O PP de Fraga e de Aznar repartiu sobresoldos, pagou en negro e defraudou a Seguridade Social

Aznar e Manuel Fraga, nun acto do PP © PP

Pagos en diñeiro negro. Sobresoldos. Fraude á Seguridade Social. O Partido Popular cometeu todo tipo de irregularidades contables e laborais nos últimos anos de Manuel Fraga e nos primeiros de José María Aznar. Así o recoñeceu por escrito o propio PP nunhas auditorías internas que encargou o tesoureiro Rosendo Naseiro e ás que tivo acceso en exclusiva eldiario.es.

O PP cometeu todo tipo de irregularidades contables e laborais nos últimos anos de Fraga e nos primeiros de Aznar

As auditorías son de 1990. Apenas uns anos antes, en 1987, entrara en vigor a nova lei de Financiamento de Partidos, e o Tribunal de Contas puxera varios peros á contabilidade do PP. Para emendar todas estas deficiencias, Naseiro fixo dúas cousas: auditar todas as sedes rexionais do partido e encargar ao avogado José Manuel Penido, un home da súa máxima confianza, a adaptación ás novas esixencias da lei.

O 6 de marzo de 1989, Rosendo Naseiro dirixiuse por carta aos xerentes provinciais e autonómicos da formación. Nesa misiva, Naseiro pedíalles a redacción de informes contables e advertía que "a pesar da data na que foi promulgada a precipitada Lei, a rendición de contas ten vixencia retroactiva desde primeiro de xaneiro de 1987". O PP necesitaba aclarar a súa contabilidade e facelo con urxencia, e ante a falta de respostas claras por parte dos xerentes provinciais, Génova 13 decidiu encargarse de facer auditorías, a cuxas conclusións tivo acceso o diario.

A análise das finanzas do PP desvela todo tipo de irregularidades, desde pagos de sobresoldos a cargos electos ata contratos en negro

A análise das finanzas do PP nos territorios desvela todo tipo de irregularidades: pagos xeneralizados de sobresoldos a cargos electos, débil control das doazóns recibidas, contratos en negro a traballadores aos que non se daba de alta na Seguridade Social ou contratación de estudos que nunca chegaban a realizarse.

Todas estas prácticas son as que o PP recoñece na documentación á que tivo acceso esta redacción e que forma parte dos papeis de Naseiro. Trátase de auditorías realizadas sobre os exercicios de 1988 e 1989, que asinou Luis Pérez Cristóbal, auditor da formación política e adscrito ao seu departamento de Tesouraría. Pérez Cristobal viaxou a principios de 1990 por todas as sedes do PP para coñecer o estado das súas finanzas. Os informes elaborados con posterioridade retratan un PP instalado na irregularidade permanente. Naquel momento, Manuel Fraga era o presidente do partido e José María Aznar o  vicepresidente executivo da formación.

A contundencia dos informes chega a tal punto de deixar por escrito a cuantificación do "risco fiscal" por non estar ao corrente nos seus pagos a Facenda. A auditoría do PP do seu grupo no Parlamento andaluz dá boa mostra do nivel de coñecemento que a formación conservadora tiña das irregularidades cometidas. Nun dos parágrafos dese documento pódese ler: "Non se realiza retención do Imposto da Renda das Persoas Físicas dos deputados autonómicos, o que supón un risco fiscal que estimamos en 48 millóns de pesetas".

 

Os sobresoldos de Gallardón

A documentación elaborada a petición do tesoureiro do PP revela que os sobresoldos existiron na formación desde os seus inicios. O seu grupo na Asemblea de Madrid tiña un acordo tácito para compensar as súas señorías e elevar os salarios nun concepto que a auditoría cualifica como "gratificación asegurada". Só en gratificacións e dietas para os deputados, o PP gastou 63 millóns de pesetas en 1988 e 1989. Trátase de achegas á marxe do soldo que cobraban como parlamentarios autonómicos.

