade, de posta ao día e da necesidade de dialogar coa base social dun xeito diferente"

Ese esforzo de poñer en marcha novas ferramentas, tamén de usar en maior medida as redes sociais, de cambiar tamén un chisco a imaxe do BNG cara ás eleccións, de poñer en marcha novas ferramentas para fomentar a colaboración de xente que non é militante... Todo forma parte do esforzo de creatividade, de aggiornamento, de posta ao día e asunción da necesidade de dialogar coa base social do nacionalismo dun xeito diferente.

Neste proceso enmárcase tamén o acto que celebraron o pasado 25 de abril en Pontevedra. Semella que tivo un aquel de catarse, de liberarse de certo pesimismo?
Obviamente, todos os actos sociais e políticos que permiten ver a mobilización de moita xente ao redor do proxecto serven para poñer en común ideas e ilusións, pero tamén para cargar as baterías á xente que está traballando. De feito, os comentarios de moitos compañeiros e compañeiras polo país adiante nos días posteriores foron moi positivos, din que lles serviu para afrontar a campaña electoral con máis enerxía, porque se ve que hai un proxecto e hai ilusión.

Nese acto sinalouse Pontevedra como referente de goberno urbano e Allariz, no rural. Neste sentido, as poucas enquisas que hai indican que ao Bloque lle pode ir ben onde goberna e, no entanto, que pode ter máis dificultades onde é oposición. Como o analizan?

"Onde gobernamos vai haber un reforzamento das maiorías; no ámbito urbano, alén de Pontevedra, hai un panorama con máis incertezas"

O que estamos observando, alén do que digan os inquéritos, é que onde está gobernando o BNG hai un amplo apoio da cidadanía ao proxecto do BNG. As nosas expectativas son que, onde levamos uns anos á fronte das alcaldías, imos ter non só unha revalidación, senón un reforzamento das maiorías. Onde podemos demostrar o que se pode facer dende un concello gobernado polo nacionalismo, a xente acaba encantada e está envorcada co BNG e o arroupe social na presentación de candidaturas é impresionante. Noutros sitios a situación varía. Nalgúns concellos estamos vendo que ese traballo feito non só no concello, senón no tecido social, vai dar lugar a froitos en termos de reforzamento das posicións do BNG. E hai outros sitios onde a situación é máis complicada. Nalgunhas das cidades a situación é máis delicada. Polo proceso de fragmentación que se viviu ao longo destes anos no nacionalismo e na esquerda, que pasa factura, e pola penetración do discurso de proxectos estatais emerxentes, con gran promoción mediática, que nos ámbitos urbanos é onde atopan máis predicamento. Todo iso fai que no ámbito urbano, deixando claramente de lado o caso de Pontevedra, haxa un panorama con máis incertezas. Deixando claro tamén que, de aquí ao 24 de maio, nesa situación de balbordo de proxectos eu creo que acabará habendo un proceso de selección. Posiblemente o panorama sexa máis definido e as forzas que, como o BNG, representan un proxecto claro, crible e con experiencia, van ter un premio.

Pensa que algunhas das candidaturas ás que se refería, as coñecidas como mareas, poden beber da base electoral tradicional do BNG?
Moitas destas candidaturas, que están promovidas fundamentalmente por IU, Anova e grupiños máis pequenos, obviamente van tratar de chegar a un electorado que noutras circunstancais posiblemente ollase fundamentalmente cara ao BNG. Está claro que esas candidaturas, dalgún xeito, fragmentan o espazo electoral do nacionalismo de esquerda. Posiblemente algunhas delas non teñan capacidade de penetrar especialmente no electorado do BNG, na medida en que son moi identificables con Esquerda Unida e o seu nicho de votos poida estar, se cadra, máis no electorado do PSOE. En todo caso, está claro que hai unha parte delas que poden, dalgún xeito, entrar a fragmentar o que no pasado era o electorado central do BNG.

Se dende o BNG non se analizan estes movementos como un todo, cre que pode haber entendemento con algún deles se o 24-M debuxa un panorama sen maiorías absolutas? Hai moitas olladas postas, por exemplo, na Coruña e Santiago...

