O PP recupera a defensa da piscifactoría ilegal de Pescanova en Touriñán

Faro de cabo Touriñán CC-BY-SA Praza Pública

O 28 de xullo de 2005, cando restaban cinco días para que Emilio Pérez Touriño tomase posesión como presidente da Xunta, o Goberno en funcións presidido por Manuel Fraga e vicepresidido por Alberto Núñez Feijóo culminou os trámites para autorizar a construción da piscifactoría dunha filial de Pescanova no espazo protexido de cabo Touriñán. Case dez anos despois, o pasado febreiro, aquel proxecto remataba o seu periplo xudicial no Tribunal Supremo, que ratificaba que a luz verde daquel Goberno fora "nula de pleno dereito" e que o Executivo bipartito actuara legalmente cando a anulou. Este mércores, ás portas das eleccións municipais, os populares galegos retomaron a súa cruzada a prol daquel proxecto.

Aínda que, na liña do que xa expresara o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Supremo certificou que a factoría de peixes planos autorizada por Fraga "en modo algún era conforme á legalidade urbanística" -o urbanismo dependía daquela da Consellería que xestionaba Feijóo-, os populares botan man agora do millón de euros que a Xunta foi condenada a pagarlle á empresa por autorizar e logo impedir o proxecto. Fixérono en forma dunha pregunta á conselleira do Mar, Rosa Quintana, que tornou en duros ataques contra o gabinete de PSdeG e BNG.

A piscifactoría foi autorizada polo Goberno de Fraga en funcións con trámites "nulos de pleno dereito", segundo a sentenza

Como na década pasada o encargado de defender a piscifactoría foi o deputado José Manuel Balseiro. Malia á falsidade das contas da multinacional que a puxeron ao bordo da quebra o parlamentario láiase de que aquela prohibición do bipartito "supuxo a perda do investimento". O Goberno de socialistas e nacionalistas "expulsou as empresas" que "foron crear postos de traballo en Portugal, crear riqueza en Portugal", enfatiza, obviando que a piscifactoría da localidade portuguesa de Mira, que Pescanova construíu en substitución da de Touriñán, atravesa por graves dificultades económicas e sobrevive grazas a un acordo transitorio coa banca mentres aparece algún comprador que se queira facer cargo dela.

O PP teima en que o país perdeu "riqueza" coa anulación da factoría, aínda que a súa substituta en Portugal está agora ao bordo da quebra

"Os galegos teñen que seguir soportando as consecuencias dun goberno bipartito nefasto para Galicia", proclama Balseiro, para quen a anulación da planta de Touriñán foi un "comportamento perigoso" do que a devandita indemnización é unha "consecuencia" máis. "Todos os galegos temos que pagar os seus erros", espetou cara ás bancadas da oposición.

Aínda que nun ton menos vehemente que o do seu compañeiro de filas a conselleira tamén defendeu o proxecto de Touriñán así como o doutra piscifactoría anulada polo bipartito e declarada ilegal polos tribunais, a de Rinlo (Ribadeo). Ambos eran proxectos "perfectament viables" e o "escándalo" foi anulalos, acusa. "Cando se tomou a decisión de paralizalos sabíase que se ían producir indemnizacións e aínda así se tirou cara a adiante", reprocha, mentres mantén que a a actual Xunta "si defendeu" os intereses do erario público no transcurso do proceso xudicial pero obviando, no entanto, que non argumentou contra a indemnización solicitada pola filial de Pescanova, segundo recolle o maxistrado do Supremo na sentenza.

Balseiro, nunha imaxe de arquivo © PP de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.