O PP de Madrid gastaba case a metade do seu orzamento en sobresoldos a Gallardón ou outros cargos

O ex ministro de Xustiza Alberto Ruiz-Gallardón, o e xvicepresidente da CAM Luis Eduardo Cortés ou o actual secretario de Estado de Administracións Públicas Antonio Beteta foron algúns dos beneficiados por eses xenerosos pagos nos que o PP de Madrid gastou practicamente a metade do seu orzamento para eses anos. No caso de Gallardón, o PP compensáballe con 1.425.600 pesetas anuais que sumaba ao seu salario como deputado e ás extras que a Asemblea lle pagaba en razón do seu cargo de portavoz do PP. Segundo a documentación en poder desta redacción, Gallardón ocupaba o cuarto lugar no ránking de mellor pagos polo sistema de compensación ideado polo PP. eldiario.es púxose en contacto co exministro de Xustiza, que declinou realizar ningunha declaración respecto diso.

O descontrol era tal que mesmo se roubaron varios dos cheques cos que se pagaban os sobresoldos

Algúns deses sobresoldos no PP de Madrid deses anos pagábanse en cheques ao portador. O descontrol no manexo de diñeiro era tal nas oficinas do PP que mesmo chegaron a roubar varios deses cheques que, para todos os efectos, eran case o mesmo que diñeiro en efectivo. A auditoría do grupo popular na Asemblea de Madrid relata a "subtracción de cinco cheques ao portador, destinados a pagar dietas dos deputados". Segundo explica a documentación do PP, ese roubo produciuse en 1988 e o diñeiro subtraído foi 220.050 pesetas.

Fraude á Seguridade Social

Entre as ilegalidades que o PP recoñece nas súas auditorías está a fraude á Seguridade Social. Un caso paradigmático é a sede do PP catalán onde en 1989 traballaban 18 persoas, das que só a metade estaban dadas de alta. O PP tiña a 22 persoas contratadas no grupo da Asemblea de Madrid e só sete delas estaban dadas de alta na Seguridade Social.

A historia repítese seguido xa sexa en postos institucionais ou en pequenas sedes municipais. O informe ao PP no distrito madrileño de Chamberí di: "A secretaria da sede local non está dada de alta na Seguridade Social e, segundo nos comunica a tesouraría, é por mor da negativa da sede rexional a formalizar este requisito". O informe relativo ao PP de Álava teima no mesmo retrato: "O gasto máis importante efectuado corresponde ás gratificaciones (4,2 millóns) sen que se efectúe retención polas gratificacións da secretaria e o asesor, dándose a circunstancia de que a secretaria cobra como autónoma e carga o IVE ao grupo".

No PP daqueles anos era habitual fichar sen necesidade de asinar un contrato. Os pagos en negro aos traballadores do partido eran constantes

No PP daqueles anos era habitual fichar sen necesidade de asinar un contrato. Os pagos en negro aos traballadores do partido eran constantes. As contabilidades ás que tivo acceso esta redacción anotaban como contratados a persoas ás que ninguén enviaba unha nómina a final de mes. Para estes casos, os populares utilizaban o capítulo de "gratificaciones" para pagar servizos e eludir o pago de impostos para o traballador e de cotas á Seguridade Social por parte da formación política.

Ademais das fraudes á Seguridade Social, tamén houbo falta de pagamentos. Parte desta débeda acabou nun pacto do PP coa Administración da que moitas delegacións se decataron sobre a marcha. Foi o caso do PP no País Vasco, que en febreiro de 1990 acudiu ao organismo público para pagar as súas débedas pendentes tras solicitar un crédito a La Caixa por 1.720.000 pesetas para afrontar eses pagos. Na mesma porta, a dirección do PP en Bilbao decatouse de que todas as contas quedaran saldadas tras un acordo entre Génova 13 e a Seguridade Social.

Como resultado desa visita, os populares vascos levaron un certificado que dicía: "Segundo nos informa a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, os representantes dese partido chegaron a un acordo cos nosos servizos centrais a fin de regularizar a súa situación fronte á Seguridade Social, polo que adxunto remitimos impresos de solicitude de adiamento pago de débeda".

Manuel Fraga, nun mitin © PPdeG
Aznar e Manuel Fraga, nun acto do PP © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.