"Na medida en que o PP é o principal inimigo dos intereses colectivos deste país apostamos por construír alternativas onde sexa posible"

Nós afrontamos as eleccións para explicar un programa nacionalista e de esquerdas, dunha alternativa para todo o país. Tentamos que o 24 de maio este proxecto de transformación dos concellos e dunha xestión ao servizo da cidadanía teña o máximo apoio. O segundo vector que nos preocupa é que sexamos capaces de derrotar o PP no maior número posible de concellos; o PP é o principal inimigo deste país tanto polas súas políticas radicalmente neoliberais, que destrúen o noso tecido produtivo e as nosas conquistas sociais, como pola recentralización rabiosa na que está empeñado. Na medida en que o PP é o principal inimigo dos intereses colectivos deste país nós apostamos por construír alternativas onde sexa posible. Obviamente, terá que ser en torno a proxectos onde haxa unha coincidencia nos criterios básicos, aposta por unha xestión honesta, pola dinamización do territorio, pola defensa da identidade colectiva como país... Veremos que persoas, que plataformas e que partidos obteñen representación; nós estamos abertos a dialogar con todas as que poidamos compartir uns criterios básicos.

No polo oposto das cidades están os concellos máis pequenos. Vostedes denunciaron dificultades para conformar candidaturas por mor da presión do PP, pero o PP di que iso é “vitimismo”...
É obvio e todo o mundo recoñece. A xente que coñece o mundo rural, e non só o mundo rural, sabe que hai moitas presións do PP e dos círculos próximos ao PP, en moitos casos empresariais, que ameazan a xente para frear a súa participación activa en política como candidatos nas eleccións municipais. Temos innumerables casos por todo o país. Na provincia de Ourense a moreas, pero nas outras, tamén. Esa presión é particularmente sensible neste momento pola situación de precariedade na que moita xente se atopa á hora de buscar emprego. Moita xente depende das posibilidades de emprego que ofrecen as administracións ou de empresas que traballan para elas, e iso é un factor que condiciona e limita as marxes de liberdade real. O problema é que o PP fai un uso absolutamente indecente e antidemocrático desa situación de necesidade na que viven moitas familias, particularmente nos ámbitos rurais, para impedir que se sumen a candidaturas alternativas.

"O PP fai un uso indecente e antidemocrático das necesidades de moitas familias para impedir que se sumen a candidaturas"

Estas eleccións son o primeiro chanzo dun longo ciclo electoral. Como poden influír os resultados do 24 de maio cara ás xerais e as galegas?
Unhas municipais celebradas nun contexto dunha crise social e política tan importante deberían servir non só para avaliar a xestión municipal, senón para responder a unhas políticas xerais do PP que son devastadoras. Nas eleccións de maio nós cremos que se debe avaliar a xestión municipal, pero tamén os proxectos políticos no seu conxunto. E a cidadanía deberíalle dar un escarmento ao PP por levar facendo unhas políticas que, ademais de ser unha traizón a Galiza e á maioría da poboación, son un flagrante incumprimento do seu programa electoral. Tamén creo que estas municipais marcan o inicio dun ciclo electoral no que, previsiblemente, haberá unha recomposición importante do mapa político e partidario. Para Galiza e para o BNG deberían significar poder afrontar as xerais e autonómicas cun proxecto consolidado en todo o país que permita que Galiza acade unha boa representación no Congreso dos Deputados, que permita manter a reivindicación dos intereses estratéxicos de Galiza en primeiro plano, que permita manter a Galiza como nación nunha renegociación do mapa institucional español á par de Catalunya e Euskadi. E deberían servir tamén para sentar as bases dun proxecto que lle dispute ao PP as autonómicas de 2016; é unha necesidade urxente derrotar este PP.

Sería desexable unha concentración de forzas na esquerda e no nacionalismo cara a eses procesos?

"O BNG ten claro que cómpre reforzar o polo nacionalista e de esquerdas e sempre está aberto a sumar"

Dos resultados de maio cadaquén terá que tirar as súas conclusións. Nós agardamos que o proxecto nacionalista se consolide e saia reforzado e, a partir de aí, nós imos traballar por alargar a base do proxecto nacionalista para poder manter unha representación potente de Galiza como nación no Congreso e afrontar as autonómicas coa fortaleza suficiente para liderar a derrota do PP. Temos que avaliar a mensaxe da cidadanía o 24 de maio, pero dende o BNG temos claro que cómpre reforzar o polo nacionalista e de esquerdas en Galiza para podermos seguir mantendo con forza a aspiración a que Galiza sexa recoñecida como nación e deamos pasos cara a conquistas de maiores cotas de autogoberno no horizonte da soberanía. Sempre hai que estar dispostos a sumar e somos moi conscientes de que ese proceso de suma depende da vontade de todos. Dende logo, o BNG sempre está aberto a seguir sumando.

Vence, nun intre da entrevista CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.