Lugo retira as honras ao ditador Franco malia o voto en contra do PP

Xosé López Orozco, alcalde de Lugo © Concello de Lugo

O ditador Francisco Franco xa non ten as honras do Concello de Lugo. Deixa de ser alcalde honorario perpetuo da cidade máis de 60 anos despois do seu nomeamento e malia o voto en contra do grupo municipal do PP a esta decisión. Foi no pleno celebrado este luns onde se acordou a retirada destas homenaxes e para o que se precisou o voto de calidade do alcalde, Xosé López Orozco, ante a ausencia por unha lesión da concelleira do BNG Cristina Ferreiro. 

Franco deixa de ser alcalde honorario perpetuo logo de máis de 60 anos

Foi un polémico pleno, no que o Bloque tamén amosou a súa contrariedade co feito de que o rexedor socialista reivindicase a figura de Fraga e tras o que o PP quixo matizar que o seu voto en contra era só contra a retirada da medalla de ouro da cidade a Antonio Pedrosa Latas, que fora gobernador civil durante a ditadura. 

Non obstante, o pleno municipal acordou tamén retirar as medallas de ouro a outras persoas vinculadas ao réxime fascista e contou tamén co rexeitamento dos doce concelleiros populares, e o cambio de nome de sete rúas, que agora estarán dedicadas a figuras como Isaac Díaz Pardo ou Adolfo Suárez. Fora retirada antes a proposta para nomear algunha vía co nome de Manuel Fraga, unha intención que a Paz Abraira, voceira nacionalista, pareceulle unha "covardía" por parte de Orozco, que non dubidou en defender o ex presidente da Xunta. "Un dos pais que me deu liberdade, dereito ao voto, dereito á libre expresión, dereito á libre reunión e que lle deu a este país a posibilidade de vivir na autonomiía de Galicia foi o presidente Fraga, que foi elixido polo conxunto dos galegos en catro ocasións en maioría absoluta. Nunca o votei, pero creo que as persoas teñen dereito a cambiar e a traballar a favor da democracia", dixo.  

Orozco considera a Fraga "un dos pais" que lle deu "liberdade, dereito a voto, libre expresión ou autonomía a Galicia"

Ademais, Orozco aclarou que non todo o grupo socialista estaba de acordo con darlle unha rúa a Fraga, mentres que o portavoz popular, Jaime Castiñeira, que pediu que non se faga "revisionismo" e asegurou que moitos veciños poden estar molesto ao retirarse nomes de rúas que si cumpren coa Lei da Memoria Histórica. "Están afeitos a que se lles chame así e o único que se fai é meterlles gastos innecesarios", di. 

Casa do Concello de Lugo © Google
Xosé López Orozco, alcalde de Lugo © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.